Éche o que hai

Unha ollada crítica (e asocial) ao tenderete alimentario.

Artificiais, naturalmente. Derradeira entrega, supoño.

Publicado por etxeoquehai o Outubro 30, 2012

Boas, ou non tanto. Hoxe non estou de humor para moito foguete, conque me vou limitar a informar.

Se un fai unha procura no Google de artigos publicados no último mes baixo a chave “Seralini”, atopará a ests horas un total de 875 referencias, a maioría delas en blogues de amables científicos -que, coma min, debe ser que se aburren no choio; a diferenza entre eles a eu é que a eles páganlle o soldo, e eu téñome que buscar a vida; por iso escribo as fins de semana-  e a inmensisssssima maioría denunciando “la Mentira Seralini”, que “a EFSA desmonta la farsa de Seralini”, e cousas de pelaxe similar. Se, incidindo nos erros, un se toma o traballo de visitar tres ou catro blogs dos jóvenes cachorros da amable Ciencia española atoparase con a) Un texto curto (como cómpre), b) xeralmente cun estilo literario bastante deleznábel -e iso por sermos piadosos-, c) cheíño de xuízos de valor sobre as implicacións e as intencións últimas do interfecto -falo de Seralini, non do perpetrador da información-, e d) Un monumento á displicencia e ao autobombo. Continuando na lectura, se un ten estómago abondo, pode pasar aos comentarios, nos que predominan os exercizos de autosuficiencia dos comentaristas, todos eles encantados de coñecerse a si mesmos e de disfrutar de tempo libre pagado polo Estado. E, se aínda así, un é quen de aguantar as arcadas e vai e comenta -pequenas precisións, non crean, que diante deses pozos de sabedoría faría falla primeiro someter o comentario a unha revisión por pares- ficará sometido a unha rolda de lapidacións en forma de apelativos tan científicos como “gilipollas” ou “tontolaba”, literal ou cientificamente. E conste que non falo por min -que carezo de estómago-, senón por algún pobre suicida que se atreveu a dar opinión non partidaria nun deses templos do saber.

Se un vai e filtra, dentro da búsqueda, o apartado “noticias” relacionadas con Seralini no último mes nos medios españois, atoparase cun total de 19 referencias, das que só 7 corresponden con medios de comunicación no senso estrito, e destas 4 son de medios económicos. Concretamente aparece La Razón (1), El Correo (2), El Economista (2) e Finanzas (2).

Un interese inusitado, como vemos. Se, indo máis aló, un vai e revisa a web de Le Nouvel Observateur -publicación semanal e de orientación socialdemócrata, por se precisan dalgunha aclaración- atopará, descontando as repeticións, un total de 83 artigos con referencias a Seralini no último mes. E, en Le Monde, un total de 16. Dentro destas informacións hainas a favor e en contra, incidindo no informe da EFSA punto a punto, con entrevistas a expertos que falan, por exemplo, da sitemática estatística do estudo -a favor e en contra-, do propio contrainforme da EFSA -curiosamente manteñen a mesma tese ca min, e conste que non o lera- ou dos informes de cinco Academias científicas contra o estudo, por certo, denunciando os intereses que se agachan detrás. En resumo, unha información ampla e variada que permite ao cidadán francés interesado manter un saudábel nivel de información, e polo tanto, de criterio, e polo tanto, de capacidade de decisión e, polo tanto, de POSIBILIDADE DE ELECCIÓN DEMOCRÁTICA.

Aquí, neste recuncho que deus se leve, vivimos rodeados de propaganda, de fume e de merda. De palabras de pedra e de tipos que se pensan que poñer diante do seu nome un “Dr” outórgalles auctoritas en algo máis que no seu pobre, limitado e ás veces ridículo campo de saber “especializado”, avaliados por xentes que están cortadas polo mesmo patrón. Xentes que son incapaces de aplicarse -ou de prestarlle atención- a aquel vello aforismo que dicía “quen sabe, faino, e quen non, ensina”.

De modo que, meus, lamentándoo moito, paso do tema dos transxénicos, de Seralini e de todo este circo, non vaia ser o conto de que terminen por incluírme na troupe. Eu teño a vantaxe de saber de que vai o conto, e seguirei a fixarme moito no que como. Só pido que eles sexan consecuentes co que predican e se coman o glifosfato a culleradas.

Unha aperta.

About these ads

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

 
Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

%d bloggers like this: