Éche o que hai

Unha ollada crítica ao tenderete alimentario.

Bos, bonitos e ás veces ata baratos (I): A Faba de Lourenzá.

Publicado por eSedidió on Outubro 23, 2009

Boas. Dado que xa me gañei un tirón de orellas dun amigo lector do blog, que di que ultimamente ando pouco produtivo, póñome mans á obra. Conste que moito entusiasmo non teño, que anda un pesimista e pouco belicoso con isto da crise. Outro día contareilles dos sinsabores dun pequeno -realmente case microscópico, e máis coa evolución da miña plantilla- empresario nestes escenarios, que empezo a aborrecer iso de escoitar gilipolleces e pensamentos – lixo da boca de sindicalistas, bancarios, encorbatados deses con cargo tipo product manager e -como non- políticos. Pero iso será cando recupere algo de mala baba, que agora ando escaso de forzas e ademais son hipertenso.

Comezo hoxe unha nova serie dedicada a algúns dos nosos produtos alimentarios de calidade diferenciada. Van ser só uns poucos, aqueles dos que poda aportar algunha información pouco coñecida ou certa visión crítica, case sempre por razóns de proximidade profesional. Aínda que hoxe estou mansiño, como me coñezo sei que nalgúns casos rematarei por atropelar sensibilidades. Pois éche o que hai. E outro aviso para repunantes e gastrosabihondos en xeral: teño pensado baixar o nivel ata o mínimo, que os expertos non precisan das miñas explicacións, e o común dos mortais ás veces si. Que un está canso de ler certos artigos que  tratan ao lector como se Schopenhauer fose un compañeiro seu de mus.

Faba de Lourenza ColorImos pois embora. O primeiro dos produtos que vou tratar é a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá. As razóns? Basicamente filantrópicas e solidarias: tentar  que non lle dea un pallá ao amigo Colineta, que cada vez que alguén fala deste tema sulfúrase como unha hidra.

.

.

.

.

A FABA E OS DEPENDES

Primeiro: a faba de Lourenzá é unha faba, obviamente (se fose un caramuxo estaríamos a falar de esloufút). Digo isto porque “faba” en galego non é “haba” en castelán. Ou si… Bueno, realmente, depende.

Tírome a piscina coa miña habitual prudencia: existen dúas especies vexetais pertencentes á familia botánica das Fabaceas ou Leguminosas.  Unha é o Phaseolus Vulgaris -bueno, non exactamente, porque existen tamén outros phaseolus incluídos no nome, como o gonospermus, o haematocarpus, o compresus, o multiflorus e algún máis que non cito por non pecar de pedante :-) - coñecida en español, entre outros nomes, como judía, habichuelaalubia ou fréjol. As vainas verdes, que se consumen cocidas, coñécense en español como judías verdes (vainas en Euskadi). En galego esta especie é xenericamente coñecida como feixón (feixón verde para a vaina verde). As variedades brancas, e xeralmente as de gran tamaño, coñécense tamén como fabas -aínda que ecotipos de menor tamaño tamén son coñecidas como fabas do caldo, e mesmo unhas pequerrechiñas e verdes, como verdinas ou fabas do marisco-.

A outra especie é a Vicia Faba, curmá da anterior, que en Galicia é pouco consumida e en xeral no Estado é menos popular que a alubia. Para entendérmonos, trátase dunha cousa con aspecto de chícharo máis grande e aplanado, de cor verde e pel bastante dura, que un adoita atopar nas menestras conxeladas de Frudesa e que inevitabelmente queda aparcada nun recuncho do prato ao rematar de comer. En español, o nome dese simpático vexetal é haba (existe unha variedade empregada en alimentación animal, aínda máis basta, coñecida como haba caballar). E en galego? Pois…. faba (acougue, Colineta, que todo ten explicación). Tamén se coñece como faballón ou como faboca (segundo E. Losada, J. Castro e E. Niño, (1992): Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia). Outro nome atopado nalgún diccionario é o de faba loba, que, no entanto, segundo o P. Sarmiento en realidade trátase do Lupinus luteus (en castelán altramuz).

Como vemos, todo a mar de sinxelo, como corresponde á nosa maneira de estar no mundo. De todos modos, o lío de nomes xa ven de lonxe. O propio Lucas Labrada, autor multicitado onde os haxa (e iso que era porteiro na alfándega) describe o Val de Lourenzá como moi rico en… habas. De todos modos, unha cousa si que está clara: se nos estamos a referir a unha faba do tipo da de Lourenzá, en castelán o seu nome non é “haba”, senón judía ou como moito judión. En troques, se do que falamos é da cousa esa das menestras, en español sería “haba”, pero en galego seguramente tamén será faba (nótase moito que non soporto as tales fabas?).

Vale, a Faba de Lourenzá é unha faba pero non un “haba”. Segundo: a faba de Lourenzá, é de Lourenzá? Pois tamén: depende.

A Mariña lucense redA coñecida como faba de Lourenzá é a Phaseolus vulgaris, variedade galaica (supoño que cando se estudou o tema alguén atopou diferenzas coa variedade asturiana, pero en calquera caso son moi semellantes morfoloxicamente). A súa área tradicional de cultivo correspóndese aproximadamente coa área delimitada pola Indicación Xeográfica Protexida, e comprende os concellos da denominada Mariña de Lugo, administrativamente dividida nas comarcas de A Mariña Oriental, Central e Occidental, que á súa vez engloban os Concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove  (por orde alfabética, para que ninguén se mosquee).

Por que, entón, a denominación da IXP é Faba de Lourenzá e non Faba da Mariña, que sería sen dúbida un nome máis axeitado e menos localista? Pois sinxelamente porque a entidade que tivo máis claro dende hai anos a oportunidade comercial desta produción e as súas posibilidades foi o Concello de Lourenzá, así de claro e así de simple. No mellor dos mundos de yupi seguramente tería que haber sido un esforzo das Sociedades de Desenvolvemento Comarcal (que ao principio do proceso non existían e ao final era como se non existisen) ou da Deputación (non esquezamos de que Deputación falamos, en que mans estaba e a que tipo de intereses se dedicaba). Ou se me apuran, do conxunto dos alcaldes (de concellos escasos de xente e de recursos na maioría, e non sempre amiguiños entre eles).

Ao final, foi o pulo do Concello de Lourenzá, que aproveitando a existencia da feira mensual documentada dende 1836, con información sobre transaccións comerciais de faba, e referencias historiográficas á produción no Val de Lourenzá, comezou pola súa conta a promoción da faba, primeiro mediante a creación, no ano 1991, da “Festa da Faba de Lourenzá” e a partires de entón, co impulso á creación dunha figura de promoción xeográfica (eu mesmo, dende hai máis de 10 anos, podo dar fe como testemuña externa do coñazo que daban na Xunta) sempre baixo o nome de Lourenzá.

sup_faba-norte-lugoOutro factor de certo peso que non convén esquecer é que o val de Lourenzá é o que concentra unha parte substancial da produción de faba, tal e como se pode observar no mapa adxunto, con información referida a 2004.

En resumidas contas: que eu prefiro que a IXP se chame Faba de Lourenzá, aínda a pesares de comprender o cabreo do resto de mariñáns, a que non se chamara de ningunha forma, ou, peor aínda, que se acabara chamando Faba de Langreo, que realmente era o camiño que levaba.

.

.

.

.

 Ben, recapitulando: a faba de Lourenzá é unha faba pero non un “haba”, e é de Lourenzá pero podería ser da Mariña. E é unha Indicación Xeográfica Protexida, e non unha Denominación de Orixe Protexida. Por que? Pois tamén depende.

Dentro da nomenclatura europea de produtos agrarios de calidade ligada á orixe xeográfica existen dúas categorías (realmente existen máis, pero xa me van coñecendo; o caso é liarlles): para entendérmonos, como as divisións do fútbol. A Segunda (agora chamada Liga Adelante, supoño que porque se vas para atrás caes no pozo), na que temporal e voluntariamente milita o recén saído da concursal  e outrora e sempre glorioso Celta, sería o equivalente á Indicación Xeográfica Protexida. A Primeira, tamén coñecida como Liga BBVA -en honor supoño do maior acredor desas honradas entidades; bueno, agora que o penso, de ser así en realidade deberíase chamar Liga Axencia Tributaria-, na que milita o futuro entrante na concursal Deportivo, acolle a la-crème-de-la-créme e correspóndese coas Denominacións de Orixe Protexidas. Basicamente, e simplificando, a diferenza entre a obtención dunha IXP ou dunha DOP está relacionada con demostrar, no caso da segunda, o que na jerga dos burócratas europeos é reverencialmente coñecido como O VÍNCULO (escribo en maiúsculas porque eles pronúnciano en maiúsculas), un concepto case metafísico relacionado coa indisolúbel relación entre o produto, o territorio e os produtores. No caso das IXP o vínculo debe ser máis ben vinculiño, por que só hai que demostrar que o produto está bo e faise tradicionalmente nunha área xeográfica concreta. Na práctica, e ademais das lóxicas cuestións de prestixio comercial -válidas só para os entendidos, que a maioría da xente non distingue unha IXP ou unha DOP da marca de calidade do Mercadona-, a gran diferenza é que, no caso das DOP, o alimento debe ser obrigatoriamente producido e envasado dentro do territorio amparado, e no das IXP só ten que ser producido na zona, pero o envasado pódese levar a cabo en calquera parte do territorio UE. Este feito, como veremos, pode condicionar o futuro da propia IXP Faba de Lourenzá.

Na miña modesta opinión, o caso da Faba de Lourenzá presenta un vínculo tamaño king size, e podería ser hoxe unha DOP en troques dunha IXP. As razóns para non ter entrado na Primeira División son lóxicas e explicábeis, e non sería honrado se eu fixera crítica a touro pasado: existían, no momento de preparar o expediente para a aprobación en Europa, certas dúbidas sobre a posibilidade de demostración do famoso vínculo, polo que se preferiu non arriscar e tirar polo camiño da IXP, en principio máis doada de obter.

 O PRODUTO

Ben. Despois de tanto depende imos ao importante, que é o produto, e eu empezo a ter fame.

IMGP2693pIMGP2708pIMGP2707p

A Faba de Lourenzá ou da Mariña é un produto absolutamente espectacular. E síntome autorizado a dicir iso porque entre as miñas poucas teimas gastronómicas está o consumo de fabas, a calquera hora do día incluíndo o almorzo. Como xa saben vostedes da miña querencia polos veciños do este (recollida nun post anterior) e da frecuencia dos meus tránsitos por esas terras, direilles que ademais son un coleccionista de sidrerías, restaurantes, chigres, tugurios e garitos onde sirvan fabadas, fabes con almejes ou sin almejes, e en xeral calquera cousa comestíbel e que conteña phaseolus vulgaris variedade asturiana e/ou galaica. E dentro do país, son consumidor habitual de fabas de Bergantiños.

Pois ben: non teño comido cousa igual ás fabas de Lourenzá (perdón, da Mariña) recollidas e cociñadas en fresco, sen secado: cunha pel inexistente e un grao de manteigosidade que daban gañas de untalas en pan e mollar en colacao como se fose Tulipán.

Aproveito este exceso de entusiasmo para comentar un tema que pode ser unha boa oportunidade comercial, na miña opinión (adiante, emprendedores, que un xa vai vello e xa saben da miña filantropía): a comercialización en fresco, ben en atmosfera inerte (como produto estacional) ou ben conxelado (téñase en conta que a propia faba seca amparada pola IXP ten obrigatoriamente que ser sometida a conxelación temporal para acabar co gurgullo sen o emprego de tratamentos químicos post – colleita). O produto fresco ou conxelado gaña moitos enteiros de calidade con respecto da faba seca, e, de feito, en moitos restaurantes asturianos de sona estase a recorrer ao emprego de faba fresca conxelada no canto de faba seca. Ou sexa que, xa saben, se teñen interese e capital póñanse en contacto comigo e falamos de royalties. Desgraciadamente, a IXP só recoñece o produto envasado seco, polo que habería que procurar algún sistema de amparo adicional.

Outra cuestión moi importante á hora da calidade do produto final é impedir a mestura entre fabas procedentes de diferentes produtores ou mesmo de diferentes predios de cultivo. A mestura ten case sempre que ver cunha falla de homoxeneidade que se traducirá en que algunhas fabas queden duras e outras desfeitas trala cocción. Afortunadamente, o sistema de Control e Certificación posto en marcha por Ingacal ten en conta a identificación de lotes de produto ata a parcela de produción, polo que ese tema está en principio controlado no caso do produto con selo da IXP.

En canto ao prezo, este ano non tiven oportunidade de ir á Feira, pero o 2008 os prezos de Faba IXP estaban á venda a prezos entre 6 e 7 €, frescas e secas. Como ven, barato, sobre todo comparadas coas súas curmás do este, que se cotizan a máis do dobre. Por último, e para os sustentábeis, dicir que existe cando menos un produtor ecolóxico que conta co selo da IXP, ademais do do CRAEGA.

Supoño que a estas alturas estarán vostedes agardando ansiosamente a que eu afirme que as fabas de Lourenzá son mellores que as asturianas. Pois esperen sentados, proben as dúas e despois opinen, que seguro que estaremos de acordo, salvo que sexan vostedes amantes do consumo de habas.

OS PROBLEMAS E O FUTURO

A Faba de Lourenzá (perdón, da Mariña) é un produto atípico, que presenta unha singularidade que seguramente faría que o resto dos produtores galegos na mesma situación aplaudisen coas orellas, pero que paradoxalmente pode supor o atranco máis importante para o desenvolvemento da IXP: a faba véndese toda, e véndese por xunto a moi bo prezo (na miña opinión, que seguro que os produtores aínda chorarán, pero é o seu rol), sen necesidade de estar amparada pola IXP. Como todos sabemos, os compradores son eses dicharacheros e filantrópicos individuos procedentes de máis aló do Eo, que aparecen todos os outonos polas explotacións da Mariña adquirindo a inmensa maioría da produción a prezos similares aos antes indicados de venda na Festa. Eu chámolles filantrópicos porque supoño que as adquiren para á doazón a algunha ONG: non son capaz nin sequera de imaxinar que as coloquen de matute dentro da produción de faba asturiana, a pesares de que alí poda acadar prezos superiores aos 12 €. Así postos, resulta moi difícil que os produtores podan estar interesados na comercialización dentro da IXP, que obriga ao envasado polo miúdo e que aínda por riba establece controles sobre as prácticas de cultivo que, polo contrario, aos curmáns bebedores de sidra tráenlles directamente ao pairo.

A xénese da IXP promovida polo Concello, sen dúbida chea de boas intencións, presenta unha eiva importante: non foi un proceso participativo de abaixo arriba, senón ao contrario, tivo un certo aire chamémoslle despótico – ilustrado  ou paternalista, que non conseguiu atraer máis que a uns poucos produtores. Ben é certo que as alternativas eran facelo así ou non facer nada, pero o resultado é o seguinte: no ano 2008 inscribíronse arredor de 60 produtores de faba e pouco máis de media ducia de envasadores -que son os únicos que legalmente poden comercializar produto certificado, posto que, como en todas as IXP, non se permite a venda por xunto- . Para colmo, todos os envasadores,  ademáis de minúsculos en dimensión, son produtores, e a práctica totalidade envasan soamente a súa propia produción (o resto envasan como moito a de 4 ou 5 produtores). O resultado é absurdo: máis de 40 produtores inscritos que non poden comercializar Faba IXP porque non teñen quen a envase, e que ademais están perfectamente satisfeitos coas súas condicións de venda fóra da IXP aos asturianos. Por que están insctitos, preguntaranse? Pois supoño que por se acaso, ou por vender co seliño o día da Festa, ou non lles sei. O caso é que, así prantexada, a IXP ten un futuro da cor das formigas, polo menos se entendemos o éxito como algo máis que vender uns poucos centos de quilos a restauradores da zona, a catro tendas de Lugo e a outras tantas de fóra.

No entanto, tería futuro? Por suposto que si. E por unha razón moi sinxela: porque hai produto, e porque ten unha calidade descomunal. O problema é que os escenarios de futuro que se abren son ben diferentes en función das circunstancias, e algúns moi dificilmente defendíbeis. Vexamos:

1.-. Que as cousas pasen como terían que pasar se non fósemos como somos. Que os produtores e os envasadores formen algún tipo de agrupación e poñan en marcha unha central de envasado, con unha ou varias marcas, dotada de medios de algo máis de empaque que unha calibradora argallada polo ferreiro do pobo ou un arcón conxelador de xeados. Co tempo poderíase pensar en transformados, na idea da que antes falaba , en produtos de 5ª gama…. eu que sei. Posibilidades? Se me teñen lido saberán do meu proverbial optimismo e confianza no futuro do pobo galego en xeral e dos produtores agrarios en particular. E non vale queixarse á Xunta, que xa bastante ten feito promovendo a certificación, asumindo custes, financiando reformas en microenvasadoras e mesmo mirando de esguello as condicións de cumprimento da normativa.

2.- Que, aproveitando a circunstancia de que o envasado non ten por que ser levado a cabo na zona, algún envasador espilido de dentro ou fóra de Galicia aproveite que el é listo e os demais parvos e se faga co negocio. Non é por ser agoiro, pero xa se albiscan certas iniciativas neses senso.

3.- Que veña esloufút, que nos declaren en perigo de extinción, monten un presidium, nos leven a Terra Madre e se nos coman as fabas. Home, eu sentiríao, porque tería que pasarme á Fabada Litoral.

E máis nada, todos a comer fabas, que é o tempo.

Deíxolles hoxe unha petición do Sr. Míguez: O Aqualung de Jethro Tull, e que conste que non estou a inaugurar nova sección do tipo discos dedicados. Hala, a disfrutala, que eu case deixo a gorxa polo camiño.

Esquecía: fotos e cadros todos da miña propiedade.

17 Respostas to “Bos, bonitos e ás veces ata baratos (I): A Faba de Lourenzá.”

  1. Hoxe vou tan canso que nin coas fabas de Lourenzá (perdón da Mariña) me vai provocar. E se quere almorzar as torradas con manteiga e marmelada de fabas xa lle pasarei a receita, a da marmelada, vaia.
    Eu cando paso por Lourenzá poño as gafas escuras e unha pucha, non vaia ser que o Conde Santo me recoñeza e me largue unha zafañada. Vai ter vostede que facer o mesmo polas terras do leste, que Don Pelayo tamén usaba ferro grande.

  2. eSedidió dixo

    Don Pelayo é un mito case tan grande como o de que o tamaño non importa…..
    En canto ao da marmelada de fabas, seica téñoa por aí, non sei se roubada da súa leira, pero aínda non me atrevín a facela.

  3. F. Míguez dixo

    Vin hoxe por esta súa leira motivado por dúas causas: que estaban a poñer na Segunda (que tamén lle cambiaron o nome por La 2) unha reportaxe sobre o queixo de Cabrales e… porque comín feixóns e algo me deu no nariz. Xa sabe, metafísica.
    En calquera caso, e isto correspóndese co punto 1 do meu comentario por partes de sempre, fíxese que puxen feixóns porque cando se trata do produto envasado nos super co nome de “alubia”, na miña terra chámanlle así. Ás vainas chamámoslles xudías, e o único no que os redondeláns parecemos extenos de rabudez local é no faballón. Certamente, tardei algún tempo en darme conta de que os meus sogros, coruñeses, e maís eu, non estábamos a falar do mesmo cando nos referíamos a según que legume. Seguro que nas castillas non teñen eses “problemas”.
    2.- Non lle sei cómo está a cousa no resto da Península. Na miña (reducida) órbita gastronómica, a única maneira de topar é un feixón, perdón, unha faba, é no medio de un cocido. Por algunha razón, nas cartas dos restaurantes, salvo nalgún taboleiro de “Menú do Día” non dou atopado nin fabas, nin lentellas, nin garbanzos, nin nada de esas rabudiñas criaturas que tanta fame quitaron polo mundo adiante. É como se foran de pobres, facendo excepción so da “fabada asturiana” e das “fabes con almejas”…
    2bis.- Por algunha razón, o agro cantábrico (Asturias, Cantabria, Euskadi)e o catalán parecen menos “de pobres” que o do resto de España. Algo falla.
    3.- Chapeau polo Concello de Lourenzá. Se a metade dos alcaldes de Galicia tivesen ese grado de iniciativa viviríamos nun país escandinavo.
    4.- Polo que conta, e sen que sirva de precedente, case se xustifica o despotismo coa indolencia dos que deberían ser os máis interesados. Tal vez, se tivesen un encontro cos produtores de Padrón/Herbón, acenderían un algo máis as neuronas.
    5.- Agradézolle a dedicatoria, pero aquí non me funciona. A ver se o Luns, coa ADSL da casa…

  4. eSedidió dixo

    Non lle funcionaba nin a vostede nin a ninguén, que estaba a páxina onde aloxo en mantemento ou non sei que carallo…. agora xa vai….

