Éche o que hai

Unha ollada crítica (e asocial) ao tenderete alimentario.

Etiquetando á señoriña dos grelos.

Posted by etxeoquehai o Marzo 9, 2013

Moi boas.

O pasado día 4, o Faro de Vigo informaba aos seus lectores de que  “La Xunta obliga a los agricultores a etiquetar los productos que vendan en ferias y mercados“. Ahívalaórdiga, pensei eu, a putarevuluçao e eu sen peitear.

En realidade, como case sempre,  o contido da información non era para tanto. De entrada non tería estado mal que se titulara en futuro -A Xunta obrigará- no canto de en presente -A Xunta obriga- tendo en conta que, en realidade, trátase do anuncio dun vindeiro Decreto que regulará a obrigatoriedade da etiquetaxe dos produtos agrogandeiros que se venden nas feiras e mercados locais directamente polos produtores. Para entendérmonos, os mañuzos dos grelos que vende a señoriña chantada nunha banqueta diante da praza de abastos de Compostela. Da señoriña que fai o mesmo, con banqueta similar, á beira da estrada da coruña non din nada, pero supoño que virá sendo o mesmo.

Facéndose eco -supoño- das verbas da conselleira agromariña, o xornal explícanos que “desde los grelos hasta los huevos de corral que se venden en ferias y mercados locales estarán obligados a llevar su correspondiente etiqueta en la que se pueda leer el nombre del productor, su dirección y el número de inscripción en el Registro de Explotaciones Agrarias”. Como xustificación da medida,  fálase da -suposta- existencia dun Regulamento comunitario que, dende 2004, obriga xa a esa etiquetaxe, pero que na práctica non se está a cumprir. Obviamente -engado eu, non a conselleira agromariña-, que a señoriña do grelo e da banqueta non lle poña o nome, o D.N.I., o enderezo e o número de rexistro ao mañuzo dos grelos incide ata non se imaxinan vostedes canto no control agroalimentario, no desmesurado incremento da economía somerxida, na competencia desleal e na saída da crise. E, se me apuran, no cambio climático. E conste que falo dos grelos. O dos ovos é outra historia, da que falaremos ao final.

Por outra parte, e de maneira un tanto contraditoria, o artigo fala tamén de que “la Xunta suavizará las exigencias que tienen que cumplir los productores para poder vender directamente sus productos en ferias y mercados. Hasta ahora para dedicarse a ello, agricultores y ganaderos gallegos debían estar inscritos en el Registro Sanitario Industrial, lo que les obligaba a disponer de unas instalaciones con unas características similares a las exigidas a una industria“.

A ver. Pero, en que quedamos? Vai a Xunta a incrementar os controis sobre os produtos de venda directa, como apunta a primeira parte da noticia, ou polo contrario pensa en suavizar os controis, como di a segunda parte? A cousa, por se non estivera xa suficientemente confusa, remata por terminar de liarse se un atende á ligazón que parece na mesma noticia, na que se di que “Medio Rural  pide al Gobierno que también permita al productor comercializar pollos y conejos“.

Revisemos todo este follón, en plan esquemático: a) Medio Rural -e do Mar- vai obrigar á etiquetaxe dos produtos de venda directa en feiras e mercados, b) Medio Rural -e do Mar- vai suavizar as esixencias para a venda directa en feiras e mercados, e c) Medio Rural -e do Mar- vai solicitar ao Goberno -Central- que permita a venda directa de polos e coellos -mortos, suponse- en feiras e mercados.

Francamente: vostedes entenden algo? Eu tampouco. Bueno, realmente estou a faltar á verdade: eu si, pero é que servidor leva moita mili nestes asuntos. E así, como non podía ser doutra maneira, retomo a miña natural pero medio esquecida vocación filantrópica para tentar facer un pouquiño de luz neste tema aos escasos lectores interesados nestas cousas tan abstrusas de saber o que comemos.

A primeira tentación, a de acudir ás fontes, deu como resultado agüita: na web da consellería agromariña non se dá ampliación ningunha desta noticia nin do agardado Decreto -realmente, nin se menciona na sección de novas-. E no DOG a data de hoxe ese Decreto tampouco esta publicado. Por outra parte carezo de ánimos para pedirlle a algún coñecido da agromariña que me pase o borrador, non vaia ser o conto de que, aínda por riba, se me mosqueen.

De maneira que non me queda outra que facer de oráculo e interpretar o que se pretende construír a partires desta escasa e contraditoria información e dos vimbios que temos. Cando se publique o Decreto xa veremos ata que punto acertei na predición.

E o primeiro, coma sempre, é empezar polo principio: a regulamentación europea sobre venda directa de produtos agrarios en feiras e mercados locais.

Algunha vez teño xa falado aquí do denominado paquete de hixiene europeo. Agora que o penso, é un nome ben acaído para denominar a un kit de loita contra das ETS, pero non. Trátase dun conxunto de normas, aparecidas entre os anos 2002 e 2005, a raiz das crises alimentarias daqueles anos -lembren a EEB e as pestes- que pretendían introducir un corpus común a toda Europa sobre todo o relativo á trazabilidade -o concepto aquel tan bonito del from farm to table- e á seguridade alimentaria. E, dentro do paquete, os elementos máis importantes foron dous Regulamentos: O 178/2002 e o 852/2004.

Regulamento 178/2002

O Regulamento 1782/2002 -que entrou en vigor en 2005- supuña dalgún modo o alicerce de todo o sistema europeo de seguridade alimentaria. Por exemplo, creábase a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria -coñecida, entre outras cousas, polo papelón xogado nos últimos casos de polémica sobre OXM, como  o caso Seralini-, definíanse as figuras claves do proceso -por exemplo, o que é ou non un alimento- e -o máis importante para todo o que hoxe nos ocupa- establecíase a obriga de aseguramento da trazabilidade a todos os elos da cadea alimentaria, incluíndo, por primeira vez, aos chamados produtores primarios -isto é, labregos e gandeiros-.

Convén que nos deteñamos un intre a ampliar o que significa este concepto. De acordo coa definición de trazabilidade -en galego máis purista, rastrexabilidade, pero se o poño así ao mellor non saben do que estou a falar- do propio Regulamento, é a “posibilidade de atopar e seguir o rastro, a través de todas as etapas de produción, transformación e distribución, dun alimento, un penso, un animal destinado á produción de alimentos ou unha substancia destinados a seren incorporados en alimentos ou pensos ou con probabilidade de selo“. Ou, en román paladino, un sistema que permita identificar, rexistrar e transmitir á autoridade sanitaria toda a información sobre a orixe inmediatamente anterior e o destino inmediatamente posterior de cada produto que pase polas mans dun operador alimentario.

Un sistema eficaz de trazabilidade resulta clave na seguridade alimentaria: é o que permite, por exemplo, seguindo un por un os elos -en español, eslabones; de nada- da cadea dun produto, chegar a identificar a orixe exacta dun produto responsábel dun problema de alarma alimentaria. Un caso típico foi aquel dos cogombros alemáns contaminados por salmonella: a existencia do sistema de trazabilidade permitiu -aínda que non tan rapidamente como tería sido desexábel- detectar a orixe exacta das explotacións onde se cultivaran os cogombros, aínda que demostrou non ser demasiado eficaz, posto que se perdeu a información nos mercados por xunto e non  foi posíbel demostrar cal foi o vector de contaminación.

Por outra parte, as autoridades europeas, nesta cuestión como en tantas outras, demostrar unha enorme eficiencia cando e como lles convén, e empregan a estratexia do avestruz cando ocorre o contrario. Lembren se non a excepción a este sistema que se produce nun dos elos fundamentais: a transmisión da información ao consumidor, que debería ser o obxecto último de protección e, por ende, de todo o sistema de seguridade alimentaria. O que ocorreu hai ben pouco no caso dos túnidos  ou as deficiencias en información dos OXM -dos que xa falamos anteriormente- son casos típicos de desinformación interesada.

En calquera caso, quédenseme polo de agora que a trazabilidade é obrigatoria para todos os operadores alimentarios e que é un elemento fundamental da seguridade alimentaria. Volveremos máis adiante ao tema.

Regulamento 852/2004

O Regulamento 1782/2002 -que entrou en vigor en 2005- incide moito máis directamente nas cuestións relativas á hixiene alimentaria, que, á luz desta norma, descansa sobre dous piares:

  1. Un conxunto de normas básicas de hixiene alimentaria, relativas ao deseño, ás instalacións e aos materiais que formen parte de calquera recinto dedicado a albergar alimentos, produtos alimenticios ou produtos en fase de elaboración. As esixencias das normas varían en función do tipo de produto alimenticio e do seu risco, e están obrigadas á súa aplicación todos os operadores, incluíndo os produtores primarios dos que falaba anteriormente. Para os produtos de orixe animal existen unha serie de normas adicionais recollidas noutros regulamentos -por exemplo, o 853/2004-.
  2. A aplicación do denominado método APPCC (Análise de Perigos e Puntos de Control Críticos) a todos os operadores -incluíndo á restauración- con excepción dos produtores primarios. Dos APPCC xa din conta nalgún post anterior dedicado á seguridade alimentaria.

As esixencias á venda directa polos produtores.

Como vimos antes, os requisitos de trazabilidade e normas de hixiene son obrigatorios para todos os operadores alimentarios, con dúas excepcións:

  1. O autoconsumo. Un operador que produza para si ou para a súa familia non está obrigado a manter requisitos de trazabilidade nin normas mínimas de hixiene alimentaria. Tamén fodería, engado eu.
  2. A venda de produtos primarios -isto é, de produtos agrarios e gandeiros sen transformar e/ou sen manipulación- comercializados na propia explotación, en feiras ou mercados locais ou por comerciantes locais polo miúdo está excluída dos requisitos de hixiene. Están tamén excluídos dos requisitos de trazabilidade, agás no caso de venda a comerciantes locais.

Que quere dicir isto? Pois ben sinxelo: teoricamente a señoriña dos grelos non ten obriga legal de estar de alta en rexistro ningún, nin de gardar rexistros de trazabilidade, nin ten obriga de manter requirimentos de hixiene -obrigatorios con carácter xeral na comercialización, por exemplo, de ovos, de queixos ou de polos- do tipo de estar dada de alta no Rexistro Sanitario de Industrias, dispor de locais e de aparellos especiais para a manipulación, etc. E o mesmo rexe para os produtores que vendan directamente nas explotacións ou que lle vendan ao tendeiro da súa vila (neste último caso, si que están obrigados ao requisito de trazabilidade, isto é, a gardar rexistro do lote vendido, da data e dos tratamentos efectuados). Non entro, polo de agora, a xulgar se isto é ou non é razoábel: limítome a enumerar o que indica o Regulamento.

Non obstante, a situación real dista moito de ser esta. A inspección sanitaria négase, por principio, a admitir esta interpretación legal, e impide -e multa- a venda, por exemplo, de polos en mercados locais ou en comerciantes polo miúdo que non estean acompañados polo número de R.S.I. e, por conseguinte, a dispor de instalacións homologadas. A cousa chega ao extremo de ver, nun super da miña vila, un mañuzo de porros ou de pulpitos de tierra dun produtor local que se ve obrigado a manter número de R.S.I. e a sofrer inspeccións para comercializar a produción dunha hortiña ou dun invernadoiro de 700 metros cadrados.

O por que desta situación, tan laxa por un extremo e tan estrita polo outro, estriba nun apartado do Regulamento 852 que ficou -non sei se deliberadamente- indefinido. En concreto, inclúese a esixencia de desenvolvemento posterior por parte dos Estados membros de normas de rango estatal ou autonómico que regulen as esixencias en hixiene dos produtos destinados á venda directa en mercados locais. E pasou, meus, o que adoita pasar nestas casos: que o Estado membro ou a Comunidade Autónoma regula daquela maneira -ou directamente non regula- o que se ve obrigado a regular. E non se pensen nin por un momento que a falla de regulación supón vantaxe ningunha para o produtor: con certa lóxica, cando un inspector sanitario non ten lexislación sensata á que agarrarse, apela á lexislación vixente, e aplica as mesmas normas á señoriña da banqueta que a campofrío.

Neste caso, o Estado Español de las Autonomías y de los Grandes Expresos Europeos regulou. Mal, pero regulou. Meténdose nas competencias autonómicas, pero regulou. En concreto, co R.D. 640/2006, polo que se regulan determinadas condicións de aplicación das disposicións comunitarias en materia de hixiene, da produción e comercialización dos produtos alimenticios.

Por que digo que se regulou mal? Pois por que o R.D. realmente non regula, senón que se limita a sinalar un conxunto de prohibicións e de autorizacións, todas elas referidas a produtos de orixe animal, mentres que segue a deixar no limbo aos produtos agrarios. En concreto, establece a prohibición da venda directa de leite cru e de aves e lagomorfos (vulgo coellos)  sacrificados na explotación. Establece, iso si, unha excepción para a aves destinadas á produción de foie gras. Con dos cojones, engado eu, e aproveito para dar pistas, como filántropo que son, aos interesados no seguimento da polémica do fúa de Antonio Luis, nuestro gastrósofo favorito. Establece así mesmo unha serie de consideracións relativas ao emprego de leite cru para a elaboración de queixos, de carnes de caza e de touros de lidia, sen que veña moi ben a conto, dado que todos estes temas non teñen nada que ver coa cuestión á que obrigada o  Regulamento.

En resumo: que eu supoño que a consellería do medio rural -e do mar-, con bo criterio -que xa ía sendo hora de lanzarlles algunha flor-, quere publicar un decreto para encher a lagoa -máis ben o lameiro- que deixou no R.D. o ínclito ministerio de los tres medios. Polo que leo no xornal, a cousa vai ir de establecer uns mínimos requisitos de etiquetaxe á señora da banqueta mentres que, en contrapartida, vai permitir abandonar a delirante esixencia de rexistro sanitario para todo e en calquera caso. E, adicionalmente, polo que tamén leo, quérense dirixir aos Cañete’s boys co fin que deixen de tocar o carallo co tema dos polos e os coellos e que se metan nas súas cousas. Ai, non perdón, que son do goberno amigo: quixen dicir que se van dirixir, respectuosamente y otrosidigo, ao ministerio a ver se fan o favor de abrir un pouquiño a man coas paisanas das banquetas. Eu diríalles que, se á primeira non lles fan moito caso, que teimen: non en van o boss da cousa é un coñecido partidario de estender o concepto de consumo preferente aos iogures. Abondará con que o amplíe ás peitugas.

A miña opinión.

A estas alturas supoño que estarán, os que aínda permanezan espertos, rabeando por coñecer a miña opinión. Pues si una opinión queréis, una opinión os voy a dar.

A verdade que eu non entendo moi ben que a esixencia europea en materia de hixiene estea relacionada, non co risco intrínseco dun produto, senón co seu ámbito de venda. É como si alguén, dentro do conxunto ese dos sabios da AESA, pensase que un tipo que se intoxica por salmonella cun polo ou pilla unha brucelose cun queixo mercados nunha feira se intoxica pero poquito. Ou -cousa ben máis probábel- ao mellor é que non se atreven a regular contra dos intereses dos países como Francia, que teñen nas vendas en mercados locais unha pata non desprezábel das súas vendas de delicatessen.

