Éche o que Hai returns (ma non troppo)
Publicado por eSedidió o Decembro 14, 2011

Moi boas, amig@s. Xa avisara eu no seu momento de que tiña a esperanza de non despedirme definitivamente, e que, se a situación mudaba e recollía novos folgos, volvería a compartir con vostedes a miña voz.
Eu novos folgos non teño, e a situación mudar mudou, pero para mal: cando eu escribía o meu epitafio nin vostedes –bueno, ao mellor algún si, que sempre hai repunantes- nin eu tiñamos a menor idea de que carallo viña sendo iso da prima de risco. E velaquí que agora vémonos todos metidos nunha turbamulta de noticias de infarto nos informativos das sete da mañá, de procesos catárticos daquela maneira, de políticos curtos de vista –todos, absolutamente todos- e de solucións que non resolven nadiña. En definitiva: instalados nunha sociedade cun motor que usa de carburante o pánico colectivo ao porvir. Pois benvidos ao clube, meus, que mal de moitos, xa saben.
E logo, pensarán vostedes, se as cousas van fodidas e este home máis optimista non parece, a que ven esta sorte de resurrección ao terceiro mes?
Pois a dúas razóns. A primeira unha proposta –da que lles darei conta no futuro se chegara a callar- desas irrenunciábeis, que pode facilitar a difusión desta leira e sobre todo elevar o meu ego a límites estratosféricos. E eu de ego non lles ando sobrado.
A segunda razón élles moito máis éche o que hai, e seguramente máis decisiva: que vou rematar con gangrena de tanto morder a lingua diante do falabarateo que está a infestar os media –dese pozo de lugares comúns e mentecatez que son as redes sociais non falo, que xa coñecen vostedes que eu non lles son de peixe-. Xa nun caso –a famosa declaración/manifesto do comité asesor do Basque Culinary Center dirixido aos cociñeiros do futuro- recorrín ao asilo político en forma de aloxamento temporal na leira dos meus amigos de Gastromimix, pero seguir así sería abusar e non lles teño vocación de okupa, sobre todo desque cortei o pelo.
De maneira que volvo, iso si ma non troppo e con novidades. Quere isto dicir que irei a modiño en frecuencia e sobre todo en lonxitude dos escritos, que nin vostedes nin eu estamos para ladrillos e ademais seica profundar non é moderno. Agora si: a sesudez e a mala baba moito me temo que van seguir sendo as mesmas. Como mínimo.
As novidades atinxen aos contidos. Nesta nova xeira vou procurar estar moito máis atento ao sector agrario e ao medio rural galego, e non tanto á alimentación en xeral e ao gastromamoneo en particular. Os motivos? Basicamente, que ao noso mundo agrario pásalle nos media galegos o que ao país en xeral nos media españois: que só sae neles cando aparece un crime ritual ou unha romaxe con cadaleitos. Nos nosos medios –con excepcións contadas, moi contadas- só se fala do agro cando unha tractorada arruína a axenda dos poncios, cando nunha aldea baten o record guiness cunha pota de callos ou cando unha ex yuppi megapija monta unha granxa de vacas cool arroladas con música de Mozart e decorada con murais naïf. E o mesmo cómpre dicir cando falamos do mundo blogueiro: non existen espazos dedicados en exclusiva á produción agraria, e, como moito, os produtos do campo aparecen no seu rol de materia prima para a industria.
E o caso, meus, é que estamos a cometer unha tremenda estupidez. Énchesenos a boca de palabras rimbombantes sobre o papel estratéxico da agricultura –a políticos, a xornalistas, a blogueiros e a público en xeral- pero á hora da verdade os programas electorais dos partidos non amosan outra cousa que baleiro, as novas sectoriais aparecen como notas a pé nas páxinas de sociedade (¿¿??) e o blogomillo só se ocupa do agro –no mellor dos casos- cando dá en parir un produto exótico ou trufado de suposto glamour.
E non é xusto. E o que é peor: non é intelixente. Estamos a mirar cara outro lado, ocupados en polémicas sobre murciagates e gastroestrelas, esquecendo nada menos que somos o que comemos, e que as estratexias –en moitos casos moi planificadas- da globalización están a levar á agricultura cara un futuro no que comeremos radicalmente distinto, e, polo tanto, remataremos por sermos radicalmente distintos.
De modo que velaí vou. Sei perfectamente que é moi posíbel que a aridez da nova temática do blog bote fóra a moitos dos lectores, pero, xa saben: éche o que hai. De todos os xeitos aviso que o espazo agrario ten oportunidades a eito de meter dedos no ollo e de apalpar xenitais, e xa saben que un, modestamente, ten xa pedigrí neste mester.
Por último, unha declaración excusatio non petita. Como moitos de vostedes saben, eu son un técnico de formación xeneralista que, como moito, pode acreditar un certo grao de coñecemento no terreo da alimentación e da planificación. A produción agraria non é o meu espazo natural de traballo, polo que pido anticipadamente desculpas polas gambadas que poda cometer ao tratar asuntos moi específicos.
Quédalles de aperitivo a miña nova declaración de intencións en forma de tango respondón à la façon etxeoquehai, ou sexa, sen acento porteño. Xa sinto que teña que enlazar pedestremente ao goear, pero estou á espera dalgunha alma caritativa que me facilite algún modo de aloxamento gratuíto e sen publi. É que eu antes aloxaba as miñas execucións no wordpress, pero teñen o pernicioso costume de cobrar e non están os tempos para dispendios.
Iso é todo, polo de agora. Permanezan atentos, se fan o favor, que despois das festas falaremos, entre outras cousas, de política (agrícola común) e de por que eu son bebedor de cervexa –e pouca- no canto de viño.


starbase dixo
Si claro, ahora hay nosequé secretito de razón para el ego y nosecuantos… que poca verguenza presumir de secretitos y capillitas.
En fin, pero ni así se empaña la alegria de ver reverdecer una de las más hermosas plantas que ha crecido en este jardín (con todas las segundas intenciones del mundo) que es el mundo blogger.
eSedidió dixo
Vostede ten un gusto un pouco rarito, a verdade. Pero ben é certo que á flor do toxo chámanlle alecrín.
F. Míguez dixo
Formidable nova, a do seu regreso. Como pode observar, permanecimos atentos todo este tempo, así que aquí nos ten.
¡A por eles!
Miguel Vila (Colineta) dixo
Nunca perdemos a esperanza do seu retorno… e saiba que ten máis lectores do que pensa. Hai poucos días me preguntaban quen era vostede porque “está moi posto nos temas”.
eSedidió dixo
Tino, Miguel: non saben o que o meu maltreito ego agradece estas mostras de afecto. E, Miguel, o de “estar moi posto” ten varias lecturas
Precisamente asistín con moito interese á polémica de hai uns días na súa leira co tema do caso Rúa, e se non comentei foi porque teño certa tendencia á verborrea. De maneira que, se non lle parece mal, retomareina en xaneiro. De feito, a miña referencia ao viño e á cervexa vai por aí.
Deixo unha pregunda no aire, así, como quen non quere a cousa: por que lle chaman calidade cando queren dicir orixe?
Miguel Vila (Colineta) dixo
Esa persoa que aseguraba que vostede está moi posto decíao con admiración. El tamén está “moi posto” en determinados asuntos e falaba de que o tal eSedidió demostraba un gran coñecemento dos temas.
Agardo con impaciencia as súas achegas sobre os asuntos do bebercio e paréceme moi interesante esa cuestión sobre a calidade e a orixe.