Éche o que hai

Unha ollada crítica (e asocial) ao tenderete alimentario.

Vacas e antidoping (e II)

Posted by etxeoquehai o Decembro 18, 2013

Boas de novo.

De entrada, manifestar a miña estupefacción diante do aluvión de visitas do post anterior. Ía dicir tamén que o meu agradecemento aos tuisteiros/feisbucadores que perpetraron tan insólito feito, pero non o digo, que xa saben que eu penso que eses trebellos sonche cousa do demo.

Se o seu interese ven motivado pola noticia e pola análise, benvido sexa, aínda que bote de menos unha pouquiña de participación/opinión. De todos os xeitos, teñan vostedes en conta que servidor mantén o ton faltón deste blogue motivado exclusivamente pola xenreira e o rancor, e iso é incompatíbel con converterse nun sitio con máis de media ducia de visitas. Se non queren que me autodomestique, fagan o favor de entrar de incógnito.

Bueno, e rematado o chute de autobombo, imos ao choio.

Se lles parece, imos repasar algunhas das cousas que sabemos sobre este tema. O que sabemos, non o que nos contan.

O primeiro, que sexa ou non a GBH dañina para o consumidor, está claro que a utilización deste tipo de produtos é un claro fraude de carácter comercial e que non é nada bo para as vacas, da mesma maneira que subir o Tourmalet dopado non é bo para o ciclista.  Digo isto por se quedaba algunha dúbida sobre a miña posición, que non creo.

Por outra parte, nos USA o problema máis grave non é a autorización ou non do produto, senón que o lobby biotecnolóxico tentou -e segue a tentar- que se prohibise toda referencia ao seu uso na información ao consumidor, de maneira que se persigue -cada vez menos, é verdade- a aquelas empresas que comercializan leite ceibe de GBH. Se queren botar unhas risas sobre esa delirante estratexia recoméndolles o post da serie Artificiais do que lles falaba na entrega anterior.

A produción leiteira e a crise de prezos.

O uso de BST nalgunhas explotacións leiteiras ao que facía referencia a noticia de La Voz produciuse nun contexto ben preciso: en plenas vacas fracas –desculpen o lamentábel xogo de palabras- do sector, caracterizado, como debería saber todo o mundo, polo comportamento cíclico dos seus prezos. Daquela, moitas explotacións estábanas a pasar bastante putas por mor do ciclo baixo, que coincidiu cunha forte suba dos pensos e dos custes dos préstamos. Ben é verdade que nestes momentos os prezos están na fase alcista e baixou o penso, non chista nindiola e nos xornais esqueceron falar da inxusta situación, da falla de contratos e tal, até a vindeira baixa. Pero isto é outro conto e imos ao noso, que me disperso.

Verán: no mundiño este da produción do leite e da gandería en xeral existen unha serie de figuras ben paveras: unha delas é a do tratante dos xatos –chamado o bicho por mal nome- e outra a do representante, ou comercial de subministros. Haber hai de todo –coñezo exemplos de xente moi seria- pero non deixa de abondar o modelo de comercial pizpireto e dicharachero, disposto a asesorar ao gandeiro en todo tipo de pócimas e remedios–milagre: dende un antibiótico supostamente  indetectábel ate a hormona en cuestión. E houbo quen picou e non foi quen de resistir á combinación de hábil vendedor catalán –non é pexorativo, senón descritivo- e substancia que non deixa rastro –é verdade-, inocua –daquela maneira- e que converte ás vacas en supervacas, polo menos ata que non rebentan. Salvando todas as distancias que vostedes queiran, os gandeiros dopantes serán uns descerebrados, pero a súa posición desesperada non é moi diferente da do fato de empresarios crebados que aparecen nos cárceres de medio mundo despois de serviren de mulas para o tráfico de coca. Non me imaxino a esa xente de outra maneira que non sexa como vítimas do sistema, prescindindo de consideracións ético-interesadas.

Os perigos no sesgo da información.

A cousa non ten remedio e o dano xa está feito. Canto dano? Á espera de que algún dos meus colegas da Uni monte unha task force –aka proxecto de investigación- e á vista de que o tema resultou unha chuminada para os colegas do bloguerío panificador, se lles parece recorremos a unha trapallada no máis puro estilo éche o que hai. Trátase de analizar os comentarios –un total de corenta; case un por gandeiro implicado- que provocou a noticia na versión online de La Voz. A min resultoume un exercicio bastante  pedagóxico, polo que paso a resumírllelo a vostedes, que xa saben que son un filántropo.

Deixando de lado os comentarios tontos de rigor –que a culpa é do pepé, que a culpa é dos funcionarios e que isto se arranxaba metendo a tododiós no cárcere- e os comentarios sensatos –maiormente de gandeiros-  o resto das respostas pódense agrupar da seguinte maneira:

a)      A min iso non me pasa. Dous casos: un que disque fai o pan con cereal ecolóxico –o sector panificador ataca de novo- e outro que a partir de xa pásase ao leite de  soia. En calquera dos casos que vixíen a retagarda, que a soia é trans as máis das veces, e o trigo ecolóxico do país pode vir de sabediosdonde, por moito selo e moita bandeiriña que leve.

b)      É que son todos uns cabróns, chupópteros e aproveitados, os gandeiros e sobre todo os de Lugo. Un total de 11 respostas (case o 25%) con maior ou menor grao de agresividade, pero que responden ao arquetipo do que cuspe ao ceo, co resultado que todos coñecemos. A este grupo dálle igual que as vacas dopadas sexan unhas pouquiñas e que o problema afecte a medio Estado, se a súa tese resulta triunfante: cando alguén vive de producir comida é un delincuente, forrado de subvencións e que debería traballar gratis, que a el as leitugas que apaña na aldea sáenlle baratísimas.

c)      Deberían informar das marcas implicadas e/ou nos están a envelenar. Un total de 9 respostas (un 17%), que no fondo o que traslucen é a inseguridade e o medo que provoca a falla de transparencia e información ao consumidor. Xa comentei algunha vez -e seguireino facendo- que, na miña opinión, a falla de información adecuada sobre o que comemos é un perigo moito maior que as propias alertas alimentarias. E que o peor é que esa ocultación non é accidental, senón levada a cabo co maior dos cinismos por parte da autoridade alimentaria.

d)     Non existe control sobre o leite. Coméntano 4 persoas. Neste caso sinto dicir que non teñen razón, polo menos falando de Galicia. E se non lles importa xustifico a miña apreciación.

A totalidade do leite producido en Galicia con destino á súa comercialización está controlado a través dun organismo chamado Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite, que non ten carácter público, senón que está formado por industrias, sindicatos e cooperativas presentes no sector. Neste laboratorio –que eu coñezo ben, non en van é un dos meus fillos- realízanse análises para pagos por calidade -un sobreprezo que se paga ao gandeiro en función dunha serie de parámetros medíbeis- pero tamén de ausencia de antibióticos ou de signos de brucelose. A detección de GBH non forma parte da batería de análise por unha sinxela razón: porque unha vez subministrada resulta indetectábel –igual que as cousas esas que usan os ciclistas-, polo menos sen gastar na analítica máis do que custa a vaca dopada.

Hai un detalliño que a case todo o mundo se lle escapa: a posibilidade de detectar un problema nunha análise resulta tanto maior canto máis rigorosa é a análise. Noutras palabras: séguese a curiosa teoría de que se eu non vou ao médico non teño colesterol. De feito así pasou cando o caso aquel da EEB, aka vacas tolas: o maior número de casos detectábase en Galicia, e quizá tivese algo que ver co feito de sermos a única comunidade na que se aplicaba o protocolo de detección na súa integridade.

Pero as cousas son como son, e ocorre xusto ao contrario: a aparición de casos como o que hoxe nos ocupa non fai outra cousa que xerar a alarma -en ocasións a histeria- da poboación. Polo menos mentres non deixa de saír nos medios.

As conclusións.

Francamente non teño a menor idea de quen é a responsabilidade final no tema este: se dos gandeiros dopadores, se do representante juguetón, se dos poderes públicos que quedan caladiños a ver se deixa de chover ou se do aprendiz de Pulitzer. O caso é que dos comentarios dedúcese que a peña anda moi alarmada con todas estas cousas, por se non fora pouco co que pasa en xeral.

Algunhas das persoas que leron o post anterior fixéronme referencia á posibilidade de que este tipo de noticias tiveran algo que ver co interese en salientar cousas negativas para o noso sector alimentario. Poderanme chamar inxenuo, pero eu francamente non o vexo: non me imaxino ao Voice Boss –por moita cara de Zola que poña nas fotos dos editoriais- enredado nunha maléfica campaña promovida polos fabricantes chineses de leite de améndoas. Máis ben creo que responde a algo máis sutil, que ten bastante a ver con nós mesmos e co constante xogo de mitos/contramitos que forma parte do perfil do homo galaicus modernus que te caghas. Non quero abondar nesta cuestión –pendente de que uns cerebriños me deixen expoñer a miña tese de palleiro nun tenderete deses de campanillas-, pero fíxense que xeralmente a nosa cousa agraria/rural só é noticia se ten ribetes truculentos, trátese dun sachazo por un marco dunha leira, un lume incontrolado –a ser posíbel asociado a un pirómano nonaxenario- ou a dopaxe masiva en cuestión.

Bueno, e por hoxe, penso que xa cumprín. Ah, non: queda a cancionciña, inaugurando hoxe un novo gadget para non ter que andar a apañar youtubes. Desta a miña versión triste dun tema ben triste de REM, o seu Everybody Hurts. Xuro pola memoria de San Ferrán que dioloteñanaghroria que é a derradeira canción triste. A partires de agora, só rock & roll.

Ate a vindeira.

4 Respostas to “Vacas e antidoping (e II)”

  1. F. Miguez said

    Parada técnica nun bar de Santa Comba, collo o móbil para pasar o tempo e… Etxeoquehai de volta!
    Voulle por partes, coma sempre:
    1.- Coa de xente cualificada que hai no paro, non acabo de aceptar que as actividades económicas estratéxicas sigan en mans de xentes que creen en trucos e pócimas máxicas.
    2.- Hai un problema de fondo, en xente que cre que sigue habendo negocio na cantidade nun mundo cargado de excedentes e cuotas para controlalos.
    3.- Problema de fondo 2, que non secundario, é unha sociedade na que as persoas ignoran a procedencia dos produtos que consumen (e o destino dos consecuentes refugallos, por certo), e ademais orgullosa desa ignorancia.
    Apertas de benvida!

  2. etxeoquehai said

    As miñas desculpas, don Tino. Anda un estes días sometido á tortura da gripe esa da que falan os xornais, e xúrolles que non é o mesmo unha gripe aos trinta e trantos que aos cincoenta e tantos. A ver se nun tempo repóñome dunha puta vez.

    Apertas.

  3. F. Míguez said

    Non se mortifique, que a min non me deu (todavía) pero a quen coñezo que lle deu, deulle ben sen preguntarlle a idade. A mellorarse.
    Unha aperta.

  4. starbase said

    el problema no son las vacas,el problema es la sobreabundancia de bueyes.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

 
Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

%d bloggers like this: