Éche o que hai

Unha ollada crítica (e asocial) ao tenderete alimentario.

Arquitectos rebotados.

Posted by etxeoquehai o Xaneiro 9, 2013

Moi boas.

O día de onte El País recollía o tremendo mosqueo do colectivo de arquitectos coa nova regulamentación dos servizos profesionais que disque prepara o goberno. Concretamente, a información comezaba dicindo: “El proyecto de Ley de Servicios Profesionales que prepara el Ministerio de Economía y Competitividad eliminaría la reserva exclusiva de actividad que prevé la Ley de Ordenación de la Edificación (de 1999), de forma que también los ingenieros con competencias en edificación podrían proyectar y dirigir obras de viviendas o edificios públicos como escuelas o museos. El pasado jueves, el Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España comunicaba, tras una reunión extraordinaria, que el borrador “podría poner en peligro el trabajo del sector productivo ligado a la arquitectura”. Ayer fue la Asociación Arquitectos por la Arquitectura quien expresó su “más enérgico rechazo” al anteproyecto. “Las modificaciones que introduce en la definición del trabajo del arquitecto supondrían la práctica desaparición de la arquitectura como actividad”, asegura la asociación en un manifiesto“.

O primeiro que me chamou a atención da noticia foi que seica existe unha asociación chamada “arquitectos por la arquitectura”. Bueno: realmente o seu nome é tal cual, pero en maiúsculas, que soa moito máis transcendente. Ando eu pensando en promover algunha máis, eu que sei, agricultores pola agricultura, fontaneiros pola fontanería, bombeiros pola bombería ou capadores pola castración. Como ven todos en minúsculas, que a servidor fáltalle donosura e sóbranlle quilos como para atreverse ao emprego das maiúsculas, como non sexa en falando de capitais do mundo. Ou de Arquitectos, faltaría máis.

O segundo que me suscita o tema é un absoluto escepticismo. Teño eu que ver con estes olliños, branco sobre negro, que se publique no BOE unha lei que devolva un pouquiño de sentido común ao tema das competencias profesionais no referido á edificación civil. Por se non o saben, a profesión de arquitecto -perdón, quixen dicir Arquitecto-, amén de glamourosa que te caghas -a pesares dalgún que outro profesional que sae ultimamente nos programas do fígado- conta, non me pregunten por que, cun a xeito de indulxencia plenaria ad aeternum, que fai, por exemplo, que sexa a única titulación -aparte de medicina, e esta última con razón- excluída na norma xeral do grao Boloña. Digan o que digan, e conten o que conten, a razón derradeira desta excepción é poñer un obstáculo pola vía dos feitos ao acceso dos profesionais da arquitectura técnica -en minúsculas, obviamente- ao grao resultante, como ocorre co resto das titulacións. Sen ir máis lonxe, cos enxeñeiros técnicos, que acceden ao grao de enxeñaría pola vía dun curso de adaptación.

Esta mesma inaudita capacidade de influencia -chamémoslle, por que non, papanatismo social- foi a que fixo posíbel a existencia nada menos que dunha Lei de carácter sectorial -a LOE de 1999- que tiña como obxectivo principal a consagración do concepto de funil -en español, embudo- dentro da linguaxe xurídica. Explícome: na parte larga do funil estarían os arquitectos -merda, quixen dicir Arquitectos, dita sexa- e na parte estreita o resto dos habitantes da galaxia técnica, a chusma, a morralla. As minúsculas. Ou sexa: arquitectos técnicos, enxeñeiros superiores e enxeñeiros técnicos.

A cousa é como sigue: os Arquitectos -esta vez lembreime- teñen reservada, por lei, en exclusiva, a capacidade de proxectar e dirixir obras de edificación nos eidos administrativo, sanitario, relixioso, residencial en todas as súas formas, docente e cultural. No resto do terreos, por exemplo, o agropecuario ou o industrial, a competencia é de cada un dos profesionais do ramo e “vendrá determinada por las disposiciones legales vigentes para cada profesión, de acuerdo con sus respectivas especialidades y competencias específicas“. E, ademais, e para calquer tipo de edificación, son competentes…. os Arquitectos.

Ou sexa: para facer un establo de vacún, ou unha adega, o técnico competente sería, de existir algunha disposición legal específica -que non e o caso- un enxeñeiro agrónomo -nos dous casos-, un enxeñeiro técnico en explotacións agropecuarias no primeiro e un enxeñeiro técnico en industrias alimentarias no segundo. E, ademais, un arquitecto -cachis: perdoen, un Arquitecto-, dado que, por vontade celestial e legal -e porque é un feito incontestábel que teñen unha superior intelixencia-, están capacitados para deseñar e construír calquera cousa. Aínda que, nalgún caso,  non sexan quen de distinguir a parte frontal -a proa- da posterior -a popa- dun rumiante. Xa lles contei a vostedes noutra ocasión o pintoresco caso do matadoiro de Lamas de Abade, en Compostela, precioso e glamuroso, deseñado por un prestixioso Arquitecto, pero que non puido ser inaugurado polo pequeno detalle de non ter en conta o que mide unha vaca pendurada á hora de calcular a altura do recinto, e as moi cabronas desagradecidas pegaban cos cornos no chan. Agora é unha escola, seica.

