Éche o que hai

Unha ollada crítica (e asocial) ao tenderete alimentario.

DE RES AGRICOLA

Posted by etxeoquehai o Marzo 6, 2012

Moi boas. Despois da miña última incursión no eido da literatura de fantasía heroica –subsector viaxes polo gastromundo- moito me temo que chegou a hora de pasar a cousas serias.

Xa lles avisei, cando anunciaba a miña volta ao tenderete, que os novos contidos irían encamiñados cara o tratamento dos temas agrarios, visto que non andamos precisamente sobrados de información sobre a materia, mesmo nos blogs dedicados teoricamente á gastrosfera. Como saben, acontecementos de natureza cósmica -no sentido que lle presta Leire Pajín- como o forum compostela afastáronme desa obriga autoimposta, pero velaquí estou, disposto a recuperar o tempo perdido.

Co tema este da agricultura pasan tres cousas ben curiosas: unha, que -polo menos no caso dos galegos- todo o mundo entende diso: quen non ten unha leira, ten un pariente cunha leira, coñece a alguén cunha leira, vive na aldea, coñece a alguén que vive na aldea, posúe unha maceta de xeranios, víu un sacho na telegaita ou directamente pensa que iso do coñecemento agrícola ven inserido nos xenes xunto coa querencia polo churrasco.

O segundo que pasa está directamente relacionado co primeiro: dado que iso do agro é unha chuminada, os seus produtos empezan a ter certo interese a partir de que aparezan en forma de procesado ou, como moito, de cociñado. Así, por exemplo, veremos como a gastrofilia -que non é unha perversión, aída que o pareza- enche moreas de páxinas dedicadas á influencia dos solos de lousas nos viños da Ribeira Sacra, pero non nas uvas da Ribeira Sacra, como alguén –que debeu ficar descansado- acuñou o termo “viticultura heroica” en referencia aos socalcos da mesma bisbarra cando ao mellor debería pensar no termo “viticultura da fame”. Ou pensar na seca -que está a machacar aos produtores de vacún- só con respecto ao seu efecto na vindeira colleita… de viño. Páxinas e páxinas, en fin, dedicadas ao carralludos que son os nosos produtos, tan naturais eles, ou a esa auténtica pamema infumábel que resulta falar do amor do noso paisano pola súa leiriña –que ata é quen de matar por ela- cando a suxa e triste realidade é que a nosas terras de labor están, na súa grande maioría, en estado de abandono. Curiosa forma de amor é esa.

E, finalmente, a terceira curiosidade con isto da agricultura é que a maioría carece de rigor crítico: non coñezo outra actividade humana na que a xente sexa tan crédula. Abonda con ver nunha etiquetaxe un debuxo dun cabás para que o comprador medio leve para casa unha ducia de cartóns de leite pensando que foron directamente do teto dunha vaca do país -alimentada con verdes herbas das pradeiras patrias- ao maleteiro do coche, e todo a prezo de auga mineral, cando ao mellor na realidade o líquido en cuestión procede dun país exótico e saíu da vaca -alimentada con resíduos industriais- ao tempo que o fulano en cuestión estaba a facer a mili. E o fodido do caso é que despois daslle a probar leite fresco, e o moi ….. vai e non a quere, que disque sabe raro.

Un servidor, que é de orixe urbanita, que tivo unha vez unha maceta de hierbabuena para os mojitos pero secoulle, pero que se dedica profesionalmente a esto do agro, ten algunha cousa que dicir con respecto a todas esta cousas, e moito me temo que se seguen a ler este blog non lles vai quedar outra que aturarme.

Teño que advertir, no entanto, que vai haber cousas que cale, e non por falla de coñecemento directo, nin sequera de valor, que xa saben que son un pouco irresponsábel. Pero, despois de darlle moitas voltas, chego á conclusión de que non teño dereito a que as miñas críticas á situación dalgunhas das nosas producións agrarias ou ás actuacións dalgúns dos nosos produtores –mesmo os importantes e famosos- non sirva máis que para que os produtores doutras comunidades –que fan o mesmo ou peor- aproveiten o rebufo mentres pensan que os galegos somos idiotas.

Voulles poñer un exemplo que penso que deixa as cousas ben claras con respecto á miña postura: cónstame, sen xénero de dúbida ningún, que un coñecido produtor –que é tan coñecido e ten unha imaxe de calidade tan alta que ata tiña stand moi visitado e louvado no forum- con DOP/IXP está directamente a facer trampa, vendendo produto non controlado –e polo tanto sen direito á etiqueta DOP/IXP- e facéndoo “colar” como controlado, non só na tienda da esquina, senón nos maiores grupos de distribución de dentro e fóra de Galicia. Diante diso teño dúas opcións: montar un pitifostio, que se produza un escándalo e que afecte a todo o sector, ou ir un por un -establecemento por establecemento da miña cidade-, falar un por un cos responsábeis de compras, explicarlles a cuestión, demostrarlles que teño razón no que digo, e pegarme o gustazo comprobando como retiran o produto ful dos andeis, coa seguridade de que van cambiar de fornecedor ou, cando menos, vanlle montar un cristo de no te menees. Ao mellor é pouca cousa, pero, meus, éche o que hai.

Asi que están avisados: en próximas entregas falareilles a vostedes de como e por que calla na sociedade que o sector agrario é un refuxio insignificante cheo de peña que vive de mamar nas subvencións, de como e por que os partidos políticos de toda pelaxe falan do estratéxica que é a agricultura, para esquecer o dito inmediatamente despois, da nefanda e franquista  concentración parcelaria -que nin é nefanda nin moito meno franquista, senón máis ben todo o contrario, e –se acaso o venerado Colineta se decidise a falar dunha vez do caso rúa- de putadas a los vinitos.  Por este orde.

Hala, que dios nos coja confesaos. Ah, si. Esquecía a cancionciña. Desta unha especie de oración, xa que estamos en tempo de suba da prima de risco: O God Gave Me Everything, coma sempre en versión etxeoquehai. Se lles vai a marcha escóitena, que vou absolutamente desatao. Aproveito para reiterar que se algunha alma caritativa sabe onde podo aloxar de balde as cancións que avise, que eu tamén estou ata o colodrillo da publi de goear.

About these ads

4 Respostas to “DE RES AGRICOLA”

  1. Ansioso said

    a ver si es verdá, como dicia o finado de Cela.

    a súa actitude de prudencia na crítica é loable, deberían facer o mesmo os que se dedican a falar mal dos mariñeiros galegos, ignorando totalmente o que están a facer holandeses, daneses, xaponeses, koreanos, etc. Hai moito pipiolo solto.

    dito esto tampouco hai porque pintar os nosos productos como si fosen parte dunha relixión: se son malos hai que criticalos para que melloren, pero desde logo non para facerlle o caldo gordo aos competidores de fora.

  2. colineta said

    Está a piques de caer

  3. eSedidió said

    Joder, venerado, que un é hipertenso e non se lle pode ter neste tipo de sinvivires.

  4. eSedidió said

    Don Ansioso, en primeiro lugar benvido, e en segundo as miñas desculpas, que o puto antispam anda de novo a facer das súas.

    Espero velo de novo por aquí, que non o decepcione, e prométolle revisar o antispam (seguirá a facer esas cousas mentres vostede siga a poñer enderezos de correo tan raros)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

 
Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

%d bloggers like this: