O dazibao filantrópico. Aritméticas indignadas (e dous)
Publicado por eSedidió o Xullo 4, 2011
Boas, como non gosto de deixar as cousas a medias, despois dunha paréntese aquí estou de novo disposto a rematar a miña exposición aritmético/recreativa sobre as pizpiretas propostas que están a se converter nunha sorte de verdade revelada ao mundiño indignado, para maior gloria de Don Cayo e Dona Rosa (agora que o vexo, así colocados os nomes parecen os dun dueto cómico de zarzuela chulapona). Estou a falar, lembrarán vostedes, das manobras para modificar o noso sistema electoral, no que atinxe á distribución de escanos.
Nos comentarios da entrega anterior xurdiron dúas cousiñas que vou tentar resolver antes de me meter en fariña. Por unha banda, algún reclamábame o cadro do que tirara os resultados. E velaquí o teñen, se dispoñen dunha lupa. Como xa explicara, trátase da aplicación da regla D’Hont ao conxunto dos votos das eleccións de 2008, sumando os votos estimados de Bildu, e supoñendo un distrito único, tal como desexaría o dueto cómico do que antes falaba.
A segunda cuestión responde a que eu fixera una pequena trampa/simplificación: supor que a totalidade das forzas nacionalistas concorrerían xuntas ás eleccións, o que resulta bastante improbábel, tendo en conta que nalgunhas comunidades existen dúas ou máis forzas con divergencias ideolóxicas de fondo. De acordo con isto modifiquei a hipótese, dividindo o conxunto de votos nacionalistas en dúas coalicións, tal como adoita ocorrer nas elección europeas, e cunha das coalicións claramente hexemónica en votos. Aplicando o mesmo método, o resultado agora sería: PSOE 163, PP 143, Nacionalistas I 23, Nacionalistas II 13, IU 11 e UPyD 4. Como podemos ver no Cadro, os datos seguen a ser igual de teimudos.
Aproveito para reiterar que estes datos non pretenden ser proféticos, posto que están referidos ás eleccións de 2008. Algún de vostedes pode preguntarse por que non emprego os das últimas eleccións de 2011, e a resposta é sinxela: ademais do obvio -datos heteroxéneos e diferente comportamento electoral- tamén hai que ter en consideración o importante peso que, no caso de eleccións locais, teñen as agrupacións electorais e as candidaturas independentes, o que claramente sesga os resultados. De todos modos, repito que o que se pretende demostrar é que, amén de inxusto e mesmo absurdo, o sistema de circunscrición única electoral non resolve o que para algúns é un problema e para moitos unha esperanza: o forte peso político que no Estado presentan as forzas nacionalistas, os sexa, de la antiespaña, que dirían na intereconomía.
E unha vez resolta esa dúbida que estou seguro lles mantiña insomnes a todos vostedes, pasarei a analizar o outro asunto que nos convocaba: a lenda -ou non- do peso relativo votantes/escaño, ese que dí que un madrileño -ou un barcelonés, que veñen sendo o mesmo, agás no acento- necesita xuntar ducias -ás veces dise textualmente que centeas- de votos máis ca un pobre paleto -aka de provincias- para ter un representante nas Cortes.
No Cadro Nº 2 -desta sen lupa- recóllense os valores correspondentes á distribución actual de escanos, baseados na circunscrición provincial, e os resultantes de utilizar a circunscrición autonómica.
Diante de nada, aclarar algúns conceptos:
- A lóxica da distribución actual de escanos responde á existencia da circunscrición electoral provincial, na que cada unha das 50 provincias, máis Ceuta e Melilla considéranse circunscripcións independentes. Asígnanse 2 escanos a cada provincia e 1 máis a Ceuta e a Melilla, o que dá un total de 104 escanos. Os restantes 248 (ate os 350 totais) repártense de xeito proporcional á poboación residente. Desta maneira, considerando a cuestión provincialmente, a Soria correspóndenlle os 2 escanos mínimos, e a Madrid 35.