    No resto, eu tampouco podo comprender por que non hai legumes nas cartas dos restaurantes. Así andamos deficitarios de lisina….

  5. Xaquín dixo

    Gustoume moito o escrito, pero deixoume un regusto a se o problema é “Galicia ou Galiza”,”eu falogalego(pódese ler luso…) e ti es un pendello(non teño rima para luso), en fin, realmente ó final só falaba de “fabas e/ou habas”?

  6. eSedidió dixo

    Pódese dicir que a miña intención era só a da falar de fabas/habas, pero segundo ía escribindo quedábame a mesma sensación ca tí. Ao mellor tirando do fío da faba que é haba e non é haba, do millo que antes era mijo e agora é maíz, ou da pataca que antes chegou a ser pataca e agora é patata, chegamos ás Galicias que son Galizas pero poden ser Galicias. E iso é achegarse demasiado a Mordor sen levar o Anel. Levo un montón de tempo pensando en escribir o que penso verbo do nome do país, pero francamente non teño valor.

  7. Oia, anímese a preparar esa marmelada de fabas. Vai de medo coa carne.

  8. eSedidió dixo

    Coño, menos mal que avisa que eu tiña pensado facela para tomar con colacao…. o fin de semana que ven teño pensado comprar un bo anaco de croca de vaca (por certo tirada de prezo) do pais para facer un asado, e aproveitando que aínda teño no conxelador faba do ano pasado probo a facer a marmelada a ver que tal (espero que non sexa unha vinganza súa e me escaralle o prato)

  9. A. Núñez Rajoy dixo

    Estimado eSedidió como siga facendo escritos tan ben documentados, e por outro lado extensos, acabarán pechando as academias que preparan oposicións de Agrónomos ou de Agrícolas xa o material mellor esta aquí. Pero non lle escribo por eso, non, fágoo porque hai unhas cousas que quero comentar.
    Como vostede ben sabe, ainda que vostede non o poña, a faba sempre será faba e non feixón seco. Estou dacordo co nome feixón verde, e mesmo xudía, pero no de feixón seco son obxetor que lle vou a facer (agás faga papeis oficiais xa que un ten que ser legal), no Baixo Miño e Condado que onde máis se emprega o nome feixón verde para o caldo bótanlle fabas.
    O que non me gusta e que o nome sexa IXP Faba de Lourenzá, xa sei o que alí levan vareado con este tema pero estamos coma cos aeroportos e as universidades, tres. Por eso ten parte de razón M. Vila (Colineta), a quen leo dende hai tempo e creo que foi a primeiros de mes anunciaba a Festa da Faba de Lourenzá e maila mermelada, e digo ten parte porque eu xa opinaba hai dez anos, hai dous e agora que o nome debía de ser IXP Faba de Galica, o mesmo que o Pemento de Herbón debería de ser IXP Pemento de Galicia (que quen se opuxo foron os de Herbón e menudo cristo lle montaron daquela ao conselleiro Cástor Gago que algun día contarei), e debía de ser Faba de Galicia xa que poderíamos incluir moitas máis fabas, coma a Fina de Ponteceso, a de ril de Bergantiños, a redonda de Tomiño e outras que se incluirían en subzonas coma por exemplo en Rias Baixas O Condado. Pero para darlle máis razón ás miñas palabras dercirlle que un dos centro produtores de fabas de Galicia tamén Bergantiños-Terras de Soneira, producindo entre outras fabas dese tipo, nos oitenta que eu traballaba en Carballo fabada Litoral viña a feira de Baio e Carballo a facer acopio de fabas para un 75% da súa industria.
    Tamén que cando M.A. Fueyo do SERIDA de Villaviciosa andaba a mellorar a “faba granja” asturiana levou material de Baio e Carballo, que houbo intercambios de material entre estas comarca e a Mariña luguesa.
    Carallo como me enrollo, parece que a leira é miña. Outro día contareille máis, pero antes de rematar darlle a razón ao sr.Míguez que xa non se ven nos restaurantes aqueles pratos de fabas con con codillo, ou con patacas e lacón, tamén con polo, parece que imos a quedarnos solo coa fabada e as fabas con ameixas, perdón sr. Vila tamén coa mermelada, e ainda que na festa son varios os platos tamén é vos que nos restoranes aparezan. Ata outra que xa é tarde e mañán e luns

  10. eSedidió dixo

    Agradecido, pero non é para tanto, que eu conto coa vantaxe dunha memoria en bo estado, a inestimábel axuda da wikipedia e que son falangueiro de mais. De todos modos, e admitindo o eloxio, se os post serven para preparar oposicións, os comentarios valen para a tese de doutoramento.
    Vaiamos por partes:
    1.- Co asunto de se as IXP deben ser localistas ou xeneralistas: digamos que o tema é complicado demais e merecente doutro post futuro. A miña opinión é…. depende :-) Temos exemplos de IXP de ámbito galego de éxito innegábel e outras innegabelmente inxustas. E temos tamén IXP-DOP estritamente locais existosas e outras simplemente ridículas. E por Europa adiante non se dan posto de acordo. O dito: que depende. Pero falaremos máis adiante do tema.
    2.- Flipado quedei do dominio de variedades de fabas (a metade nen me soaban). E, despois do dito, só teño que engadir que me convenceu: feixón caca (non é unha indirecta), viva a faba. o malo disto é que despois non nos poderemos queixar ao entrarmos nunha taberna de Lacoru e ver: hoy habas con pulpo (pasoume este domingo).
    Por certo, e en falando de anécdotas: o venres, nese espazo paradigmático do noso ser mais profundo que é o luar de ghaioso levaron unhas señoriñas con cestas como se fose unha feira, e tiñan espostas fabas: unhas pequenas que elas chamaban do país e outras grandes (de bergantiños ou lourenzá) que elas chamaban asturianas. O probe de ghaioso veña a insistir en que eran de lourenzá e elas erre que erre que eran asturianas (aínda que do país). Inefábel e ilustrativo.
    Esqueceu vostede as fabas con callos: e se non as probou faga a proba.

  11. F. Míguez dixo

    Agora sí que foi o Aqualung. Exactamente como eu o agardaba. Pégalle vostede a todos os estilos. :D

  12. eSedidió dixo

    Resísteseme la oreja de van gogh. Vou ver se practicando…..

  13. F. Míguez dixo

    Por min non se moleste, cos clásicos teño abondo.

  14. alvarez dixo

    Fai anos vin unha reportaxe na Galega sobre as fabas e quedeime coas ganas de catalas ainda que o médico retiroume das leguminosas en xeral (cousas de ir para vello).
    Fai un ano pasei por ali (cumundo para un do sul)e quisen mercalas, pero non atopei rien de rien na duas tendas abertas de tan noble vila. Pregunta parva ¿cando as poderei comprar na nosa aldea natal?
    Un saudo e grazas pola brevidade deste artigo porque para algun dos anteriores prepárome pola noite un descafeinado porque se non…..

  15. eSedidió dixo

    Un descafeinado? non me estraña que non dea acabada a lectura :-)

    Efectivamente, a miña experiencia é a mesma: hai unha tenda xusto antes de chegar á praza do concello que adoita telas. E se non, o mellor é ir ata as propias envasadoras, que están fóra da vila e non son doadas de atopar. No Eroski de Lugo atopeinas, pero eran falsas(houbo mesmo denuncia polo medio). En fin, xa ve….
    Pois mire: se algún día chega a famosa laconada, prometo preparar unhas poucas. Light, por suposto….

  16. colineta dixo

    Eu non sei se seguirán a facela, pero alo polos comezos da década dos 90 no Retiro da Costiña (Santa Comba, A Coruña) preparaban unha fababa vexetariana, digo eu que sería light. Nalgúns restaurantes da Mariña seguen a poñer unhas estupendas fabas da Mariña con polbo, polbo do que non sei a procedencia, aclaro.

  17. eSedidió dixo

    1.- Feita a marmelada de fabas, á espera da carne. A primeira impresión? Rara :-) . É que eu xa sabe que lle son un pouco paleto nisto das texturas e tal…. A ver que tal acompaña.

    2.- No dos larpeiros da telegaita fixeron unha vez o das fabas con polbo. Eu repetín esa receita (xa tiña feito probas, pero ían por outro lado) con polbo de Camariñas e está francamente boa. Tamén casan moi ben coas luras guisadas. Ostras, a isto só lle faltan as fotos con macro e vou acabar ingresando na gastrosfera :-)

Deixa un comentario

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <pre> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>