Os que nos dedicamos durante décadas ao deseño de edificacións agroalimentarias e rurais sabemos moi ben o que custou, ademais da normal competencia entre os distintos profesionais na procura de traballo, o contínuo coñazo que supuña pelexar co corporativismo colexial dos arquitectos cando tiñamos a sorte -ou ás veces a desgraza- de contar cun prestixio profesional ou coa confianza dun cliente ao que se lle ocorría contratarnos un edificio que se saía -por lixeiramente que fose- do perfil establo para vacas-industria alimentaria, ao tempo que ás veces asistíamos bastante perplexos ás desfeitas no noso terreo propio, por exemplo, cando algún P.A. construía unha adega bonita bonita pero inútil inútil.

Obviamente concordo con vostedes se están a pensar que existen profesionais da arquitectura con capacidade técnica e experiencia como para deseñar, por ejemplo, unha adega ou unha fábrica de parafusos con plenas garantías. Hai exemplos abondo. Pero iso, en calquera caso, será un mérito individual do técnico, e non un mérito colectivo da profesión. Sinceiramente penso que xa non son tempos para outorgarlle por decreto a un colectivo unha omnisciencia que nin o plano de estudos nin a teimuda realidade sustentan con probas.

De modo que, agarimosamente, dígolle ao colectivo que, se agora teñen que saír á rúa a defender o seu cocido, e convencer aos clientes de que o seu traballo vale o que custa, pois benvidos ao clube. E non teñan medo, que se o seu traballo paga a pena sairán adiante. E se non, pois a outra cousa, xustiño  como o resto dos mortais.

Dito sexa co maior respecto e consideración. Que xa abonda de gilipolleces.

About these ads

5 Respostas to “Arquitectos rebotados.”

  1. Florentino Míguez said

    Cando oín o desa nova lei de servicios profesionais case boto un foguete; o case é polo principio de prudencia, porque no borrador daquela LOE do 99, contra a cal protestei activamente incluso en Madrid, como carne de canón estudiantil, coido que dicía o contrario do que finalmente dixo.
    Quen explicaba moi ben o despropósito era o xefe de servizo da Consellería de Industria en Pontevedra: “Como enxeñeiro, por lei, non podo proxectar a miña propia casa; en cambio si podo deseñar unha central nuclear, con todos os seus edificios anexos, cincuenta vivendas para os traballadores e unha casa para o director do proxecto, que son eu”.
    Francamente, eu de construcción o xusto, tirando polo baixo, pero o verdadeiramente importante é iso que di vostede no penúltimo párrafo: cada un que traballe según o que sepa facer, non según o que sexa.

  2. etxeoquehai said

    Vostede ao mellor de construción o xusto, pero o problema é que hai centos de profesionais da arquitectura que de construción a décima parte. Durante décadas, a grande maioría dos etudos de arquitectura coruñeses deixaban toda esa “tediosa” cuestión nas mans de non máis de tres “calculistas”, casualmente aparelladores e un enxeñeiro industrial, que cobrabas a tanto o metro cadrado calculado. E despois asinaban os cálculos como se fosen feitos por eles, sen que nin o nome nin a responsabilidade do autor real figurasen por ningures. Co paso do tempo , simplemente o “calculista” foi substituído por un coñecido programa de cálculo por ordenador, que ten máis perigo que o cociñeiro ese das pintas raras que sae na tele dando caña.
    De feito, todos os que coñecemos un pouco este mundiño e temos unha idade lembramos o famoso e oculto escándalo dunha edificación institucional que, revisada polo contratista á hora da obra, tivo que ser recalculada dende cero: o edificio caía si ou si.

  3. Florentino Míguez said

    … e bibliotecas nos que as conduccións condensan enriba dos libros porque (disque) o Ferrán Adriá da arquitectura local os illantes lle parecen feos, e residencias que gastan en calefacción o que non gasta Alcoa en San Cibrao por que o laureado Arquitecto deseña unha envolvente en chapa de alumnio…
    Decían no ICOIIG que grande cruz dos enxeñeiros é a boa sintonía que hai entre arqutectos e políticos.

  4. etxeoquehai said

    Bueno. Nos nosos respectivos gremios temos tamén exemplos para regalar. Imos deixar de meter o dedo no ollo, se lle parece, polo menos mentres non saia a lei do carallo esa.

    No entanto teño unha última. Sabe daquela piscina municipal coruñesa con vigas de madeira laminada na cuberta, que tiña (e seica ten, que hai que non vou) a do centro furada en máis dun 50% do seu canto para pasar unha condución para venitlación? :-) Téñolle fotos.

  5. Florentino Míguez said

    :D

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

 
Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

%d bloggers like this: