Éche o que hai

Unha ollada crítica (e asocial) ao tenderete alimentario.

A superconsellería (apunte de urxencia)

Publicado por eSedidió o Xaneiro 6, 2012

Boas. Como os lectores galegos saben, houbo remodelación –que non crise…. Quite, quite…. What crisis?- no noso Goberno, que deu como resultado a fusión/absorción da Consellería de Medio Rural na Consellería do Mar.
Uns poucos apuntes en plan urxente, a ver se nos imos enterando:

.

.

1.- A acollida nos medios.
Como sempre, a noticia de verdade estivo na fusión/absorción de Cultura por Educación, con floridas intervencións dos nosos omnipresentes membros da intelligentsia –xa saben a quen me estou a referir- e repetición machacona do tremendo peso do sector cultural galego –disque un 2% do noso PIB-, a debacle asimiladora e demais  –desculpen, que un xa vai aburrido- mandangas. Só despois da análise sesuda, se acaso, dedícanse unhas liñas a comentar a fusión agromariña, definíndoa en ocasións como “superconsellería” e recollendo as opinións dos armadores –non lles parece mal, por que será?- e dalgún sindicalista agrario cabreado, o que non debe ter moita importancia, que eses andan sempre cabreados. Ah, esquecía….. non falla quen cualifica a fusión como a integración nun só ente do “sector primario”.
Dentro dalgúns días, como prometín, vou dedicar algúns posts agarimosos á visión estreita e patizamba que ten a sociedade galega –tamén a española e mesmo a europea- de todo canto significa a agricultura en particular e o medio rural en xeral, polo que o vou deixar aquí, por agora. Sen máis que repetir: non vos enterades, nenos.
2.- A mímese.
Pese a que supón un incumprimento do programa electoral –anunciarase en repetidas ocasións a creación dun Ministerio de Agricultura, así, sen máis- o novo Ministerio inclúe a pesca –sector primario, again-, polo que  supoño que se pensaría que integrando as dúas consellerías nunha soa equiparábase a estrutura autonómica á estatal. O problema é que o peso do sector agroforestal galego en relación co conxunto da economía e da ocupación está en Galicia moi por riba da media estatal, e do sector pesqueiro xa nin lles conto. De acordo co repetido ate a saciedade por todos os nosos políticos de todos signos –e esquecida na práctica-, ámbolos dous sectores son estratéxicos, por separado, no noso País. E, de feito, penso que é a primeira vez  na historia autonómica que se produce unha agrupación tal.
3.- As persoas.
Non teño o gusto de coñecer á nova Conselleira, Dona Rosa Quintana, pero, como ela mesma recoñeceu, trátase dunha neófita no tema agrogandeiro, polo que, tendo en conta o escaso tempo que vai ter para se poñer ao día, supoño que deixará esas cuestións nas mans da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes. Non parece a mellor situación para defender na mesa do Consello da Xunta os asuntos agrarios. E os tempos veñen duros, non só polo da crise, senón sobre todo por estarmos á porta dunha reforma da Política Agrícola Común na que van pintar bastos como non espabilemos.
Pola contra, si que coñecín ao ex conselleiro e agora Delegado do Goberno Don Samuel Juárez. Ata hai pouco, o meu coñecemento era só superficial, e en todo caso referido ás súas declaracións públicas e intervencións parlamentarias. E que queren que lles diga: ata entón, nin fu nin fá. Nin peor que moitos nin mellor que algúns. Pero hai cousa dun par de meses tiven que asistir a unha xuntanza para expoñer o resultado dun tema profesional. Eu pensei que sería unha reunión protocolaria, como tantas, de 15 ou 30 minutos, na que o conselleiro soltaría o lugar común de sempre –debidamente asesorado-, poría cara de interese, e fuese y no hubo nada. A reunión durou máis de tres horas, o conselleiro foi pillando as ideas sobre a marcha e mesmo apuntou tres ou catro detalles que revelaron una inusual sagacidade. En resumo: saín flipando, e xúrolles que non é cousa doada en tratándose de servidor.
Por outra parte, o seu curriculum anterior estaba moi relacionado coa pesca, primeiro na consellería do ramo e máis tarde no ministerio, polo que, en principio, de tratarse dunha fusión planificada o candidato idóneo sería el, sen dúbida ningunha.  E non o digo eu, senón todo o mundo de dentro e fóra do circuíto.
Como entón ocorreu que a Sra. Quintana rematou por dirixir os destinos do agro –ese gran descoñecido, ela mesma dixit- e o Sr. Juárez de Delegado do Goberno, lugar moi acaído para un veterinario especialista en temas de alimentación? A resposta, meus, está nese factor de enorme importancia política: a casualidade. Vexamos. Era un segredo a voces, dende hai máis dun ano,  que o Sr. Juárez, de gañar o PP, estaba chamado a máis altas responsabilidades na Administración española que un carguiño de consejero de provincias. A cousa ía de Secretario Xeral de Pesca ou mesmo algo relacionado coa política europea –é dos poucos que fala inghlés que te caghas-. Pero, ai, cando chegou o tempo da repañota ocorreu que o Sr. Arias Cañete tiña outros plans, ou outros candidatos para a Secretaría. E o Sr. Juárez non contaba máis que para unha Dirección Xeral. E dixo que por aquí vaise a Cuba. Que leches, vamos. Vostedes pensarán que outros –outra, en concreto- conselleiros si que aceptaran unha dirección xeral no intercambio de cromos. Pero é que aquí, como en todo, aínda hai clases. Total: lío. E en resumo: novo xogo das cadeiras e Juárez desprazando ao candidato in pectore á Delegación do Goberno, que debe estar agora: a) Fumando en pipa, b) Queixándose ao seu valedor, que cada día manda menos, polo que se ve, ou c) Preparando a revolta das bases críticas contra a tiranía compostelá. Que quen é? A min que me contan. Eu só especulaba.
4.- O organigrama.
Do organigrama da parte mariña, nin idea. Pero da parte agraria hai varios datos que chaman a atención.
En primeiro lugar, a denominación da nova Secretaría Xeral da cousa: chámase do Medio Rural e de Montes. Curioso. É a primeira noticia que teño que existen montes que non estean no medio rural. A explicación? Seguramente que é un cargo a medida. A persoa que ocupará o cargo era ata de agora o responsábel da Dirección Xeral de Montes –que desaparece-, ocupado dende hai moito tempo, en diferente etapas, da loita contra o lume. Significa iso que o equilibrio que ata agora se mantiña na consellería entre o agrario e o forestal se rompe a favor deste último? Esperemos que non, que cómpre sermos persoas de fe.
Por outra parte, a Dirección Xeral de Medio Ambiente Natural cambia de Consellería. Concretamente á de Medio Ambiente, Política Territorial e Infraestruturas. Que que facía M.A.N. en Medio Rural? A resposta sería longa e xa me estou a estender de máis. Pero digamos que a medio rural quítanlle un cacho: entre outras cousas, a xestión dos Parques Naturais.
Por último, unha Dirección Xeral pasa a durmir o sono dos xustos: a de innovación e industrias. Esta D.X. xestionaba os centros de investigación agrarios, o Ingacal e todo o relacionado coa industria agroalimentaria e as denominacións de orixe. Como aínda non saíu o organigrama non sei que vai pasar cos contidos. Supoño que se integrarán na DX de produción agropecuaria –ou sexa, volta ao esquema do bipartito- ou ao mellor acaba nun lugar ignoto, vaia vostede a saber.
A estas alturas estarán vostedes mirando unha páxina de vendas por internet ou pensando que a que ven este coñazo de eSedidió. Pero que queren, eu sónlles un filántropo, e se non o explico eu, a estas alturas seguiriamos a debater sobre se os libros arden ben, mal ou aseghún. En calquera caso, xa saben, éche o que hai. Eu desexo de corazón que o espírito santo, en forma de pomba ou de calquera ave protexida, ilumine aos novos responsábeis. De non ser así, caghámola. Outra vez. Pero confiemos en que a cousa non sexa para tanto.
Hala, e hoxe, castigados sen cancionciña. Por rabudos e pertinaces.

7 Respostas a “A superconsellería (apunte de urxencia)”

  1. F. Míguez dixo

    Agricultura, gandeiría, pesca e montes. Se lle poñemos as fontes de enerxía renovable, temos cinco recursos fundamentais para facer de Galicia unha economía boiante. Pero mentres a “intelligentsia” siga a pensar que podemos vivir so de contos (no sentido literal e literario), e os poderes a turrar polo gasto en infraestruturas do que sexan… así nos vai.

    O artigo anterior, xefe, simplemente precioso.

  2. eSedidió dixo

    Que vaaaa…. o noso fututro pasa polo turismo cultural. Visita a catedral, depois á cidade da cultura e despois recital poético do de sempre. Ah, e video conmemorativo, tamén do de sempre. Pero para iso cómpre ter infraestruturas para ir de aquí a acolá.

    Por certo, esta finde téñoa despexada. Ou sexa, o nariz feito unha merda, pero para botar un grolo aínda me dá.

  3. F. Míguez dixo

    Esta finde eu estarei en Redondela. Para a seguinte, seguramente na Coruña. De todos xeitos, teño todo un pouco patas arriba (en canto a organización persoal), pero pasada esta quincena confío que o temporal amaine e entón será facil vernos en calquera momento.

  4. Xan dixo

    Moi boas señor Esedidio, despois duns meses de desconexion co mundo virtual ( como di a cancion: a una isla del pacifico he tenido que emigrar y trabajar de cocinero lejos lejos de mi hogar ) alegrame ver que non cerrou o chiringuito de todo e inda sigue dando guerra. Un saudo dende a Nova Zelanda e como se di pola miña terra, avante forsa.

  5. eSedidió dixo

    Jo-der….. da nova zelanda??? sen palabras…. avante, avante, e boa singladura.

  6. alvarez dixo

    ¿pero vostede no o deixaba? ¿O vicio da escrita poido mais que o rascala…..a guitarra? Menos mal porque xa o dera por desaparedico no combate III…….
    Volvo a ter o pracer de leelo, coma sempre, con artigos ben fundamentados e argumentados, cousa coma ben sabe, pouco frecuente e que agradezco.
    Saude e anarquia e merda para a policia!

  7. eSedidió dixo

    Eu máis encantado aínda de telo por aquí de novo. Agora só nos falta o Sr. Pardo para completar os fuxidos. Do gurú non falo, que seica anda ocupado conspirando.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

 
Seguir este blogue

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.