Éche o que hai

Unha ollada crítica (e asocial) ao tenderete alimentario.

Ramón Guitián: In Memoriam.

Publicado por eSedidió o Xaneiro 3, 2012

Boas. Dende hai algún tempo, as augas da produción de viño –permítanme o tonto xogo de palabras- baixan máis revoltas do habitual: a –presunta- práctica de cobros por visitas a adegas do dúo Jay Miller –ata entón superdelegado do todopoderoso Parker para a cualificación, entre outros, dos viños do Estado- e un tal Pancho Campo –peculiar personaxe que pasou da organización de eventos deportivos por terras do burka a supermegaexperto: nada menos que Master of Wine, que soa a algo así como ser a rehostia cando non é máis ca un título privado de mestrado, sen recoñecemento oficial e outorgado por unha entidade británica que, como sabemos, é unha potencia nisto da produción de viños de calidade- levantou un escándalo –o chamado Murciagate- que rematou coa “dimisión” de Miller e a saída á luz dun ronsel de trapos suxos. E aquí, neste pequeno país, non nos libramos da turbamulta, en forma de caso Rúa: un modesto viño –en prezo e en aspiracións- dunha cooperativa valdeorresa que acada fama mundial pola vía dunha estratosférica cualificación feita polo mesmo Jay Miller. As liñas da polémica neste caso ían dende o fondo –a metodoloxía de cualificación da calidade vinícola levada a cabo por unha revista do sector e o absurdo rol todopoderoso desa mesma revista, da que xa din conta nun post anterior- ata a forma –era o viño cualificado por Miller/Parker o mesmo que se vendía nos andeis do carrefús? ou mesmo: era o viño cualificado elaborado pola cooperativa?- que aínda non rematou. De feito, a polémica –aínda en pequena escala- rexurdiu estes días no blog de Miguel Vila, trufada por descualificacións ad hominem sobre o propio autor do blog e frases célebres de Hebbel, viñeran ou non a conto.
Eu, como moitos de vostedes saben, dediquei unha boa parte dos meus anos mozos ao deseño e implementación de industrias do sector enolóxico, e da experiencia saín cunha visión un tanto cínica dese mundiño e un acendrado amor polos refrescos de cola. Pero como non hai nada como ler tonterías para tirar as arañeiras do cerebro levo uns día a refrescar as miñas fontes de información, un tanto avellentadas, a ver se podemos entre todos facer algo máis de luz neste fárrago de ideas –as menos- e de intereses -os máis-.
E o caso foi que din en lembrar como foran aqueles tempos dos oitenta e noventa, anos de nacemento de adegas por obra e gracia das axudas públicas, de primeira aplicación das novidades tecnolóxicas á produción e de fixación dos perfís do que hoxe son as nosas denominacións de orixe. E  xustiño antes da irrupción no mundo do viño do pijerío  vigués, da pasta da fariña e do ladrillo despois e, por último, da galaxia do artisteo cinematográfico, teatral e literario. E así ata esta época de gastromamoneo, de parkerización e de aplicación de melloras tecnolóxicas sen ton nin son.
Na miña lembranza aparecía unha e outra vez unha figura, a de Ramón Guitián, da que lles quero dar a vostedes conta, en primeiro lugar porque me honrou coa súa amizade, e en segundo porque representou moitas da ideas que hoxe van pouco a pouco véndose arrombadas pola procura dun éxito comercial que hoxe parece doado, pero que  moito me temo que a longo prazo pode supor a debacle do sector.
Escoitei falar por primeira vez de Ramón un día de finais dos anos oitenta –seguramente en 1988 ou 89, vostedes desculparán a miña falla de memoria-: unha adega valdeorresa de nova construción, na que eu participara como técnico, cedéralle un par de depósitos para poder fermentar un mosto de godello da súa propia finca, de arredor de 6 ha, con videiras plantadas poucos anos antes –sobre o 85, penso-.
De alí a uns meses recibo unha chamada do propio Ramón, que me cita na súa finca –A Tapada, no concello de Rubiá, ao leste da comarca- para propoñerme un traballo técnico. Despois de ensinarme a plantación -feita cun tremendo coidado e cunha orientación inmellorábel- explícame que ten a pretensión de facer unha adega para elaborar o seu propio godello a partir desas 6 ha e dalgunha máis na que estaba a iniciar o traballo. Aparellador de profesión, e traballando en Madrid para a Administración do Estado, tiña moi claro o que quería facer en canto ao deseño e a construción, pero requiríame para lle dar forma aos documentos –o Proxecto concibido coma un papeliño, vostedes me entenden- e para preparar permisos, trámites de subvención, etc. Eu contesteille que non, gracias: non entraba nos meus plans profesionais actuar como unha xestoría, e daquela era novo e teimudo de máis como para non aceptar encargos que non supuxeran participar en todas as fases do meu oficio: o deseño –de acordo co cliente, por suposto-, a dirección das obras, e como complemento, a xestión de axudas e trámites. Pero só como complemento.
A cousa quedou así, e non tiven máis relación persoal –iso si, probei o viño que estaba a elaborar na adega da que lles falara- ata un día de mediados do ano 1996, no que me chama á oficina e me di que necesita verme con moita urxencia. Alí recibinlle unha tarde desa mesma semana e atopeime cunha persoa abrumada polos acontecementos, e mesmo eu diría que bastante asustada. Resultou que fixera o proxecto tal como me contara –supoño que atoparía algún técnico competente que llelo asinara- e foi facendo as obras country style: tecnicamente ben, pero seguindo o método de ti vai obrando, xa me entenden: facturas de man de obra, de peonadas, albaráns de materiais, talóns ao portador, facturas e pagos de maquinaria parte con talón e parte por transferencia…. E, iso si, ningunha relación coas unidades de obra consignadas no proxecto. Como se estivese a facerse a súa casa aos poucos, vamos. E velaquí que chegou a hora de xustificar os pagos para tramitar o cobro das axudas –unha do Feoga, Unión Europea, e outra do Igape, que daquela aínda non sabía nada de Campións-, e, documentación á vista, non había quen lle metera man. E, de non cobrar esas axudas, a ruína era certa: fora gastando máis do que pensara, levado polo entusiasmo, e cometera o mesmo erro de todos os meus clientes –e, se me apuran, de min mesmo-: contar cos cartos públicos para asegurar a viabilidade do investimento.
A proposta era –de novo- que lle botara un cabo para arranxar o desaguisado, pagando o que fose, pero a resposta foi –de novo- a mesma: que eu non era unha xestoría, e que o lamentaba moito. Mesmo dinlle un par de nomes de colegas que eu pensaba que estarían polo labor. Pasamos un bo rato de discusión, el teima que teima, e eu máis teimudo aínda. Ao final deuse por vencido –iso pensaba eu- e baixei para acompañalo ao coche. E alí comezamos a falar de viño, e das súa ideas: parados no medio da rúa, el coa porta aberta do coche. E así estivemos preto de dúas horas, sen sacar de novo o tema do lío administrativo. Ó viño, todos os seus anceios, os seu soños, os motivos polos que renunciara ao seu traballo madrileño…… E ao final non me quedou outra que dicir. Vale, Ramón, cando lle metemos man ao papeleo?. Eu quería, aínda que fora indirectamente, facer parte dese universo seu, de viños mellores, de respecto á tradición, de coidado da uva…
E nese momento comezou unha temporada –pode que un par de meses ou algo menos- de pesadelo, pero que eu lembro como das máis felices da miña vida. Cada semana subía un día a Rubiá e alí, nunha pequena oficina dentro da adega –que frío, mimadriña- botabamos un montón de horas tentando facer cadrar as contas co que pedía Europa, el aturando pacientemente a miña mala hostia –pero Ramón, cojones, ti non sabes pedir facturas?- e eu desfrutando coma un neno no almorzo das empanadas de cu de tarteira que nos facía a súa nai, unha velliña vestida de negro, nun forno de leña que estaba fóra da casa, de carne, chourizos e mesmo patacas.
Por fin chegou un día, a finais de ano, no que rematamos a primeira parte do choio: o papeleo do Feoga. Eu marchei para Coruña e el quedou en levar a Ourense os papeis nun par de días ou así. E a seguinte noticia chegoume, si, ao cabo dun par de días o así, pero por boca dun amigo común: Ramón tivera un accidente no seu Golf camiño de Ourense, ben pretiño da casa, con resultado mortal.
Cando cheguei a Rubiá, o panorama era desolador: os ollos da velliña rezumaban desesperanza, e na expresión dos irmáns de Ramón –Senén e Mari Carmen- puden ler, ademais, outra cousa: como sairían adiante eles tres, traballadores arreo, pero sen estudos, enfrontados ao problema económico, e máis tarde, á posta en marcha e a xestión da adega.
Os meses seguintes foron tristes, moi tristes, pero gracias ao ceo saímos adiante e pudemos tramitar as axudas. Gracias ao ceo, pero tamén a axuda botada por algún dos seus parentes, a comprensión da entón consellería de agricultura –o seus responsábeis portáronse con toda a humanidade posíbel- e a un personaxe do que eu só escoitei falar de ouvídas, de boca de Ramón primeiro e despois dos seus irmáns. Trátase de José Hidalgo, agrónomo e enólogo, fillo de D. Luis Hidalgo o vello –a quen eu coñecera como alumno nos meus tempos universitarios- e que aplicou todos os seus coñecementos técnicos, o seu entusiasmo e –me consta- o seu agarimo para con esa familia.
O resultado xa o coñecen moito de vostedes: os Guitián, de Bodegas A Tapada, colleitaron premios como se fosen acios, foron pioneiros na comarca na fermentación de brancos en barrica de carballo ou sobre borras e converteron a súa marca en mítica naqueles anos 90. Eu estou seguro de que Ramón, estea onde estea, sentirase tan orgulloso dos seu irmáns como eles o están del. E todo a forza de moito traballo, moita responsabilidade e moito agarimo, pero tamén a forza de deixar sen colleitar bastantes parcelas de godello porque, ao seu xuízo, non contaba con calidade abondo.
Eu, pola miña parte, non voltei nunca á Tapada: o meu traballo xa estaba feito. Pero cada vez que vexo unha botella de Guitián –con esa etiqueta en plan Victoria de Samotracia que fora motivo dunha das miñas moitas discusións con Ramón- non podo menos que pensar que o viño é viño porque é un soño concentrado. E, se non é así, non paga a pena.
E agora, que veña alguén e me fale de se é legal ou non a venda de viño entre adegas con denominación de orixe, para despois engarrafalo coa propia marca, ou de se a xente manda aos concursos viño elaborado especialmente para a ocasión. Ou de Hebbel. Se teñen bemoles.
E máis nada por hoxe. Nuns diíñas estaremos en condicións de falar abondo de prácticas enolóxicas autorizadas, de calidade e de futuro. Pero hoxe déixenme por favor que bote un ratiño pensando no pasado e nos soños dun home.
Déixolles, coma sempre, unha cancionciña, que lles recomendo especialmente se gostan das miñas cousas: desta vez a miña versión do Yesterday. Como non.

4 Respostas a “Ramón Guitián: In Memoriam.”

  1. starbase dixo

    Entre la humanidad (entiéndase en el ‘conceto’ buenista) de esta entrada, y el inexplicable culebrón que le ha tocado vivir al Sr. Colineta en el post de su enlace… ya tenemos argumentos para seguir defendiendo la utilidad ética y estética de los blogs por lo menos 6 meses más!!

    Battery Charged :) ))

    Apertas.

  2. eSedidió dixo

    Al Sr. Colineta habría que dedicarle un día en el santoral…. otros, por muchísimo menos, hubiesen eliminado los comentarios… y si, estoy pensando en el mismo que Usté

  3. Emocionante post, señor eSedidió. No se preocupen por mi, que ni es la primera ni será la última porque el caso Rúa no está cerrado. Tengo nuevos datos que indican que la cosa es mucho más grave de lo que parece. Permanezcan atentos a sus pantallas.

  4. eSedidió dixo

    Ruagate habemus, pois

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

 
Seguir este blogue

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.