Éche o que hai

Unha ollada crítica (e asocial) ao tenderete alimentario.

Vacas e antidoping (I)

Posted by etxeoquehai o Decembro 15, 2013

Boas.

O pasado 4 de decembro, La Voz de Galicia, baixo o tremendo titular de “cien imputados en Lugo por dopar vacas para producir más leche” informaba do descubrimento, na provincia de Lugo, dunha trama de gandeiros acusados de dopar (sic) ás súas vacas cunha hormona prohibidisima e perigosisima, a chamada Somatotropina Bovina (BST, en inglés). Esta hormona, inxectada aos bechos incrementa a súa produción de leite.  Canto? segundo informa La Voz, “nalgúns casos case o dobre de leite do nomal“.

De acordo con esta información, “El uso de esta hormona está permitido en Estados Unidos, donde no se detectó riesgo para la salud humana. En Europa, en cambio, hay estudios que concluyen que leche y derivados producidos bajo la administración de esta hormona aumentan el riesgo de cáncer de mama, provocan arritmias, malformaciones en fetos y hasta diabetes“.

Cando eu lin a noticia agardaba un vendaval de opinións na rede, e concretamente na comunidade de gastroblogueiros, sempre preocupados de intercalar, entre receita e receita e visita e visita a gastrosaraos, chamamentos á alimentación sana e natural. Pero non. A peña anda estes tempos demasiado ocupada, seica, en preparar masas madres e prefermentos e facer panes artesanos como para prestar atención a vulgaridades. Nada novo, por outra parte.

Pero servidor está de volta, escribíu no seu momento deste tema e fai tempo que non se dedica á panificación. De modo que imos ver que atopamos tirando deste fío.

Dándolle unha volta á información periodística e ás sucesivas derivadas no mesmo medio, atopamos que:

1.- Os cen gandeiros de Lugo que non eran cen, nin todos de Lugo. Gandeiros eran, iso si. Vexamos: indo máis aló do titular, no corpo da noticia, atopamos -ía dicir sorprendidos, pero eu a estas alturas son duro de sorprender-  que os lucenses implicados son menos de sesenta (60): “Solo de la provincia de Lugo, el número de personas que fueron involucradas en la presunta trama se aproxima a las sesenta. Las demás se reparten entre A Coruña, Santander, Asturias, Lérida y otras provincias españolas con una importante industria ganadera“. A ver, que sexan cen, sesenta ou media ducia mal contada, e que sexan todos de Lugo ou haxa algún cántabro, pouco importa, dirán vostedes. Pero é que o titular di o que di. Bendita sexa a precisión e o rigor de La Voz de Galicia. Ou polo menos do encargado de poñer titulares.

Seguimos a ler, esta vez noutra, do mesmo xornal do día seguinte, 5 de decembro.  De acordo coa información que recadan, as responsabilidades últimas apuntan a unha comercializadora catalana de subministros á gandería, que se dedicaba a distribuír doses de BST aos seus clientes, espallados por toda a xeografía. Lugo, si, mais tamén Aragón, Cantabria, Asturias e mesmo Cataluña.  A hormona, contrabandeada, procedía de México

Pero é que, ademais, a noticia non é nova: o pasado 18 de abril -ou sexa, sete meses antes-, no mesmo medio, informábase xa desta operación (denominada Operación Brucela, dado que o Seprona andaba a procura de vacas con brucelose e deu con vacas dopadas), pero daquela afectaba a máis de trescentas explotacións “da zona norte”. Segundo a mesma información “gran parte de las explotaciones de vacas lecheras afectadas estarían en las comunidades de Cataluña y Aragón“.

De modo que unha noticia bomba que afecta á gandería galega de leite resulta ser máis ben resesa, e inclúe un montón de provincias. Entre elas, Lugo, como non, entre outras cuestións por razóns estatísticas, e tamén porque a investigación empezou en explotacións desta provincia.  Aproveito para amosar a inmensa sorte que teño de ser cidadán da provincia do lado: non sei que carallo está a pasar cos veciños que non levantan cabeza, oigan. Ate cheguei a pensar que Lugo forma parte dunha experiencia piloto para ver canta paciencia ten o administrado.

2. A hormona é canceríxena aseghún e depende. Xa transcribín máis arriba parte da “información”, que recorre a verbas tan inocentes como “cancro”, “malformación” e “diabetes”. Iso si, só afecta a europeos. Seica os ianquis son inmunes, dado que os estudos USA revelan que o seu BST é inocuo.

Eu pregunto: están seguros os muchachos de La Voz do que din, ou falan de ouvido? De tratarse disto último, se  non é alarmar gratuitamente que veña San Antonio Luis e me ilumine.

Como xa lles adiantaba, hai un tempo deume por escribir sobre a BST, daquela relacionada cunha das empresas produtoras -Monsanto- dentro do ciclo de artificiais [Teñen a ligazón ao final do post, se hai algún friki que quera revisar o entón dito]. Se desculpan as autocitas, daquela dicía:

“O emprego da BGH –tanto a de orixe natural como sintético- está envolta nunha forte polémica –á que non é allea, por que non dicilo, a propia personalidade e antecedentes de Monsanto- , fundamentalmente debida aos seus presuntos efectos sobre a saúde animal e humana. Vexamos:

Efectos sobre a saúde e o benestar animal.

Parece existir un certo acordo na comunidade científica internacional .se exceptuamos as autoridades sanitarias USA- sobre os riscos que presenta sobre a saúde e o benestar animal.

En 1999, o Comité Científico sobre Saúde e Benestar Animal da Unión Europea emitiu un Informe sobre o uso de BGH, que afirmaba que ese uso incrementaba notabelmente os problemas de saúde dos animais, incluíndo problemas óseos nas extremidades, mastite, reaccións nos lugares onde se producía a inxección, trastornos reprodutivos e vulneraba as condicións de benestar animal, propoñendo a súa prohibición no ámbito da UE, o que foi aceptado.

Por outra parte, dúas meta-análises [Nota para frikis. Unha  meta-análise é un termo empregado para describir un estudo baseado na revisión dos diferentes estudos clínicos realizados en relación cun determinado problema de saúde] publicadas no Canadian Journal of Veterinarý no 2003 revelaron que a aplicación de rBGH levaba consigo un incremento da produción de leite de entre un 11 e un 16%, e un incremento do risco de mastite dun 25%, unha redución da fertilidade do 40% e un incremento do 55% nos riscos asociados a problemas óseos nas extremidades.

O organismo canadense de saúde Canada Health prohibiu a venda de rBGH en 1999, amparada nas consecuencias sobre a sanidade e o benestar animal -o filme Le Monde selon Monsanto revela un intento de suborno de membros do organismo para promover a autorización que non foi debidamente aclarado- aínda que non se atoparon evidencias de riscos para a saúde dos humanos.

Así mesmo, Prosilac está prohibido en Xapón, Australia e Nova Zelandia, pero non así no resto dos países, e moi nomeadamente Estados Unidos. Até a data a Comisión do Codex Alimentarius negouse a considerar á rBGH como segura.

Efectos sobre a saúde humana.

Non existe un acordo científico unánime en relación cos riscos sobre a saúde humana. Se ben existen estudos que alertan sobre un risco do incremento do factor de crecemento insulínico tipo 1 (IGF-1) -considerado como carcinoxénico- motivado pola inxesta de leite tratado coa rBGH, outros estudos determinan que ese factor resulta destruído pola pasteurización e que, en todo caso, o incremento dos niveis dese factor no organismo sería de relevancia moi escasa”.

De modo que a BST, tamén chamada BGH, constitúe unha fraude e resulta un produto perigoso en termos de saúde animal, pero non está nin moito menos claro o seu perigo en caso de inxesta humana. De feito, os riscos de cancro e deformidade fetal aos que se refire o artigo teñen que ver cos tetos e os fetos das vacas, non das persoas. Non vou ser eu quen defenda o emprego deste tipo de produtos, pero alguén esqueceu engadir “das vacas” cando alarmou sobre o “risco para saúde”.

Por último, o artigo citado aludía que as vacas tratadas con esta hormona producían ata o dobre do leite cas outras. De acordo cos datos que recollín no meu post, o incremento esperado é inferior ao 20%. Que é moito, si, pero que non é o mesmo, como moi ben dicían no Barrio Sésamo.

O máis importante do tema, na miña opinión, non é que o redactor da noticia sexa un pouco falabarato, e que o control por parte da xefatura de redacción sexa daquela maneira.  O problema ven polo grao de alarma que pode suscitar unha noticia coma esta, e polas consecuencias comerciais, que son de todo menos baladís.  Analizaremos estas cuestións nun par de diíñas, que eu ando desentrenado escribindo e vostedes aturando barrilas.

Ligazón ao artigo do que falaba

Ata logho, entón.

About these ads

5 Respostas to “Vacas e antidoping (I)”

  1. sihomesi said

    MuybuenolotuyoMorgan

    Xosé Manuel Pereiro Enviado dende o meu iPhone

    > El 15/12/2013, a las 23:03, “Éche o que hai” escribió: > > >

  2. etxeoquehai said

    Xa sei que vostede preferiría enviar un tuíster, pero que quere…. irredento como os do Medulio.

  3. […] Boas. O pasado 4 de decembro, La Voz de Galicia, baixo o tremendo titular de "cien imputados en Lugo por dopar vacas para producir más leche" informaba do descubrimento, na provincia de Lugo, dunha…  […]

  4. Falarían con tanta frivolidade de Botín, do Banco Santander, da extinta Caixa Galicia…..Cando se falará de que Lugo, sendo a provincia mais importante na producion de leite do Estado, e tamen a que ten maior valor ambiental, por exemplo as reservas da Biosfera,¿Que seria o Camiño de Santiago sen a paisaxe coidada polo traballo dos agricultores e gandeiros? ¿Alguen viria dedes Alemania a camiñar polo polígono de Sabón, onde se atopa a Voz?.
    Xa está ben de tantas chapuzas galegas ¿porque non FACER UN BLOG DE CHAPUZAS PERIODÍSTICAS? seguro que La Voz iba a ter un bó resultado. Xa está ben de complexos e de auto odio. Que desprezo e que incultura sobre o valor do rural….

  5. etxeoquehai said

    Benvido, colega. Como dicía hai un cacho, a ver se entre todos poñemos algo de sensatez no asunto este das cousas de comer…..

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

 
Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

%d bloggers like this: