Éche o que hai

Unha ollada crítica ao tenderete alimentario.

Todos a cuberto, veñen os esloufudis!!

Publicado por eSedidió on Novembro 5, 2009

Leo con certo desasosego a noticia na Voz de hoxe referente a que en Torino veñen de aprobar a creación dun Convivium Galaicum dos esloufút. Aínda que a información non é nova e xa falara no seu momento desta posibilidade, a miña desazón non está motivada pola propia creación do tenderete -faltaría máis, que aquí todo o mundo ten dereito a comer amodo, a todaleche ou simplemente a non comer- senón pola calidade e cantidade da información brindada.

Eu, que son un firme crente en que o xornal coruñés non só é o noso referente informativo por antonomasia, senón que deberían ser aspirantes ao Pulitzer ata os seus anuncios breves, non podo menos que rachar as miñas -pobres- vestimentas e emporcarme de cinzas ao observar a pobreza dos contidos desta nova e os artigos ampliatorios que a acompañan (síntoo, seguro que en xerga xornalística teñen un nome, pero eu bastante teño con saber algo do meu). Extraídos todos eles da páxina principal dos esloufút -ou dun resumo de prensa que anda a rular por aí, non o sei, porque todos os artigos que vou lendo sonche cuspidiños, sexa quen sexa o perpetrador- insisten nas barrilas esas da asociación sen ánimo de lucro, as invasións homoxeneizadoras e o insoportábel ritmo de vida actual.

Aínda máis: na edición en papel (na dixital non a dou atopado) fálase da vindeira inclusión no movemento (ademáis do millo corvo e a centola de Lira) do porco celta, facendo referencia ao da montaña lucense, cando entre as miñas informacións do que se trataba era de dar de alta o procedente dunha explotación de Corcubión. Por outra parte, insístese en mencionar entre os promotores do Convivium -ademais do seu presidente, o xornalista e empresario de turismo e hostalería rural Jesús Trillo- a un tal Josep Pamies, horticultor ilerdense afecionado á medicina naturista que non sei que raios ten que ver con este conto, dado que a súa explotación está en Balaguer, como non sexa que asesorara nalgún momento da xénese do tinglado.

Pois nada, que xa sabedes, que o novo convivium está aberto a todos nos -mellor dito, a todos vos, que en principo só poden entrar persoas dotadas de bo gusto, e evidentemente non é o meu caso-, que van levar os produtos a Terra Madre (a gastos pagos, seica) e ao Teatro del Gusto (supoño que queren dicir o Salón do Gusto; será un lapsus calami ou máis ben unha traizón do subconsciente, non o sei) e que, ademais do esloufút temos outros tingladillos para entretérmonos: o eslougüork (traballar amodo, válido obviamente só para profesores universitarios) e nada menos que o eslousex (mimá….. se o chego a saber non publico a serie de Vaite amodo…..).

E o máis terrorífico: na asemblea de decembro en Muxía van propoñer a creación de esloucities, para cidades caracterizadas entre outras cousas por retrasar media hora os reloxos dos concellos. Eu, que son veciño de Oleiros, e coñecendo o percal, témome o pior…….

Agora en serio: Meus señores de La Voz, fagan o favor de ser un pouquiño máis aplicados no traballo. Vale que se lles vexa o plumeiro no do eólico, as fusións de caixas e tal, pero nos artigos do corazón, prensa rosa e sociedade en xeral, fáganme o favor de recorrer a fontes fiábeis, mesmamente as do blogomillo.

10 Respostas to “Todos a cuberto, veñen os esloufudis!!”

  1. alvarez dixo

    Iso pásalle por leer o Faro de por ahi (non digo por ahi arriba para que non se mosquee) e non leer o que dios manda que é o Faro orixinal (non vale a edición de Ourense) que é o que lee o noso veciño Gayoso o cal e despois de ser o único galego que lle dixo non o Presidente e por ende o PP (miña naiciña que barbaridá) e ademais por escrito. Xa dende aqui propoño unha escultura para poñer por exemplo nunha rotonda de Bouzas que debe ser a única que queda sen espantallo. Iso si, que non pase como a de Mostovoi …

  2. eSedidió dixo

    Eu La Voz léoa exclusivamente no garito onde almorzo, que son ex – suscriptor despois da que liaron no seu momento por un quítame allá eses muíños de vento. E onte case me atraganta os churros.
    No tocante á fusión, agora vai resultar que o Gayoso é o noso Braveheart? A ver que pasa, de momento Feijóo parece que recula. Pero a min de todo isto o que realmente me preocupa é saber quen carallo nomea aos xestores das caixas. Disque hai representantes dos impositores, pero para min que para ter dereito a voto tes que ensinar o carnet do Aero club de Vigo ou do club de Golf da Coruña.

  3. alvarez dixo

    Pois eu para leer as tonterias diarias gosto do Faro porque é tradición familiar (traducido por gratis) e o periodico coruñesista pois fai moitos anos tiña o aquel en Vigo de ser como de esquerdas (que risa). Pero dende que foi o asunto do pxom onde as famosas torres con que Castrillo iha encher a cidade eran moi malos na edicion local e unha maravilla se se facian nos Cantons pois que quer que lle diga.
    En canto o asunto financeiro eu teño a fortuna en Caixanova e non é por nada pero, o sinto, prefiro que as decisión se tomen vendo a Ria. Si, é unha tonteria pero como di a doctrina Usa, son uns fillo de puta pero son os nosos fillos de puta.
    En canto a quen manda pois por non ser hipócrita, tanto me ten. Como este sistema económico e todo o seu aparello (lembrase do sa superestructura,¡que tempos!) non me chista nada, e camto mais vello, menos, e como vexolle moitos inconvintes a calqueria sistema de elección para calquer tipo de institución financeira, aplico o pensamento Deng Xiaoping “que importa gato brano ou negro se caza ratons”. E xa sabe, que ten a ambición de ser dirixente dun banco ou caixa, o pobriño ten dereito o yate para ir tomar as luriñas e as necoras a Aldan e facer uns green en Domaio creendose o rei do mundo. Almas de dios.

  4. eSedidió dixo

    El leo todos os días o faro na edición dixital, que aquí é que non o hai nos bares (que é onde adoito ler o xornal). E os meus pufos tamén os teño en Caixanova (a medias coa caixaghalisia). Aínda que no exilio, aínda conservo algunha tradición patria ademáis do sufrimento co glorioso celta.
    No tocante ao da fusión – fisión, eu é que escarrancho de risa cando escoito aos popes do bloque clamando pola unidade para así termos unha especie de Banco Nacional. Ai, meus pobriños…… Ao final vai ser que os pufos da CaixaGhalisia nas promocións levantinas de adosados eran un intento de expansión do noso territorio.

  5. Alfonso Pardo dixo

    Bueno,bueno,pois estache o conto ben.Agora que os fudis chegan a nosa terra,seghuro que fan do seu blog o seu manual de cabeceira.Vexoo do ganchete co Petrini….
    E se o noso lider maximo arranxa unha laconada eslou,non me diga que non se apunta….

  6. eSedidió dixo

    É vostede francamente malvado, Sr. Pardo, como é mester en todo aristócrata que se precie….
    A todo isto, non sei como sera unha esloulaconada…. ou un eslouporco. Ou os elsougrelos. Dos eslouchourizos xa nin falo. Supoño que estará feita con microporcos deses vietnamitas que teñen os actores de hollywood e con grelos da toscana…
    E agora que temos a esloulis de veciños ao mellor anímase un pouco este tenderete, que parecemos xubilados, coñe….

  7. alvarez dixo

    É que os coitados dirixentes bloqueiros non se decataron ainda que esta é unha nación básicamente de propietarios e como bos esquerdosos que son, pois andanche coas teimas proletarias de manual Marta harnecker. Pero si no meu barrio foron ou sonche todos traballadores do naval ou de Citroen e teñen un capital entre a nosa parroquia e as veciñas que quen lle dera a algún dirixente bancario….E como bos propietarios que son, somos, pois xa se sabe, cada un mira pola sua leiriña. E polo menos por a miña parroquia non nos fai ningunha gracia que nos veñan a decir ninguen o que ahi que facer sobre o que é de cada quen. E menos se é un dos Peares ou dos Cantons a vender a moto da unidade nacional bancaria galega. Claro, unidade nacional cando eles van de cu e costa arriba. Unidade cando se trata de salvar os negocios señoritos dos enterados jodechinchos. Pois que espabilen e se safen como sempre fixeron via Presupuesto de esa bendita hespaña que tanto lles presta. Ou que os merquen Caja Madrid co seu adorado Rato.

  8. eSedidió dixo

    Alvarez, non me toque o tema “eu coa miña leira fago o que me dá a gaña” que a liamos. Do outro, que fagan o que queiran: a min tanto me ten que me puteen os caixagalegos que os caixacataláns.

  9. La noticia es genial: “Después de varios años de gestación y un impulso definitivo el año pasado con las reuniones previas”. Vamos que se han puesto de comer hasta las patas. Y en Turín, claro. No saben nada.

    Mientras, y tras el gran lanzamiento de Slow Food Galicia (http://galicia.slowfood.es/), la página funciona bastante mal con Firefox. Eso por no hablar del contenido, con las secciones “Comer en Galicia” y las tres subsecciones de “Nuestros alimentos” vacías, sin contenido.

    Evidentemente, ante el panorama, nunca más voy a volver a visitar esa página, con lo que el lanzamiento ha quedado en nada, ha sido dinero tirado a la basura. Una idiotez más.

  10. eSedidió dixo

    Vale, fixen un chequeo e con explorer vai tamén como o cú: Tan como o cú que te leva á páxina de esloufút álava :-) . Tras moito pelexar chegas a algo semellante ao que podería ser unha páxina do esloufút galicia, por suposto en castelán. Ou bueno, non exactamente: a ligazón coa páxina do tal Josep Pamies funciona perfectamente, e esa está en castelán…. e en catalán. Inefábel.
    Pois eu penso volver tanto como poda, que penso que o vou pasar de coña :-)

Deixa un comentario

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <pre> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>