Sine agricultura nihil.
Publicado por eSedidió on Setembro 26, 2009
Boas. Quérolles dedicar este post, agarimosamente:
A todos os que pensan que o noso futuro está no deseño, nas TIC e no I+D+i+x+y+z, sen querer ver, pobres ilusos, que Sillicon Valley está xa inventado, e que o mundo non anda agardando a que nós espabilemos.
A todos os que apostaron polo textil, la-moda-gallega e demais zarandajas. e aos que lles quedou cara de tontos ao ver que os nosos grandes e patrióticos industriais levaban a a súa fabricación primeiro a Portugal e agora, moito, moito máis lonxe.
Aos que pensan que cómpre apoiar sen ningún tipo de límite unha industria automobilística como a nosa, nas mans dunha multinacional que ten demostrado ate a saciedade que non lle trema o pulso á hora de “deslocalizar” a produción.
Porque son os mesmos que consideran que “ciertas actividades con gentilicio gallego -la leche, la pesca, la energía- que, vistas con realismo, apenas son más que fragmentos estratégicos de una economía con vocación de proteccionismo y subvención” (San Barreiro dixit). Ou os mesmos que pensan que a agricultura e o rural son os atrancos para a construcción dunha conciencia nacional galega, sexa iso o que fora.
Non lles direi que, de tanto ollar para as marabillas do mundo, poderáselles estar quedando cara de neoiorquinos, pero o cerebro seguirá a ser construído na Estrada.
Non lles preguntarei por que, cando botan contas sobre o importante que é o sector do automóbil, ou o das TIC, ou o da cultura, ou o téxtil, non fan como cando as botan do sector ese tan paleto da agricultura. Se fixeran as contas con sentidiño e sobre todo sen prexuízos verían que non ten lóxica ningunha contar o emprego ou o peso económico só dos que cultivan plantas ou crían animais, sen engadirlles os que fabrican, reparan ou manteñen maquinaria agrícola ou agroindustrial, os que fabrican e distribúen fertilizantes e fitosanitarios, medicamentos e alimentos para o gando, os que transforman os produtos agrícolas e gandeiros para convertilos en alimentos, os que os transportan e distribúen, os que os venden, os que proporcionan servizos económicos ou tecnolóxicos ao sector, os que investigan nese eido e os que desenvolven innovación. Da mesmiña maneira que, cando botan contas do asunto do automóbil, engaden sen ningún problema os compoñentes electrónicos, os asentos, os plásticos do salpicadeiro, os vidros, as pinturas e mesmo os concesionarios. Se tal cousa fixeran, ao mellor descobrían horrorizados que estamos a falar dun peso do sistema agroalimentario do 20% do PIB, e non precisamente en Namibia, senón en calquera dos países desenvolvidos, e, por suposto, no noso.
Non lles vou preguntar por que pensan con suficiencia e mesmo con desprezo nun sector que, segundo eles, é un atranco para o desenvolvemento, para o progreso e para a conciencia nacional. Direilles que boten unha simple ollada a calquera publicación técnica e observen cal é a situación da transferencia tecnolóxica e a innovación en materia de agricultura e alimentación. Ao mellor caen da burra ao ver como está de extendida a aplicación de ferramentas de xestión, como se empregan os Sistemas de Información Xeográfica e os GPS no control de cultivos, como se aplican métodos informatizados para controlar individualmente o volume e a calidade do alimento inxerido por unha vaca, como se establecen sofisticados e complexos sistemas de trazabilidade para coñecer a orixe, a calidade e o destino do leite de todas as nosas explotacións, como existen laboratorios con procedementos robotizados capaces de analizar todos os parámetros de calidade e sanidade de varios milleiros de mostras de leite cada xornada. E todo iso non en Sillicon Valley, senón mesmiño do lado das súas casas.
Tampouco teño interese en comprender por que sempre se fala das enormes subvencións e o proteccionismo do sector, ao tempo que se apoia como fundamental para o ben do país e o progreso as compras institucionais de edicións completas de libros, a realización de filmes que pasan directamente a venta en DVD, a supresión do imposto de transmisións ou as axudas para a compra de automóbiles, por citar as primeiras que se me veñen á cabeza. Se tardo algo máis, igual me poño a pensar nas axudas multimillonarias para a adquisición dalgún grupo téxtil ou as vantaxes de todo tipo para a adquisición de vivendas en propiedade.
Soamente quero dicirlles dúas cousiñas:
UNHA: Que, aquí, os únicos “primarios” son eles.
e DÚAS: E parafraseando libremente o vello lema da sesquicentenaria Escola de Agrónomos de Madrid: Sine Agricultura nihil, idiotas.
(hoxe non hai canción, que non estou de humor).
xmanoel dixo
Suscribo gran parte do teu enfado, e apoio os teus razonamentos. (Sinto non ser máis extenso, pero ando moi liado con 100.000 cousas, pero quería deixar canda menos contancia).
eSedidió dixo
Obrigado, tranqui e coidado co estrés (máis lacónico imposíbel
)
F. Míguez dixo
Dicen os meus amigos agricultores ecolóxicos unha verdade como un templo «¿e que non se dan conta de que a comida é imprescindible?». En fin, que o único problema está en que no agro non existe un grande capital capaz de comprar vontades de políticos e xornalistas (nin falla que fai). A razón, sen cartos para vendela (vendela, si, non mercala), é menos razón.
F. Míguez dixo
Por certo, que segundo outra fonte, a Ría de Vigo (enténdase o sector primario que a explota) xenera máis postos de traballo que a Citröen. Pero as cofradías non pagan a camiseta de ningún clube de fútbol.
eSedidió dixo
O primeiro que debemos facer é buscarlle outro nome, que o de primario ten pouco glamour. Ábrese o turno de propostas
E repito: o sistema agroalimentario representa o 20% do PIB español (datos de 2002, para os que gosten das estatísticas; estes días non teño paciencia para poñerme a botar contas).
En canto ao tema da falla de acumulación de capital na agricultura (nin falla que fai, di vostede) non é que sexa un problema, é que é O problema.
Un día destes, cando estea un pouco mellor de ánimo, vou comezar unha serie que se vai chamar “A culpa é vosa, rapaces” ou algo similar, dedicada a facer amigos, esta vez no sector produtor agrario. Que xa está ben de chorar, e que moita culpa ten o propio sector, demasiado amigo (algúns e ás veces) da produción especulativa e de deixar as leiras a monte.
F. Míguez dixo
Vostede que se manexa nesas latitudes ¿Foi cousa miña, ou dende Castropol a San Vicente de la Barquera, pola E-70, as leiras a monte cóntase cos dedos das mans, igual que en calquera sitio de Galicia, pero sen moverse do sitio?
eSedidió dixo
É que o concepto de “monte”, tal como o entendemos aquí, é máis enxebre que o pulpo da fin de semana pasada no Popular Party de Silleda.
Andrés Núñez Rajoy dixo
A agricultura e o rural non son atrancos de nada, son o que son e punto. Subvencionados? Os menos do estado, e os nadiña da UE. Seguramente os máis empufados eso sí pero, a culpa é deles? Ou é dos “listos” que , entre eles eu, lles decíamos o que producir. Para velo claro ahí unhas preguntas:
- Cando eu era pequeño, anos 60, había máis vacas de leite ou de carne?
- Onde están o millón de ovellas do catastro do marques de la Ensenada?
- Por qué á D.O Rías Baixas os asociados lle chaman albariño?
- Por qué se aparcelaron zonas sin futuro agrario (Covas, Laiño etc.)?
- Canto é a media que cobra unha explotación galega de axudas da PAC?
- Por qué no Ribeiro as castes máis plantadas son o Xerez e o Alicante?
Quedan moitas máis, pero é tarde, si se contestan e razoan comenzaremos a ver a lús ao final do tunel.
eSedidió dixo
Compañeiro, con estas preguntas case que me senta mal o almorzo, e iso que foi un iogur.