Eu quero ser turco.
Publicado por eSedidió on Outubro 3, 2009
Non, non se me alporicen os LERInistas: non é que teña pensado cambiar as miñas querencias futbolísticas da equipa do Sur á do Norte, aínda que os últimos resultados dese feixe de tuercebotas fan que ún considere seriamente a posibilidade de facerse seareiro do Rápido de Bouzas.
O asunto ven por unha noticia de hai uns días relativa a unha demanda de extradición de Turquía ao Reino Unido, nada menos que dunha ex membro da realeza: Sarah Ferguson. A cousa foi que a boa da señora, ao máis puro estilo Mercedes Milá, cámara oculta en ristre, colouse de rondón nun orfanato turco para denunciar as condicións de trato aos nenos, que non cuestiono que sexan lamentábeis. O malo é que, en Turquía, o numerito en cuestión é un delito, e tal como son os cárceres turcos, supoño que a Sra. Ferguson pasará unha temporada sen saír de baixo das saias da Raíña, non vaia ser o conto que lle ocorra o que a Pinochet.
Independentemente das boas intencións da aristócrata, que non poño en dúbida -outra cousa é a visión tan británica da palla no ollo propio e a viga na allea-, o cerne da cuestión non está -tal como predica a Sra. Milá, coñecida especialista en destapar “escándalos” – en xustificar o uso da gravadora “cando se persigue un delito”, entre outras cousas porque, a pesares da súa actitude de cabo furriel de húsares, que eu saiba Mistress GranHermano carece de cargo ou encomenda como autoridade pública. Nin sequera a discusión debería ser sobre cando e onde é lexítimo empregar a técnica do bolso con burato e videocámara Sony para obter unha ilustración máis ou menos cutre a unha información máis ou menos baladí. A elección debería consistir en penalizar o atropelo con penas de cárcere ou simplemente con traballo social reeducativo. E de aí non baixo.
Nas tertulias, a discusión céntrase no abuso dos móbiles nos casos dos supostos atentados á intimidade de famosetes ou a gravación de cafradas por parte de descerebrados, cando o problema é moito máis profundo, na miña opinión: o abuso consciente e interesado dese recurso por parte de profesionais da información, non só cardíaca, senón supostamente politica.
O caso que me leva a escribir todas estas lindezas ocorreu hai uns meses: a emisión en TelaHinco, con nocturnidade (debeu ser a iso da unha e media da madrugada, supoño que por vergonza allea), dunha reportaxe de investigación dunha equipa tipo Producciones La Inmundicia, desas das que botan man de cando en vez. A reportaxe en cuestión titulábase “Los tentáculos de ETA“, e, xulgando polo trailer, estabamos a punto de asistir nada menos que á infiltración dunha audaz xornalista nos máis ocultos cenáculos dos amigos-de-los-terroristas, supoño que con risco da propia vida. [Escribo estas notas con moitas dúbidas, pois sei perfectamente que o tema Euskadi-volencia-vítimas é moi grave para andar con retrancas. Pero ao mellor cómpre precisamente aportar algo de ironía no medio de tanta merda e de tanta dor]
Pois non. En realidade a reportaxe consistía nunha jicha cun bolso e cámara oculta facendo o chorras por Euskadi adiante, debidamente adubada cunha voz en off dun locutor con ton estreñido, supoño que para aportar intensidade dramática á gilipollez en cuestión (se se toman a molestia de mirar o video, fagan a proba de tirarlle a voz ao programa e comprobarán o que lles estou a dicir). As primicias informativas do asunto, polo que estou seguro que os seus autores andan a agardar o Pulitzer, consistían, sempre co acompañamento de bolsito e camarita, máis ou menos en:
1.- “Infiltrarse” nunha manifa en Bilbao convocada para protestar pola ilegalización da marca branca de HB (desculpen, pero xa nin lembro o nome da nova organización, que ún vai vello para gardar chorradas no disco duro) xusto antes das últimas eleccións autonómicas. O de sempre: os orixinais e habituais berros, carga dos beltzas, algunha carreira, algunha pedrada e queima de dous contedores de lixo por parte dos tipos eses con cara de intelectual, corte de pelo tipo Paquirrín e camisola modelo procurando a Wally. Algunha discusión entre manifestantes (con facianas non pixeladas) e non manifestantes (con facianas pixeladas, eses si) diante e dentro do Corte Inglés, e pouco máis. Eu diría que ate tranquilo foi o conto para o que adoita ocorrer. Pero, de acordo co guión e a voz do estreñido, aquilo parecía La-Guerra-de-los-mundos. Tiñan que haber estado nas últimas do metal en Vigo para mudar a perspectiva, seica.
2.- “Seguir a infiltrarse” nos cenáculos infernais, o que consistiu en ir Euskal Herria arriba, Euskal Herria abaixo -todo adornado con mapas e efectos sonoros do tipo martillazo- entrevistando, sen identificarse e de novo con cámara oculta, a un feixe de vellos, vellas (as piores, con diferenza) e non tan vellos dicindo burradas. A verdade é que moitos dos sapos e culebras que soltan eses ciudadanos no video indignarían ata a un comatoso (e a min nin lles conto), pero de todos os xeitos os autores houberan aforrado moito traballo indo á saída do partido do Aleti de Madrid contra o Apoel Nicosia no Manzanares, se o que querían era escoitar a un tipo soltando barbaridades sobre os usos alternativos dos testículos do inimigo -nese caso o presidente do clube, e no outro o do goberno-, e que conste que non pretendo comparar. A todo isto, e curiosamente, fosen a onde fosen (incluído o Goiherri, máis profundo imposíbel), nin palabra en euskera. Mira ti que casualidade topar con abertzales tan amábeis e educados -bueno, educados non- que ata se brindaban a compartir insultos en castelán cunha “infiltrada”, suponse que de incógnito.
3.- O que terminou coa miña paciencia, e de paso fixo posíbel este post: unha vez infiltrados a tope-tope, decidiron facer tempo entre manifa e manifa desprazándose “a investigar el germen de una parte de las próximas generaciones vascas: la escuela, la Ikastola” (aquí o estreñido acentúa o ton dramático, non sei con que fin, tendo en conta a lamentábel construción sintáctica da frase). Nese momento, o que se amosa na pantalla non ten desperdicio: unhas reixas carcerarias con nenos ao fondo, que se repiten, cambiando as reixas e os nenos. Tanto ten que se trate do valado do centro en cuestión (que dá á rúa, por certo, e está en Bilbao; que como o sei? pois porque teñen o santo morro de amosar por un instante, como de casualidade, a imaxe dun neno cun cuadernillo do Centro no que se pode ler perfectamente o nome). Pero continuemos coa interesante investigación. Escena seguinte. ”Vamos a pedir información sobre el programa docente. Entramos en una ikastola (aquí a voz en off enfatiza de novo os seus problemas intestinais). Tras estas puertas, Euskal Herria es una realidad territorial y cultural independiente” (a tipa vai pasando por pasillos e aulas, ao parecer sen impedimento algún, e sen que se concrete por ningures o da “realidade territorial independente” en forma de mapas, cartaces, postos fronteirizos ou calquera outro signo distintivo). Despois, unha persoa co rostro pixelado, á quen non se identifica polo seu cargo e sen que se recolla a pregunta que obviamente se lle fai previamente, dille á audaz reportera: “Se dedica bastante más tiempo yo creo a la geografía de por ejemplo de Europa y del mundo que lo que es el españolismo. España se trata, o sea España, lo que es el Estado español, se trata como la realidad autonómica, digamos“. Fin da parte ikastola. Xa está. Pillados os brotes verdes dos tentáculos, destapada a trama, un éxito máis da infatigábel equipa de investigación.
E como dá a puñeteira casualidade que coñezo a tal ikastola, a bastantes ex alumnos, a algunha profesora e algún membro e ex membro da AMPA, e vou e pregunto, cóntanme que o caso foi que unha rapaza presentouse un día, coa ikastola en funcionamento e chea de nenos e nenas, facéndose pasar por unha nai navarra interesada en atopar praza para un fillo e en coñecer as instalacións, que lle foron ensinadas sen problema ningún. Un profe, preguntado polo Plano de Estudos, fixo o comentario que se recolle anteriormente, e que non amosa outra cousa máis que unha certa limitación expresiva pola súa parte (que eu saiba iso non é delictivo). O resto, pura filfa e voz de estreñido. E, obviamente, de aclarar na reportaxe que a ikastola forma parte da rede pública (non é privada, nin concertada) e que o Plano de Estudos non o fixan nin as ikastolas nin HB, senón a Consejería de Educación do Goberno basco, diso nin falar, que non é tema que abone a tese tentacular.
Eu non dubido que, nalgunha ikastola -ou mesmo en moitas, se me apuran- hai directivos e/ou profesores dispostos a impartir aos tenros infantes doctrina independentista e mesmo filoterrorista a diestro-y-siniestro. Do mesmo xeito que ninguén pode dubidar que existen algúns colexios relixiosos -ou moitos, se me apuran- onde hai directivos e/ou profesores dispostos a impartir a tenros infantes doctrina integrista e mesmo sectaria. Ou colexios -públicos, privados e concertados- nos que algúns directivos e/ou profesores imparten doctrina xenófoba, clasista, anticonstitucional, imperial-españolista…. Supoñendo -o que é moito supoñer- que os tenros infantes en cuestión sonche todos gilipollas (aviados estabamos os da miña xeración se a maioría dos nenos non fosen inmunes a segundo que doctrinas), o que cómpre facer en todos os casos é denunciar, se hai probas, ou investigar (con medios lícitos), se hai indicios. Calquera cousa menos adaptar a realidade aos propios desexos facendo trampas, sobre todo cando o fin último nada ten que ver co interese en coñecer a verdade.
Por iso eu quero ser turco. Para que actuar de maneira tan repugnante sexa delito. Máis que nada, porque se non é delito e un día aparece unha tipa como esa cun trasto de gravar pola miña empresa pretendendo facer unha cámara oculta e a pillo nas patacas (home, non teño nada que ocultar por agora, pero andan os tempos mu achuchaos e o mesmo decido dedicarme ao secuestro de chineses para tráfico de órganos), ao mellor cómpre recorrer á ciruxía maior para extraerlle o aparello do seu tracto dixestivo. E iso si que sería delito.
[NOTA: Como non me deu a gaña de facer o introito habitual neste tipo de temas, do tipo "que conste que eu para nada son simpatizante, etc etc" remítolles a un post meu anterior, titulado "Necesidades sociais imperiosas" para dar conta da miña postura verbo da cuestión. En calquera caso supoño que hai xente á que a miña posición lle pode resultar frívola ou inxusta. Pediríalles que fixeran o esforzo de comprender que non se fai ben ningún á causa ningunha a base de manipulacións tan burdas. Hai razóns máis que de sobra para defender lexitimamente as posturas e os intereses dos bascos non nacionalistas sen ter que recorrer á manobras circenses ]
E hoxe si que teño canción, aínda que só é un fragmento. Esta vez do “Thick as a brick” de Jethro Tull, que a versión completa é longa demais.
Xaquín dixo
Non sei inglés (xa o sabe todo o PacoV!) pero eu diría que o título dos Jetrho sóame a “esto éche o carallo”. Menos mal que nos fica internet. En calquer outro lado falar “así” (como vocé o fai) supón unha manta de hostias (reais ou/e metafóricas). En fin, que esaxerar algo nos panfletos podía ser pecado leve, pero a manipulación da realidade (xa se sabe eso “do inferno”…) é todo menos revolucionaria. Claro que eso de “revolución” xa non se leva moito! Como decía o outro e vendo o panorama mundial a min xa me vale con conservar algo de libertade (mesmo para errar!).
eSedidió dixo
Poucos temas hai, na miña opinión, nos que resulte máis evidente que, fóra do País Basco, a) Existe só unha versión politicamente correcta, indiscutida e indiscutíbel b) Os que mantemos unha visión crítica sobre esa versión temos que pasar o tempo pedindo perdón. E a brecha, digan o que digan nos medios de Madrid, cada vez está máis aberta.
Non sei se a manipulación da realidade é ou non pouco revolucionaria; o que teño craro é que é pouco decente.
Alfonso Pardo dixo
Home, eSedidió,non se faga de rogar e cóntenos a fórmula para que uns poucos centos deixen de matar e bastantes milleiros os seghan apoiando.Bueno,e despois tamén lle pediremos consello para outros casos que hai polo mundo.
E o da Ferguson,pois non che sei.Coido que hai un estado fascista que quere meterse na U.E. e non respeta liberdades nin individuais nin sociais..
O que si que xa me parece mal son as fotos de El Pais da pirola do ex-premier checo.Non vexo a finalidade.
E as fotos das putas de El Raval,que enténdoas máis pero non vexo o conto moi verdadeiro.
E que cada volta está máis difícil isto de ser progresista…
eSedidió dixo
Sr. Pardo, acábase de converter no paradigma do que eu estaba a dicir. Neste país pódese ún cuestionar todo o que se menea e está ben, agás nun caso: que se mencione o lugar ese onde os tipos teñen orellas grandes e boinas aínda máis grandes, e entón todos temos que poñérmonos seudísimos, con cara de escoitar grandes verdades e preparar as tragadeiras para recibir sen ningún tipo de espíritu crítico un diluvio de lugares comúns que non daría máis que para escojonarse, se falásemos de outro lugar ou de outro tempo. Mire, repítolle que eu me nego a ter que desculparme pola miña opinión verbo deste tema, e evidentemente non teño nin fórmulas nin puñetas, pero nada máis lle fago unha reflexión: Algo non está a funcionar, non nas institucións, senón nas mentes dos que tragan con rodas de muíño, se é incuestionábel que exista un Goberno de 25 deputados nun Parlamento de 75 por unha cuestión de “recuperar a democracia”, cando todos sabemos que se invalidan candidaturas facendo tampas ao tute e que existe unha maioría notábel de bascos que votan nacionalismo (despois Pachi López, el león de portugalete, perderá as vindeiras eleccións e ninguén entenderá nada). Ou que un xuíz peche en 2003 un diario como Egunkaria “por ser una estructura para facilitar la difusión del ideario terrorista” para que agora, seis anos despois, a xustiza estea a punto de darlle a razón ao xornal (bueno, ex xornal, en quiebra e con todo o persoal disperso). Daquela todocristo -incluíndo os seus “compañeiros” de profesión- pechou a boca e as orellas, e agora só algúns rachan as vestiduras (http://www.elpais.com/articulo/espana/Pagaria/200/euros/billete/elpepinac/20090914elpepinac_5/Tes/) porque xa non é noticia. Vostede, que é un tipo con cultura, terá lido “A honra perdida de Katharina Blum” de Heinrich Böll, ou visto a peli de Volker Schlöndorff, para saber do que falo. Eu paso a metade do meu tempo discutindo en Euskadi con abertzales sobre o elástico do seu concepto dos dereitos humáns, e a outra metade discutindo con “demócratas” do resto do Estado sobre o elástico do seu concepto da igualdade diante da lei. De verdade, resúltame aburrido e esgotador.
Da Ferguson eu si sei. Sei que, se Turquía é un Estado fascista que non respecta nonseiqué, pois que non se lle admita e punto, dado que na UE só entran países de perfil tan acendradamente democrático e respectuoso cos dereitos humáns e laborais como Romania ou Bulgaria, por citar só dous exemplos que me veñen á memoria. Pero sei que unha pija non pode entrar en ningures cunha cámara agachada nun Louis Vuiton cando é delito e despois botar man das súas “democráticas” influencias.
Do resto, é que eu deixei de ser lector diario do País cando se enredaron nunha loita repugnante por uns dereitos de retransmisión futbolística, conque as tales fotos non as vin.
Hala, e véxolle comendo lacón, se é que algunha vez chega a oportunidade.
PS. Témome que polo de agora vou volver a falar de comida, que é menos indixesto.
Alfonso Pardo dixo
Pois boa idea,dende logo para amañar o de Euskadi precisamos un lacón. A ver se o gurú…
Alfonso Pardo dixo
…E voltando ó agro,commendatore eSedidió,ten hoxe ó commendatore Petrini en La Repubblica preocupado coma vostede polo prezo do leite,pero con menos estilo.Haberá que lle dicir que lea éche o que hai…
eSedidió dixo
Lin por algures unha noticia sobre o que fixeran uns gandeiros alemáns socios do esloufút en plan solidario cos pobres gandeiros “normais” que non tiña moito desperdizo. Algo así como que, mentres os “normais” tiraban o leite os “escollidos” fixeron queixo e doaron o prezo a unha onegué (espero que non fora a Terra Madre, pordió).
F. Míguez dixo
Vexo que a discusión foi máis polo fondo que pola forma… e eu, do fondo, so podería falar con grades dúbidas, debido a que precisamente a forma (os medios) teñen sobradamente demostrado que non son unha fonte fiable en temas peliagudos.
Da forma si vou dicir algo. A cousa das cámaras ocultas é, por poñer un exemplo, como os «Nike Air Jordan» cando eu era pequeno. Co primeiro que tivo un par, alucinamos todos… despois veu outro, e outro… e chegou un momento que ata o máis chungo tina uns e xa a ninguén lle chamaban a atención. En calquera caso, e unha cousa que deberían avisar antes de empezar un programa destes (supoñendo que a xente entendese o conto) é que os xornalistas carecen a priori de formación científica, e que por tanto, o que se vai amosar, non é proba rigorosa de nada.
Podría probar con Aqualung, o toque rasgado da súa voz podería quedar mallado.
eSedidió dixo
É vostede dunha bondade arcanxélica, Sr. miguez. O problema non é que os xornalistas carezan ou non de formación científica, polo menos neste caso. Estes tipos sabían perfectamente o que estaban a facer, que fragmentos incluir e que fragmentos desbotar. E a cuestión non é informar ao espectador, senón simplemente absterse de facer segundo que cousas.
No tocante a Aqualung, ando nelo.