- Se revisamos a cuestión agrupando os escanos, coa distribución actual, por Comunidades Autónomas, atopámonos con que a Comunidade con maior déficit de representación resulta ser efectivamente Madrid, con 132.000 electores/escano (a media sería de algo menos de 98.000), pero, oh, sorpresa, a segunda comunidade infrarrepresentada sería Asturias (123.000 electores) seguida de preto por Galicia (116.500) e xa despois Cataluña e a Comunidade Valenciá. No tocante ás sobrerrepresentadas, deixando de lado a Ceuta e Melilla, as Comunidades máis “beneficiadas” son, por esta orde, A Rioxa (un escano cada 63.000 electores), Castela – León (68.000) e Castela – A Mancha (75.000). O resto das comunicades están no abano de entre o 80% e o 105%, e Euskadi, sempre acusada de resultar beneficiada polo sistema, está lixeiramente por riba da media, con algo máis de 98.000 electores por escano. Velaí, pois, o fin do mito de que o sistema electoral beneficia as hectareas fronte aos habitantes. No peor dos casos, a relación é de 1:2, e na inmensa maioría non chega a 1:1,5. E dentro do grupo das prexudicadas aparecen comunidades habitualmente acusadas de seren beneficiarias.
- A nefanda Lei D’Hont, a archi-inimiga do dueto cómico-musical, non é máis ca un sistema de distribución de restos, necesario se temos en conta que resulta complicado mandar a Cortes a 1,42 deputados. Home, algún seguramente dirá que non é mala idea a de proceder ao despezamento das señorías, pero iso é porque vostedes non uns malvados. Certo é que o sistema beneficia lixeiramente á forza máis votada fronte ás minoritarias, pero tamén é posíbel argumentar que iso é necesario para garantir a estabilidade. Verémolo cun pouquiño máis de detalle máis adiante.
Que se podería facer para achegar máis a representación política á vontade dos electores (no suposto que iso sexa desexábel, obviamente)? Izquierda Unida presentou unha proposta, que resumidamente consistiría en:
- Aumento a 400 do número total de escanos, dos 350 actuais. [Non entro a discutir se iso resultaría ou non máis democrático, pero si entro a valorar o argumento de IU. Textualmente din que "desde la aprobación de la Ley Electoral la población española ha aumentado considerablemente y, de esta forma, la nueva representación será más proporcional a la población actual". Xa o sinto, pero necesito explicación política, que aritmética non ten.]
- Redución do mínimo provincial de escanos de 2 a 1, para liberar 50 escanos. [Aínda que din que "preferirían a circunscrición autonómica", non fan unha soa proposta nese sentido. Adicionalmente din que con esta medida "se sustituye el peso de las hectáreas por el de las personas": ¿¿??]
- Creación duhna ‘bolsa’ ou fondo estatal de restos onde foran parar os votos que lle sobrasen a cada formación tras distribuirse o número de escanos. A partir desta bolsa distribuiríanse os 50 novos escanos. [Isto é, na miña opinión, tan delirante que, se non lles importa, deixarémolo para o final]
- Substitución da regla D’Hont pola regla St. Lague, que basicamente consiste en establecer os restos non por relacións 1-2-3-4-….. senón 1-3-5-7-9-…… Esta é seguramente a proposta máis interesentede de analizar, e verémolas cun exemplo.
Calcularemos a distribución en circunscricións de 5, 10 e 20 escanos para a mesma situación electoral: Catro forzas, co 54%, 36%, 8% e 2% respectivamente, e aplicaremos para os tres casos as dúas regras:
Nas ringleiras inferiores de cada Cadro aparecen os escanos que corresponderían proporcionalmente, incluíndo decimais, e os escanos realmente atribuídos. Como vemos, a regra D’Hont tende a premiar sempre á forza con mellor resultados e a castigar á de resultados máis baixos, se ben cómpre dicir que os resultados tenden a igualar conforme o número de escanos en disputa diminúe.
No entanto, a proposta que IU non contempla, senón que só insinúa, sería na miña opinión a que mellor respondería ao obxectivo de igualar os resultados electorais coa vontade popular: a substitución da circunscripción electoral pola autonómica, asignando un mínimo de 1 deputado, e o resto atribuído proporcionalmente. Se volvemos ao Cadro Nº 2 podemos observar os resultados desa proposta:
- As comunidades máis poboadas (Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciá) incrementarían os seus escanos (en 9, 5 e 2, respectivamente) a costa principalmente de Castela – León (perdería 11 escanos), Castela – A Mancha (5) e Aragón (2). Comunidades como Galicia e Euskadi permanecerían coa mesma representación.
- O peso relativo de habitantes por escano aproxímase moito a media: a diferenza (agás de novo, Ceuta e Melilla) entre o valor mínimo (A Rioxa, con 77.000) e a máxima (Andalucia, con 101.000) é de 1,3:1, e na inmensa maioría dos casos (15 comunidades) oscila nunha banda de 0,1 puntos.
- Non é posíbel aquí deixar de lado un feito do que case nunca se fala: a existencia do CERA (Censo de Residentes Ausentes), grupo de persoas con residencia no extranxeiro (ás veces, fillos e netos non nados no Estado) a quen se lle outorga a capacidade de seren electores, pero que non contan á hora da distribución de escanos (nin á hora da distribución de recursos; pero iso é xa outra historia). Xa postos a sermos demócratas, digo eu que non estaría mal que, se a reforma da lei non inclúe a perda do seu carácter de electores -o que sería, na miña opinión, o lóxico- a distribución de escanos debería telos en conta. Pois ben: de incluírmos ese censo, as Comunidades que gañarían escanos sería Galicia (3 escanos), Canarias e Cantabria (1 escano cada unha) a costa de Andalucía, Cataluña, Comunidade Valenciá, Extremadura e Euskadi (perda de 1 cada unha).
Así pois, na miña opinión, unha reforma da lei electoral que pretendese configurar unha relación máis cercana entre os electores e a súa representación política pasaría pola substitución da circunscrición electoral provincial pola autonómica e pola aplicación da Regra St. Lague no canto da Regra D’Hont.
Queda pendente, por último, a discusión verbo da proposta de creación dunha bolsa de 50 escanos con circunscrición única que propón IU. Independentemente do oportunismo da cuestión -creo que a ninguén se lle escapa a tendencia dos esquerdistas unidos á propor lexislacións a medida, aseghún lle vaian as cousas- penso que existe un argumento que resulta irrebatíbel: a circunscrición resulta a manobra máis suxamente centralista que se tenta dende a desaparición do Consejo Nacional del Movimiento.
Fagamos un pouco de política ficción, supoñamos que o Congreso tolea e aceptan a tese de que douscentos votos aquí, mil alá poden xuntar para un novo deputado. Supoñamos tamén que, daquela, as forzas nacionalistas non concorren xuntas -xa vimos o que sucedería-. Moi ben: IU xunta votos para digamos 10 deputados adicionais. Eu pregunto: de que lista sairían? Da de Madrid? Dunha adicional? Supoñamos que existe esa tal lista adicional. Como se elixe a orde dos candidatos? Podería ocorrer, que sei eu, que o primeiro da lista fose o ínclito Llamazares, que adoita ser candidato por Madrid. Ou Cayo Lara, ex-alcalde dunha vila castelán-manchega. A quen representa entón? E o resto? Fan unha lista por orde autonómica? Ao final poden ocorrer dúas cousas: que os intereses dos electores galegos sexan representados por un señor que di “Chunta” ou, polo contrario, que os electores españois se vexan representados por un deputado galego de IU, cando dá a casualidade de que esa forza, no seu país e contando votos soltos, non chega nin de coña ao 2% da representación popular. Todo moi democrático, iso si.
Como hai xentes non galegas que len isto, voume permitir lembrarlles a vostedes unha historia que os galegos coñecemos ben: a perda da nosa representación política nas Cortes españolas, na idade Media, perpetrada polos reis católicos durante o proceso que eles mesmos denominaron “la doma y castración del Reino de Galicia“. Durante case 150 anos, Galicia foi representada en Cortes pola cidade de Zamora. E só despois de pagar unha enorme cantidade de diñeiro (100.000 ducados da época) lle foron devoltos eses dereitos por Felipe IV en 1623. A diferenza é que hoxe, esa cesión de parte da nosa representación sairía gratis, e ficaríamos capados, pero contentes.
E remato cunha canción: bright side of the road, coma sempre, executada por servidor. Ata outra, meus.


F. Míguez dixo
Supoño que somos moitos os que pensamos que outro sistema electoral debería ser posible, pero hai que ter unha cousa moi clara: todo modelo matemático ten un talón de aquiles nas hipóteses que se formulan. Se neste caso seu, as hipóteses teñen unha finalidade didáctica, noutras explicacións que hai por ahí non o teño tan claro.
Ó final, hai factor inevitable e case imposible de modelar: o factor humano. Sorpredentemente, ese factor humano supera a calesquera matemáticas e fai do noso sistema político un dos máis representativos do mundo. Absolutamente todos os, digamos “defectos” que se lle atribúen á clase política española son unha perfecta mostra dos que ten a sociedade. Podemos darlle as voltas que queiramos ó sistema D’hont, que abofé será mellorable, pero mentres non nos revisemos a nos mesmos non hai moito que facer.
eSedidió dixo
Como non teño moita gaña de escribir nestes últimos tempos, ao mellor do texto pode saír a impresión de que eu defendo este sistema de representación, aínda que mellorábel, e a verdade é que non é así. Eu penso que, cos tempos que corren e as tecnoloxías das que dispomos, unha elección nominal duns ghichos cada catro anos, para que despois se vote en pura fórmula numérica e de disciplina de partido, e para que a función lexislativa se leve a cabo por equipas técnicas externas, resulta antifuncional, é un dispendio e na miña opinión bastante pouco democrática. Pero, xa sabemos, éche o que hai.
Por certo, que ando moi disgustado ultimamente.O outro día pasei por unha librería e no escaparate estaba un libro-entrevista de rosadíez, baixo o título de “es lo que hay”. Dado que a este tenderete xa lle queda pouca vida non me prantexo modificar o nome, pero conste que foder, fode
F. Míguez dixo
Eu o que boto de menos e a figura do referendo, esa movida tan cara e propia de separatistas que, seica, noutras “democracias avanzadas” se fai ano sí e ano non. A fin de contas, non hai mellor representación da vontade dun cidadán que o seu propio voto.
Sobre o título da Sra. Díez, xa sabe o que din dos extremos
eSedidió dixo
Eu tamén, non sei se como referendo, como consulta ou como o que sexa. Pero realmente o que boto de menos é que as iniciativas lexislativas populares servan para algo máis que para que os ghichiños limpen o cú con elas. Non sei, pero penso que a obriga da toma en consideración non abonda, sobre todo para as que conten con respaldos masivos.
E do outro, faga o favor de non faltar ao respeto a dona rosa.
starbase dixo
Si al final van a tener razón los anarcosindicalistas que se reunían en casa los fines de semana por la tarde, en largúissssssimas sesiones de tertulia con café, copazo y mucho cigarrilllo (se ve que el puro no hace anarquista). Cenetistas irredentos siempre con la propuesta del asamblearismo.
Y ahora que la tecnología lo permite… ¿Y ahora qué?
eSedidió dixo
Algún día, cuando tenga tiempo y ganas de revolver entre papeles, encontraré unos documentos elaborados a finales de los 70 por un grupo de jovenzuelos imberbes pero entusiastas, que hablaban sobre asamblearismo, sin ser anarcos. No sé por qué tengo la impresión de que sería una especie de dejà vu.
Y ten por seguro que, antes o despues, las gentes jóvenes terminareis por asistir a una modificación revolucionaria (al menos en las formas) del proceso de participación (ay, si tuviera 20 años y 5 puntos menos de tensión sanguínea!….)
Xaquín dixo
Ou ando algo perdido ou empezo a pensar que a Muralla china ten algo de asfalto road country…pero que disfrute…