Éche o que hai

Unha ollada crítica (e asocial) ao tenderete alimentario.

Cociñeiros emerxentes

Posted by etxeoquehai o Febreiro 24, 2014

Boas. Hai uns días lera, un tanto perplexo, que La Voz de Galicia convocara un concurso culinario destinado a elixir o mellor Cociñeiro do Ano -as maiúsculas non son miñas: é como titulan a noticia-. En realidade a cousa non era para tanto: no canto de elixir o MCA -responsabilidade que lle corresponde, como todos sabemos, a Nestlé- tratábase de escoller ao mellor cociñeiro -perdón, quixen dicir chef- novo e “emerxente” do país.

A cousa era que un “jurado integrado por expertos en gastronomía, entre los que se cuentan cocineros, periodistas y escritores“, todos eles anónimos, polo que se ve, preseleccionaron un fato de cinco cociñeiros -concretamente, catro “os” e unha “a”-, todos eles noviños e de orixe xeográfica debidamente distribuída: dous coruñeses e un de cada un dos outros tres territorios.

O motivo da miña perplexidade era que á valoración dos méritos dos respectivos candidatos sería levada a cabo polos lectores de La Voz. Bueno, realmente polos lectores da edición dixital de La Voz, porque o método de votación consistía en clicar nunha ligazón da páxina, “identificarse” e optar por un ou outro dos rapaces, todos eles moi ghoapiños.

Esquecía dicirlles que o galardón sería coñecido e outorgado no seo do “epicentro de la alta cocina, en el que se darán cita grandes maestros de todo el mundo” (sic), ou sexa, no fórum gastronomico ex-compostela, agora Fórum Coruña 14; observen a astucia mediterránea da organización de non poñerlle artigo á cidade de ” Coruña”, para non ferir sensibilidades, cuestión importante cando hai financiación polo medio.

Como servidor é un filántropo e un tech victim clicou na ligazón, “identificouse” daquela maneira e votou. A quen? Francamente non me lembro: non tiña o gusto de coñecer a ningún dos novichefs, polo que a miña votación foi efectuada polo método “pito pito colorito”. Como supoño que a da maioría dos votantes: quitando aos amigos, coñecidos, parentes e concidadáns de cadanseu candidato, non creo que existise votante ningún co criterio suficiente como para votar con autoridade, a non ser algún friki con perras suficientes como para percorrer o país visitando restoranes de chefs emerxentes.

O caso é que despois remordeume a conciencia por votar a un e non aos outros, polo que tentei entrar de novo e repetir a votación polo resto dos candidatos. O sistema non me deixou. Vaia, pensei eu, polo menos teñen a precaución de impedir as falcatruadas.

Pero, ai, o caso é que ao día seguinte, levado dunha malsana curiosidade, entrei de novo a probar e, alehop, “identifiqueime” de novo, esta vez con éxito. E repetín o proceso, de novo ao chou, e así un par de veces máis. Un deles quedou sen votar, pero é que un non pode estar en todo. Ruegoadiós que o non votado non perdese por un voto.

O  caso é que onte, no seo do Fórum -que non debe ser tan epicentro nin tan mundial, porque remitiron a información á popa do xornal- entregaron o trofeo a un deles. A cal? Supoño que ao que tiña a familia máis numerosa. Ou ao que máis cartaces chantou polo medio da vila, en plan OT.

De verdade, pero de verdade, oigan: estas cousas todas -as votacións populares vía xornal ou a elección do mellor cociñeiro do programa tal polo metodo de “tu plato está bien presentado, pero no me despierta emociones”- parécenlle serias? É que a min entranme gañas, francamente, de facerme adicto á fabada Litoral. E, por suposto, quítanme as poucas gañas que tiña de asistir ao famoso epicentro, non vaia ser o conto que me dea a risa diante dalgún preboste.

About these ads

Unha resposta to “Cociñeiros emerxentes”

  1. productoresunidos said

    Reblogged this on PLUS GALICIA.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

 
Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

%d bloggers like this: