Éche o que hai

Unha ollada crítica (e asocial) ao tenderete alimentario.

Manifesto Asambleario (cando eramos insultantemente novos)

Posted by etxeoquehai o Febreiro 26, 2013

Boas.

Como saben, ando estes tempos enredado na penosa tarefa de embalar os bártulos do que foi o meu medio de vida os últimos vintetantos ou trinta anos. Penosa é, pero a cousa tamén ten algunha vantaxe: atopas todos aqueles papeis que deras por perdidos sen remisión.

Neste caso a min tocoume en sorte dar cunha vella publicación, máis ben un panfleto, que un grupiño de rapaces de apenas 20 anos, estudantes galegos en Madrid, publicaramos nada menos que en 1.978. Do marco temporal e ideolóxico xa falara hai moito tempo nun post nostálxico (Tempos de asembleas) no que daba conta dun movemento ben pouco coñecido – máis que por algún politólogo friki-: a Asamblea Popular Galega. Os partícipes da elaboración daquel documento viñamos sendo todos ex membros -penso que daquela xa estaba disolta ou en trance de disolución- daquela organización, e o máis vello dentre nós non cumplira os 23 anos.

Ollando o panfletiño cos ollos de vello présbita que monto hoxe, e deixando de lado as lóxicas nostalxias, decátome que a composición, a estética, a linguaxe e o contido non responden para nada á lembranza que manteño daqueles tempos de pantalón campana, analbabetismo funcional en galego pola falla de ensino na lingua propia e analbabetismo funcional ideolóxico por falla de práctica. Salvando as mil e unha tachas que hoxe -a  touro pasado- podemos poñer, tendo en conta o afán didáctico quesempre asomaba la patita e sen esquecer que a jerga trostkista formaba daquela parte do cotián, algúns dos argumentos espostos entón resultan hoxe bastante máis clarividentes do que un pensaría. Lean, se non, estes parágrafos :

Nunha democracia parlamentaria hai una completa separación entre a política e a vida cotiá. A política non a fan –como sería de supor- os cidadáns, nos sitios onde viven e onde traballan, senón que o que fan –se lle deixan, que non sempre é o caso- é entrar nun mecanismo de falsa participación que consiste en:

-  Votar cada tantos anos por un señor –ou partido- do que, as máis das veces, non coñecen máis que o nome, a cara, un símbolo ou o que sae na televisión. E ás veces nin iso, porque votan outros por eles.

-   Este señor –ou partido- ten, deica as próximas eleccións –nas que xa procurará xogar cas vantaxes que vaia acugulando- carta branca para facer canto lle veña en gana para defender uns intereses que poden ser ou non coincidentes cos dos que os elixiron.

-   E pode facer todo iso porque os votantes non teñen maneira ningunha de controlar ao elixido, agás negarlle o voto nas seguintes eleccións, anos despois, o que non adoita ocorrer porque para iso xa están a propaganda e os medios de comunicación. E, aínda que ocorra, con presentar outro nome, outra cara, outro símbolo, con sacar outro polo televisión, xa está.

Existe, pois, unha completa e insalvábel fenda entre a sociedade en xeral –por non falar xa das clases explotadas- e a clase “política” –que é quen dirixe e toma, na teoría e/ou na práctica, as decisións- por moito que sexa desas clases “non políticas” de onde saian “democraticamente” os compoñentes da caste detentadora da política. Os poucos representantes dos intereses populares que chegan a esas institucións atópanse:

-  Ben cuns mecanismos consagradores e sacralizadores desas institucións. Como, por exemplo, o “bipartidismo” ou calquera outra alternativa de recambio do poder –do mesmo poder- e de quendas de poder –no mesmo poder-.

-  Ou ben cuns arranxos e componendas, por riba mesmo dese Parlamento que representa, ao parecer, a “soberanía popular”.

En ámbolos dous casos, estas minorías representantes dos intereses populares encóntranse cun sistema atado e ben atado, e reducidos ao papel de comparsas, cando non de lexitimadores coa súa presenza –“representantes de todas las ideologías y sectores sociales del país”-

Ademais, o feito é que as decisións que afectan a materias como as económicas tómanse, cada vez máis, fóra deses órganos pretendidamente representativos; tómanse, moitas veces, incluso fóra dos propios países ou estados. 

Curioso, verdade? Ou, pensándoo ben, no tanto, se temos en conta que, dentro da media ducia escasa dos que participamos naquel tema, hoxe temos un xornalista de boa e merecida sona, un artista con obra exposta no MOMA e -non lembro ben se andaba daquela por aí, pero non podo confirmar; de todos os xeitos algo de pensamento puxo- ata un respectábel membro da nosa Adademia. Eu? eu puxen algo das poucas perras que tiña, fun á fotocopiadora, pintei as bandeiriñas galegas cun lápis azul -unha por unha- e aprendín moito.

Teño a enorme sorte de ter estado no lugar acaído, no momento acaído e xunto ás persoas acaídas.

E velaquí teñen un facsímil do documento. Seguramente é a única copia que existe.

Ata outra.

About these ads

4 Respostas to “Manifesto Asambleario (cando eramos insultantemente novos)”

  1. alvarez said

    Manda carallo na Habana! Joder! Un da APG! Mamasiña! Vaime a dar un yuyu! No será vostede un da triloxia do demo das tres eles: un tal Lores, xa non lembro o demais L.

    Os meus quince aniños voltan nun flash e a estas horas da mañan e sen un escoces na man!. Por ir por partes e se lle apetece contestar e xo por pura curiosidade histórica. ¿Entrou xa na APG ou era dos “traidores” que estaba antes da escision da ANPG?.
    Porque ise feito foi un dos mais surrealistas dos que, digamos, participei pero de mero espectador.
    Saude.

  2. etxeoquehai said

    Coño, alvarez, non me sexa cruel. Teña en conta que eu tiña daquela 19 aniños.

    Se a memoria non me traiciona, penso que fun expulsdo simultaneamente á miña entrada. Quero dicir, se hoxe entrei, hoxe mesmo fun expulsado por pequeno burgués. A cousa debeu ir por horas. Ou así.

    Do outro non lle sei. Teña en conta que os da asamblea de madrid íamos un pouco por libre, que non había feisbús e para vir á terra botabamos 15 horas de tren. Para que se faga unha idea, ás veces para quedar mandábamonos telegramas, que os estudantes non tiñamos teléfono. E tampouco é cousa de dar nomes en público, que ao mellor a alguén dálle vergonza.

  3. alvarez said

    Non é crueldade, iso nin de coña. Son ganas de facerlle sorrir un pouco polo que conta vostede das penosas mudanzas e demas leiras. E con ese ánimo e hoxe nesta mañan de domingo, ollando as Cies, contolle o episodio surrealista que aconteceume os meus quince ou dezaseis aniños, no 2º de bup, curso escolar aquel no que estiven na única organización política a que pertenecin e da que quedei vacinado por sempre para estar noutra. A tal ERGA.
    E por concretar, logo de pasar non sei cantos filtros, levaronnos a un amigo e a min , a unha asamblea clandestina de ANPG, como “representantes” do ensino privado e coa consigna de ir en contra dos demos das tres Eles mencionados. Pois nada mais entrar pola porta dos franciscanos, recibennos uns jichos amenazandonos de hostias por ser non sei que de colaboradores de algo que non entendimos. Saimos os dous escopeteados e escojonándonos do suceso e do asamblearismo de por vida. Esa foi a primeira e última asamblea anepeagera que lembre, naquel barullo de siglas que nacian e morrian neses anos, por certo, igualiño que hoxe en día.
    As semanas entereime que aquel fora o feito real constituiente da APG. Por certo, todas siglas que xa non existen pero non asi o personalismo,o leirismo, a egolatría e a miopía que envolve os que se poñen galons de calquiera tipo nesta triste nación nosa.

    Saude.

  4. etxeoquehai said

    Máis ou menos iso foi o que ocorreu, simplificando moito: a AN-PG era o “movemento de masas” da U, no que se coleron algúns inxenuos que lle daban importancia ao da “Asamblea” e prensaban, pobriños, que se estaba alí para debater e non para aplaudir. Eses, obviamente, foron debidamente expulsados ipso facto, por “pequenoburgueses” (nunca souben o que carallo viña sendo) e por “sectarios” (con dos cojones).

    No aniño de vida da APG, outra cousa non fariamos, pero debater, oiga, como posesos. E paseino de puta madre.

    Saúde.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

 
Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

%d bloggers like this: