Éche o que hai

Unha ollada crítica ao tenderete alimentario.

De urbanismos e ruralismos.

Publicado por eSedidió on Outubro 8, 2009

Boas. Despois dun par de post con sabor a política, volvo ao meu, que é o agro, pero conste que ameazo con volver, como sigan a inflarme as meninxes.

Dun tempo a esta parte andan a aparecer nos xornais diferentes noticias sobre a modificación da vixente lei do solo galega, que afectará a nonseicantos Plans Xerais de Ordenación Urbana. Parece ser que está a prepararse, polo Goberno Feijóo, un plan de medidas urxentes para a reforma da Lei, que conta xa co beneplácito da FEGAMP, e que vai afectar fundamentalmente á construción no medio rural.

Pero o caso é que non existe esa Lei do Solo. Hai unha “Ley del Suelo” española, pero en Galicia o instrumento que regula esas materias é a Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural, redactada e deseñada polo equipo de Xosé Cuíña e que sufriu tres  modificacións: unha no tempo de Núñez Feijóo como Conselleiro do ramo (lei 15/2004) e dúas no bipartito (lei 6/2007 e lei 6/2008).

Tanto na primeira redacción como nas sucesivas, incluído o pouco que se sabe da nova proposta, a parte “protección do Medio Rural” da lei non é máis ca un rótulo de corrección política. Nin sequera lle faltan as correspondentes referencias ao desenvolvemento sostíbel para converterse nun texto máis deses que non levan a ningures. Mellor dito, levan a algún sitio ben diferente do expresado no seu título.

En realidade, se obviamos a exposición de motivos, inzada de referencias bucólicas aos grandes valores paisaxísticos, ao patrimonio natural, á ordenación do territorio e demais zarandajas gratuítas, o enfoque da lei é o de sempre: onde e como construímos. O territorio rural é  conceptuado como unha especie de reserva comanche, que permanece á espera dun aproveitamento posterior, obviamente para vivendas. De feito, segundo parece, a discusión da nova reforma céntrase en se hai que deixar construir só nos núcleos rurais ou ampliar esa posibilidade á construción entre dúas vivendas illadas.

Calquera outro enfoque, claro está, non beneficia a case ninguén: nin aos Concellos -que por desgraza obteñen unha parte substancial dos seus fondos do tráfico de licencias-, nin aos promotores -pouco interesados na observación das aves nidificantes- nin aos propietarios de terras -nunha boa parte propietarios absentistas que consideran a terra como unha especie de plan de pensións ou de caixa de aforros para gastos extraordinarios-, nin aos técnicos – imbuídos do Espírito Santo, os técnicos urbanistas penetran en territorios descoñecidos para eles sen ningún tipo de rubor- . Seguramente un enfoque alternativo beneficiaría aos poucos produtores profesionais que van quedando, e por suposto ao País no seu conxunto, pero iso, meus, carece de interese electoral ou material a medio prazo.

É que é unha cuestión de Urbanismo. O paradigma do concepto deturpado. Do seu significado orixinal, relativo á disciplina científica que ten por obxecto o estudo dos sistemas urbanos, foi estendendo os seus tentáculos cara áreas máis xenéricas e interdisciplinares: as correspondentes á Ordenación do Territorio. Un claro exemplo desa deturpación témolo no propio articulado da lei: O artigo 2 define a Actividade urbanística como “a que ten por obxecto a organización, dirección e control da ocupación do solo, incluídos o subsolo e o vó, a súa transformación mediante a urbanización, a edificación e a rehabilitación do patrimonio inmobiliario, así como a protección da legalidade urbanística e o réxime sancionador“. E o Artigo 3, como ámbito da competencia urbanística inclúe a facultade de “dividir o territorio municipal en áreas de solo urbano, de núcleo rural, urbanizable e rústico“. O todo invade a parte, meus. O restante articulado da lei non fai senón confirmar o dito neses primeiros artigos: que o fin último de todo o tenderete é desenvolver as figuras edificatorias a costa case sempre de esquecer ou -o que é peor- descoñecer cal é o auténtico valor do conxunto do territorio, moi diferente do de servir de marco incomparábel paisaxístico para urbanitas.

Galicia conta cunha superficie total de algo menos de 3 millóns de ha, das que un 30% (872.000 ha) corresponden a Superficie Agrícola Útil (terras ocupadas por cultivos, froiteiras e pastos) e un 60% (1.760.000 ha) a terras de aptitude forestal (incluíno o mato). De acordo cos datos do Catastro de 2008 existen 80.462 ha de solo urbano, isto é, algo máis do 2,5% do territorio. Aínda comprendendo a enorme importancia que representa o solo para vivendas na vida diaria dos galegos, na miña opinión non é sensato que toda a ordenación territorial pivote sobre ese concepto, e que todas as discusións se centren sobre se hai que construír ou non na beira do mar ou se os chalés acosados fan á xente máis ou menos feliz.

Neste país non é só a historia a que conformou a súa  vocación produtiva agraria e pesqueira. Xa falei abondo nun post anterior (Sine Agricultura Nihil) da opinión que me merecen os que pensan que esa vocación é un síntoma de atraso, e non é cousa de repetirme.  Galicia conta cuns extraordinarios recursos de solo e clima para a produción de moitas especies agrícolas e gandeiras (e, nalgúns casos e nalgunhas áreas territoriais, as condicións son únicas en Europa: por exemplo, para a produción de certas ornamentais, viñedos ou gandería en extensivo) e presenta carencias graves de carácter estrutural (o policultivo de subsistencia e o minifundio, que liberou da fame a moitas xeracións de galegos, é un atranco para a produción con destino ao mercado), de estrutura empresarial e de comercialización, pero todas elas son subsanábeis cunha axeitada xestión dos recursos, da planificación política e sobre todo de ordenación territorial.

Que os galegos necesitan espazo para as súas vivendas, para as residencias de fin de semana e para acoller turistas e xubilados. De acordo. Delimítense eses espazos, tanto nas cidades como nas vilas e nas aldeas. Incrementen as reservas no que consideren oportuno. E do resto do territorio, por favor, quiten as mans (non me atrevo a parafrasear por non resultar insultante). Como? Pois desenvolvendo os instrumentos de xestión pública por quen o debe lexitimamente facer: os responsábeis da política rural e de medio ambiente natural.

Tarefas estratéxicas como a ordenación de usos agrarios, a planificación e ordenación de cultivos ou a xestión integrada do medio ambiente natural e a produción agroforestal non se poden ver sistematicamente obstaculizados pola interferencia de figuras de ordenación pensadas exclusivamente en función do interese edificatorio.

E abonda por hoxe. Pensaba darlle máis extensión a este post, inzándoo de bonitos exemplos ilustrativos. Ou falar, entre outras cousas, de abominacións como as axudas publicas para a forestación de terras agrarias, levadas a cabo pola Unión Europea coa anuencia entusiasta do Ministerio de Agricultura, coa escusa do abandono das terras polos produtores. Ou a confusión interesada entre os conceptos de bosque e monte. Pero xa sei que a súa paciencia ten límites. Polo tanto remato cumprindo co que  prometera nun post anterior: incluíndo unha versión en portugués do “Lúa” de Pedro Abrunhosa. Até outra.

14 Respostas to “De urbanismos e ruralismos.”

  1. ¿Cómo va a quitar las manos un político de cualquier cosa? ¿Si ya están empezando a legislar sobre mi felicidad o lo que tengo que hacer en mi tiempo libre?

    ¿Cuándo Portonovo llegue al extremo de edificación y reserva que dices y no se puedan hacer ensanches? ¿Qué solución queda si no benidormizar la ciudad con rascacielos? Solamente dos, o los alquileres se multiplican por veinte para mantener la demanda tal y como está, o nos cargamos a los veraneantes, algo que encantaría a los ecologistas, que quieren los paisajes y montañas solamente para ellos.

    De todas formas, da igual, porque los científicos borrachos aseguran que Portonovo perecerá bajo los derretidos hielos polares en un par de años. Una solución drástica, pero una solución, que inutilizará la Ley del Suelo.

  2. eSedidió dixo

    Don Pan, véxolle a vostede algo alterado e provocateur. En tres párrafos xa puxo dos nervos aos políticos, aos ecoloxistas e aos defensores do cambio climático. Só lle faltou Ferrán Adriá para terminar de facer amigos.De todos modos, é que a min, francamente, Portonovo me-la-trae-al-pairo, que é un caso perdido. Casualmente estiven alí o sábado, e xa me quitaron as gañas de volver para os vindeiros 10 anos, se non fora pola caldeirada de polbo de Manolito.
    Eu falo do meu territorio, o rural, e non precisamente para veranear, senón para producir comiditas ricas desas que lle gustan tanto a vostede.

  3. Disculpe usted, hoy no tenía un buen día. Sí, la verdad que Portonovo es más feo que un trueno, y es caso perdido.

    Pero la zona rural va a seguir acosada, es inevitable, y por mucho que se delimitaran con la ley “espazos, tanto nas cidades como nas vilas e nas aldeas” y del resto del territorio “quiten as mans” (cosa que la Ley, está claro, no va a hacer) va a seguir siendo modificada por el hombre, en mi opinión, casi siempre para bien -por ejemplo, ese paisaje de terrazas en el Sil, donde iba a comer truchas en A Cova con mi amigo Jacobo-. Pero sí, seguro que no sé muy bien de qué hablo ni, sobre todo, he entendido bien tu postura.

    (Qué asco, casi escribo la palabra “sostenible”)

  4. eSedidió dixo

    Jeje….. a palabra “sostenible” é como o fuá, que repite.

    A ver se me explico, que parece que non: non se trata de reservar as terras non urbanas para deleite dos osos pardos e os turistas alemáns, senón todo o contrario: poñer as terras en produción de acordo coa súa vocación, agrícola ou forestal (ou nada, que tamén as hai) pero baixo a xestión, non das autoridades responsábeis do “urbanismo” senón das encargadas da produción agraria e/ou o medio ambiente, que no caso galego coinciden. Xa sei que parece bastante simplista e no fondo non é máis que unha pataleta, pero é a única maneira, na miña opinión, de que dentro de 10 anos os socalcos do Sil sigan existindo, e dedicados ao cultivo da vide. A cousa sería tan sinxela como delimitar os solos urbanos e urbanizables, e aplicarlles a correspondente normativa de urbanismo, e aos solos de uso rústico e/ou non urbanizable aplicar unha nova normativa de desenvolvemento rural. Inxenuo? Pode ser, pero éche o que hai.

  5. F. Míguez dixo

    No problema, tal e como eu o entendo, falta un ingrediente concreto e quizáis o máis problemático. Póñome a min mesmo nun exemplo ficticio: resulta que me quero independizar do niño familiar, e atópome os pisos en Redondela, Vigo e Porriño a 250.000€ a hipotecar con un soldo de 1000€ ó mes. Como alternativa, os meus pais ofrécenme unha leira na que chantar unha casa ó gusto na mesma parroquia que vivo sáeme por 125.000€. Hasta aquí, pregúntome se alguén escollería a primeira opción. Chega a hora da verdade e no Concello dinme que de edificar nesa leira nada, por razóns de ordenación urbanística… e atópome na situación de ter que facer o desembolso maior, para mercar un piso que non me gusta, que foi edificado por uns señores que si tiveron «capacidade de negociación» para que, alcalde, concelleiro do ramo, e arquitecto municipal revisaran esa mesma ordenación urbanística. Ben, nesa situación, teño tratado con unha boa chea de xente os últimos anos, e a toda esa xente importáballe bastante pouco todo o que se lle quixese explicar sobre reducción da dispersión, conservación do suelo útil… porque só vían unha estratexia para obligarlles a mercar pisos (ou adosados), e con razón. Atopar un marco que solucione esa problemática (e a verdade é que non se me ocorre nin por onde empezar) pode ser o primeiro paso para unha lei do solo ou da edificación, ou como se lle queira chamar que non abra a porta a «excepcións» que acaben en abusos.
    Sobre a ordenación da producción agraria que plantexa… ¿non haberá que empezar por deseñar ese mercado?

  6. eSedidió dixo

    O problema, meu, non se produce cando a leira está no núcleo da aldea ou lindante con ela, ou sexa, no que tecnicamente coñécese como Solo de Núcleo Rural. O problema ven cando a tal leira, ou a tenza de monte, está no quinto carallo, completamente illada e sen servizos. E nese momento si que aparece o auténtico problema: o terreo é meu, e con el fago o que me parece oportuno: constrúo un chalé, un ghalpón, planto eucaliptos no medio dunha agra ou duns viñedos ou déixoo a monte. E iso non é así. Da mesma maneira que no centro de Vigo non podo poñer unha gasolineira ou deixar unha casa á ruina, non vexo por que pensamos que a propiedade da terra é tan sagrada que lle negamos á lexislación o mínimo dereito que aporta o sentido común.
    Xa sei que a miña postura non é precisamente popular, pero penso que cómpre obrigar aos propietarios de terras agrarias a poñelas en explotación, ben sexa directa ou ben por arrendamento (o famoso Banco de Terras). E ao que non queira, ou expropiación ou forrada a impostos. Hai 50 anos as explotacións galegas eran explotacións, porque mal ou ben a xente as traballaba. Agora moitas delas están en máns mortas, deixadas a monte ou agardando recalificacións. Un dos maiores disgustos que, como técnico, levei na miña vida foi facendo un traballo no Baixo Miño: centos de leiras de máis dun metro de espesor de terra vexetal, na beira do Miño, cun clima absolutamente fantástico e con aúga a moreas, deixadas a monte á espera de que o Concello lles permitira vendelas para que os vigueses fixeran segundas residencias. Iso é un puñetero crime.
    En canto á ordenación da produción, cómpre ordenar mercados, planificar usos, asegurar compatibilidades…. un traballo de chineses, pero se houbera vontade política para poñer os alicerces, sería posíbel. Eu polo menos acredito niso, e mesmo soño con iso.

  7. Xaquín dixo

    Podía poñerme bordemente ecoloxista para defender a riqueza turística da Costa da Morte ou emborracharme científicamente para falar de como os Portonovos benidormizados foron sepultados polos tixolos e o cemento da invasión inmobiliariofeudal e non polo xeos polares. Pero prefiro seguir ollando sentado no porto da baía como os múxeles comen a merda dos desagües…

  8. eSedidió dixo

    múxeles coma quenllas, meu, se é no da coruña……

    De tods modos, teño a sensación de que non me estou a explicar demasiado ben. O feito de que eu estea a prol do aproveitamento agrario do solo non significa que sexa partidario dun territorio cadriculado coma os escaques do xadrez. Ao fin e ao cabo, a maioría da nosa paisaxe é antropoformada, e iso non está rifado coa beleza, máis ben todo o contrario. Cada cousa no seu sitio, agás os ghalpóns para vacas a base de bloque e uralita, que deberían estar tipificados como delitos de lesa patria.

  9. Alfonso Pardo dixo

    Bonito sono o de vostede no Baixo Mino.E tamén moi ilustrativo o exemplo da leira familiar.O certo e que neste país somos poucos pero dámonos moita mana para facer casas feas e mal postas.Somos malos caseiros con senores aínda peores.

    Eu diríalle a Míguez que deixe a leira porque como segamos coa crise atopa chabolo en Vigo por 125.000eur

  10. eSedidió dixo

    Vexo que volveu vostede ao país ese onde os teclados non teñen Ñ, Sr. Pardo. Pois abríguese, non lle vaia coller o frío.

    PS. Xa lle vin como asinante no de prolingua (supoño que será vostede, que non acredito que haxa dous tipos co mesmo nome e con apelidos de tanta prosapia). A ese ritmo, os siareiros de sHs vamos ser maioría no tenderete.

  11. Esto vai a ser poñer un parche para axudar a catro listillos mentras a terra non se vexa coma un complexo agroforestal (o que foi ata hai pouco tempo, é decir labradío con monte, con gando, con horta, con xente, con viñedo, según as zonas) e se actúe na ordenación dos cultivos, mapas de usos agraraios, dignificación da xente que alí vive, etc. O que vai a ser é facilitar a “urbanización marbellí” en zonas de costa e punto.
    Noraboa polo blogue

  12. eSedidió dixo

    Obrigado, Andrés, vindo de quen ven, (como ves estou parco en palabras, que non son horas e ando con problemas de ánimo para poñerme máis prosopopédico), e sobre todo polo atinado dos comentarios.

  13. Alfonso Pardo dixo

    Ten razón.Onte á noite íame un pouco de frío polas costas.Haberá que mercar unha faixa desas de Damart.

    PS.Pois si,imaxino que era eu.Efectivamente,isto de estar na parroquia sHs ten a súa importancia.E iso que polo de agora seguimos en calidade de membros de base e sen dereito a lacón….

  14. eSedidió dixo

    E o patrón anda achantado, supoño que de feira en feira vendo de atopar a mellor relación calidade/prezo (de lacón, digo)

Deixa un comentario

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <pre> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>