En calquera caso: eu penso que o nivel de esixencia sanitaria dun produto alimentario debería ser tanto maior canto maior sexa o risco sanitario do seu consumo. Isto é, mínimo no caso de vexetais frescos e bastante maior no caso de produtos animais (ovos, lácteos e carnes). Iso si, desenvolvendo un sistema sensato de control e esixencia hixiénica. Eu entendo que non é sensato esixir a un pequeno produtor de queixo doméstico ou de polos que teña na casa unha fábrica de nestlé ou o matadoiro de Guixona, pero de aí a pasar de todo media un abismo. Penso que unha solución sensata pasaría por esixirlle que non faga porcalladas, que teña todo limpo como unha patena e, sobre todo, por incorporar un sistema eficaz, publico e rápido de análise aleatoria de produtos no punto de venda. Que é máis caro? Pois si. É unha situación ben máis cara que andar a tocarse o occipicio, pero ben máis barata que loitar contra a imaxe negativa dunha intoxicación por consumo dun capón mercado na feira de Vilalba, poñamos por caso.

Ah, esquecía: o putofuá, amén de ser un produto impropio do consumo por persoas cun mínimo de sensibilidade,  ten risco. De pelotas. Diga o que diga o Real Decreto.

About these ads

4 Respostas to “Etiquetando á señoriña dos grelos.”

  1. alvarez said

    Non se meta cos escasos inspectores de sanidade que gracias a eles gañome o pan!. Tiña que haber moitos mais e mais caprichos-as cos actuales e acojonar a toda a multitude de delincuentes alimentarios que temos rodeandonos!

    Zapeando fai uns meses atopei ese misterioso canal chamado tvja no que habia un cocinillas destes que tanto lle gostan a vostede, e o pailan ia falando que leera nun libro antiguas plantas comestibles e a vez collia coas mans de tocarse os mismisimos ervas da area da praia, cos botes de lejia e neumaticos a beira, e algas que o paisano, con dos cojones, decia que poria isa mañan no seus pratos de restaurante tiradaderolloadrianeiro que tiña pola ria de Ribeira, terra esa mariñeira e de xente moi de tirar pra diante.

    Menos mal que o que non mata, enjorda.

  2. etxeoquehai said

    Pero se non me meto cos inspectores de sanidade, todo o contrario. Co que me meto é coas leises e sobre todo cos métodos de control. E diso eles non teñen a culpa.

    O que non mata enjorda, pero as veces o que mata mata.

    Onte non sei onde vin unha reportaxe sobre unha feira desas de alimentarse, en Ourense creo, e había outro jichiño facendo os mojitos con nitróxeno líquido. como era en ourense, o tipo non usaba nin paniño para protección. Todo a pelo.

  3. starbase said

    O de putufá me interesa… mais que nada porque en breve me retrato un anaquiño en el tema :D

  4. etxeoquehai said

    Y que te interesa? La parte “alimento indigno”? o la parte “alimento con riesgo”?.
    En el primero caso creo que no hace falta ser Ratzinger para darse cuenta de que forzar a un animal en cautividad una hepatitis grasa severa para que el órgano deteriorado sirva para la eyaculación sensorial de un hijoputa glotón (dicho sea con todo respeto y consideración) tiene unas implicaciones éticas que van infinitamente más allá de la cosa esa de los toros bravos, sin que eso suponga defensa alguna de la “fiesta nacional”. A mi las corridas de toros me interesan al mismo nivel que los ritos de apareamiento massai, no sé si me explico.
    En cuanto a la cuestión “riesgo sanitario” creo que ya he comentado alguna vez que el riesgo es lo equivalente a estimar la relacion entre el peligro objetivo que puede suponer la ingesta de un alimento y la probabilidad de que ese peligro teórico se manifieste.
    El putofuá es el hígado enfermo de un animal maltratado, y el hígado es -como todo el mundo sabe- un órgano con cierto peligro, debido a su función fisiológica, aún tratándose de animales sanos. Y la probabilidad de manifestación del peligro es tanto mayor cuanto más se relaja el control sobre el proceso de obtención. Desde ese punto de vista el permitir el sacrificio y la comercialización de aves para obtención de putofuá en la explotación, sin mayores controles, es un disparate cósmico, sobre todo si lo comparamos con la prohibición de venta de leche cruda, de pollos o conejos.

    Es como si la ley prohibiera la venta libre de pistolas de balines pero permitiese la de kalashnikov.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

 
Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

%d bloggers like this: