Éche o que hai

Unha ollada crítica ao tenderete alimentario.

Vaite amodo, Slow Food (V e final)

Publicado por eSedidió on Agosto 29, 2009

AS FONTES DE FINANCIAMENTO E AS AMIZADES PERIGOSAS

Antes de nada, unha advertencia: Non esperen aquí grandes sorpresas, nin misterios sen conto ou escándalos deses que fan tambalear estruturas. Para nada. Nin eu son xornalista, nin moito menos investigador, nin creo que SF garde ese tipo de misterios, nin as fontes de información dispoñíbeis (a pesares do recorrente alarde de transparencia do que SF fai gala en todas as súas publicacións) son para tirar foguetes. Así que me limitarei a resaltar algunhas pequenas contradicións que aparecen ao cruzar os datos contando cunha pouca de paciencia.

En primeiro lugar: de onde proceden os recursos?

Se un abre a páxina web de Slow Food International, versión en español, verán que aparece no frontispicio a seguinte afirmación: ”Slow Food es una asociación ecogastronómica sin ánimo de lucro financiada por sus miembros” (o subliñado é meu). Isto, aquí e en Uzbekistán, quere dicir que a totalidade dos fondos da organización procede da aportación dos compoñentes, ou polo menos eu, que debo ser torpe, é o que entendo.

Se, despois de ler isto, un insiste e vai consultar un exemplar da Guía Slow Food de 2005, no Apartado “preguntas frecuentes”, dí textualmente: “A Asociación internacional obtén a maioría dos seus fondos das cotas de asociado” (de novo, subliñado meu). Ou sexa, dúas cousas: unha, estamos a falar da SF International, e non de SF Italia (lembremos que esta última mantén independencia organizativa e económica); e dúas, xa non é todo, senón a maioría dos fondos.

Insistindo, como non podía ser doutro xeito. Vamos agora á última Guía, a de 2008. Alí, no mesmo apartado, aparece: “A asociación internacional recibe a maioría dos fondos a través das cotas dos socios e das contribucións de patrocinadores” . As cousas vanse poñendo máis claras. De todos modos, atrévome a pedir a SF International, versión en español, que faga o favor de modificar a información da súa páxina, dado que, segundo o que eles mesmos din, é rigorosamente incorrecta.

Vamos agora tentar comprobar se é exacto que SF se financia na maioría dos seus fondos polas cotas de asociado, como indican na Guía 2005 e non desminten na 2008.

Vexamos: de acordo coas diferentes páxinas web, a cota de socios varía segundo o nivel económico do país de afiliación (iso está francamente ben; para que vexan que, aínda que da cáscara amarga, un tamén sabe recoñecer os acertos) e do tipo de afiliación (individual, por parellas, socio xuvenil…). Escollemos tres exemplos, correspondentes a un país europeo (Francia), un país do terceiro mundo (Burkina Fasso) e os USA, por ser un país cun gran número de afiliados (alí as cotas están en dólares, e no cadro convértense en euros). As italianas son lixeiramente maiores (58 euros a cota individual), pero teñen modalidades diferentes, e ademais xa falamos da súa independencia económica.

PAÍS INDIVIDUAL PARELLA SOSTEDOR XOVEN
Burkina Fasso 35 45 100 15
Francia 50 75 130 20
USA 42,6 53,25 —- 21,3

Con estes datos, estimar unha cota media de 50 euros penso que é razoábel (se acaso, lixeiramente alta).

Por outra banda, e de acordo cuns – para min confusos, pero a estas alturas xa saben da miña cortedade – gráficos de quesitos que aparecen na citada Guía 2008, entre un 20 e un 30% das cotas serven para o financiamento dos convivia (poñamos unha media do 25%), polo que a contribución neta para a organización sería de arredor dos 35 euros por socio. Contando cos 100.000 socios dos que as últimas versións falan (santo ceo, cada vez son máis! cando empecei con esta serie eran 82.000. Isto parece la-invasión-de-los-ultracuerpos. Ao paso que vamos, como dilate un pouco as entregas estareime dirixindo exclusivamente a slowfoodies….) estaríamos a considerar unha aportación total neta dos socios á organización de 3,5 millóns de euros.

E cal é o orzamento de SF? Nin idea, pero 3,5 millóns, nin de coña. Abonda con ver os niveis de gastos dos que temos falado nos eventos, e de Terra Madre xa nin lles conto. Por outra banda, en diversas fontes fálase de que SF contribúe directamente ao financiamento de certos presidia. Por todo o dito temos que concluír que estamos diante dunha organización que, como mínimo, move anualmente varias decenas de millóns de euros.

O único dato do que puiden dispoñer verbo deste tema figura nunha entrega anterior (comer amodiño I), na que o pérfido Sterling falaba dun orzamento anual de 37 millóns de dólares (26,27 millóns de euros ao cambio) non desmentido por SF, polo que podemos entender que é válido.

De acordo con estas cifras podemos concluír que as cotas dos asociados representan, como máximo,  arredor do 13% do conxunto do orzamento da organización. Nesas condicións, insistir que SF é unha organización financiada maioritariamente polos seus socios é…. (adxudique o lector o cualificativo que estime conveniente, que a min xa me aburre).

Vale, pois. Se o groso da orixe dos fondos non é a contribución dos socios, podemos deducir que se trata de doazóns de entidades públicas ou privadas. Isto, tratándose dunha organización sen ánimo de lucro, non só é lícito, senón o habitual. Tentarei facer algo de luz sobre a natureza destas doazóns.

No referente ás contribucións, SF desenvolveu un documento, recollido en SF Italia baixo o nome de “Linee guida per la politica di fund raising di Slow Food” , no que se dá conta dos principios que rexen na política de recollida de fondos, de aplicación tanto a colaboradores públicos como privados. Existen dúas regras principais para a admisión das contribucións, que se recollen textualmente (desculpen as eivas de tradución):

  • Ningún contribuidor de Slow Food debe condicionar minimamente as decisións da Asociación, nin a súa actividade, nin en xeral a súa filosofía: Slow Food debe manter total autonomía con respecto dos propios contribuidores.
  • Non poden ser contribuidores de Slow Food suxeitos ou realidades que operen en contraste coa filosofía e a actividade de Slow Food.

Excelente, na miña opinión, a exposición desas dúas regras de ouro. O malo é que existen máis regras. Concretamente, a liña adicional nº 2 reza textualmente que “para avaliar un potencial contribuidor, non é necesario que este opere compartindo totalmente a filosofía Slow Food: unha análise deste xénero eliminaría a práctica totalidade dos sponsor potenciais de Slow Food. En vez diso, é importante que unha parte importante, ou polo menos significativa con respecto da actividade principal do contribuidor, sexa compatíbel con Slow Food. O que é fundamental, como principio, é que a actividade do contribuidor non estea en contraste coa filosofía e a actividade de Slow Food”. Vaia, ho, agora que xa me tiñan case convencido, aparece o espírito florentino do si-pero-non (ou, dunha forma máis groseira, sólo-la-puntita, como rezaba o chiste). O documento continúa cunha serie considerábel de restricións, seguidas case sempre das correspondentes “matizacións”.

Unha demostración gráfica desta lei do funil aplicada á procura de fontes de financiamento aparece recollida nunha entrevista ao líder realizada por Jean-Paul Gené, aparecida en “Le Monde 2”, nº 69, do 11 de xuño de 2005. Entre outras cousas, dise textualmente:

“Gené.- Esta autoridade moral apóiase no patrocinio dunha multinacional do café como Lavazza. Algúns repróchanllelo. Vostede que lles responde?

Petrini.- Moitos comunistas non comprenden nada. Traballas con Lavazza, recibes diñeiro de Fiat. E qué? Non se pode crear una rede como Slow Food se non existen os medios. Lavazza elixiu unirse a nós e cambiar pouco a pouco. Co seu novo produto «Terra», Lavazza pagará decentemente aos produtores de café e comeza un proceso de transformación da materia prima en orixe. Para min, isto é abondo  para iniciar unha viaxe virtual. Se o rexeito, Lavazza seguirá a estar sempre en territorio adversario.”

A estas alturas da historia, francamente, xa non me quedan ánimos nin para botar unhas coñas, nin sequera sobre o feito de que non hai peor anticomunista que un excomunista con mala conciencia (isto dígoo eu, que non fun comunista nin cando era roxo). De modo que, Mc Donald’s, xa sabes, se pides perdón, fas unha hamburguesa ecolóxica de cebú, pagas decentemente aos produtores de Burundi (ao resto, non, que tanto ten), embarcas nunha viaxe virtual con Carlin (sexa o que fora iso; espero que non teña nada que ver con tripies) e apoquinas, o mesmo che regalan un caramuxo.

Visto o visto, francamente non paga a pena seguir a analizar o resto dos contribuidores privados do SF. Polo menos, a min resúltame completamente indiferente; se está no allo Fiat, que máis podo atopar? Volkswagen?. Ou sexa que mellor dedícome a algo máis produtivo, como é apuntar as miras cara os partners institucionais.

Italia é, politicamente falando, un país “peculiar”, non fai falla que llelo recorde a vostedes. Aínda que SF recolle apoios políticos en todo o arco parlamentar (o papel de SF como reclamo publicitario internacional non ten prezo, e están as cousas como para poñerse críticos), nos primeiros anos deste século, e coincidindo, seguramente por casualidade, co seu despegue definitivo en Italia e todo o mundo, Slow Food contou con amigos especialmente significativos en papeis clave do poder político italiano: os gobernos rexionais –omnipresentes no financiamento e apoio ás institucións paralelas-  e ministerios como o de Agricultura, fundamental para a visualización do movemento no tocante a algunhas reivindicacións, e o de Asuntos Exteriores e Cooperación, constituído ás veces nunha sorte de embaixador de SF en Europa e o mundo. E iso sen contar con que a sede da FAO está en Roma, como saben.

Convén coñecer, sequera superficialmente, a personalidade política deses aliados: ademais de Enzo Gigho, presidente da Regione Piemonte de 2000 a 2005 (un home de Berlusconi en estado puro, como antigo executivo de Fininvest) e Franco Frattini, Ministro de Asuntos Exteriores de 2002 a 2004 e de 2008 á actualidade (así mesmo militante de Forza Italia), o principal valedor de Slow Food a nivel político foi durante eses anos o entón Ministro de Agricultura, Gianni Alemanno. Amigo persoal de Petrini, Alemanno consegue, entre outras cousas, algo dun valor propagandístico impagábel, como é que Slow Food presente unha selección de produtos tradicionais na xuntanza informal dos Ministros de Agricultura da Unión realizada en Taormina en 2003.

A biografía política de Alemanno é algo que convén remarcar, en tanto que reveladora da propia deriva ideolóxica de Petrini e, polo tanto, dos apoios de Slow Food Italia. Trátase dun militante pata negra do post-fascismo misino (do Movemento Social Italiano , partido fascista fundado en 1946 por Giorgio Almirante e reconvertido despois, da man de Gianfranco Fini, na Alleanza Nazionale). Foi militante da súa radical ponla xuvenil, a Fronte della Gioventù, da que chegou a ser Secretario Xeral. En 1981 e 1982 foi detido por agresión a un estudante e por lanzamento dun cóctel molotov á embaixada soviética, respectivamente.

A pesares da posta ao día en valores do MSI, Alemanno parece non ter perdido nada do seu inicial entusiasmo polos valores da Italia eterna: a súa campaña de 2008 á alcaldía romana, por exemplo, estivo baseada no “pacto por Roma” que contiña medidas activas de expulsión dos inmigrantes irregulares e de eliminación dos seus asentamentos.

Paradoxalmente  -ou non tanto- a actuación de Alemanno á fronte do Ministerio de Agricultura caracterizouse polo seu radical apoio ao fomento das producións tradicionais e ecolóxicas e á prohibición dos Organismos Xeneticamente Modificados  en Italia, ata o punto de ser considerado un ministro verde (como dato curioso, segundo a wiki obtivo o seu título en enxeñería ambiental en 2004, isto é, ocupando a carteira ministerial). Claro que esta postura anti-OXM tiña o seu truco, como se demostrou en 2004, cando Italia pasa de ser o flaxelo dos OXM en Europa a votar favorabelmente á autorización, dado que “as autorizacións eran para a importación, non para a produción en Europa, os informes científicos eran favorábeis, e que, dada a normativa sobre etiquetado e a oposición da poboación, os produtos non serían comercializados en Italia”. Isto é, a doctrina Alemanno reza: non á manipulación xenética, ou si, sempre e cando  sexa realizada fóra de Europa e os produtos non se comercialicen en Italia.

É curioso observar como mudam-se os tempos, mudam-se as vontades:  da militancia na esquerda radical ás amizades con angelitos coma este median só uns poucos anos e uns centos de paparotas.

ALGUNHAS BASES IDEOLÓXICAS DE SLOW FOOD: PRODUCIÓN ECOLÓXICA, SUSTENTABILIDADE, SEGURIDADE ALIMENTARIA E CERTIFICACIÓN DE PRODUTO.

Buff. Tema de moita enjundia, e, a xulgar polo número e profundidade dos escritos e Manifestos do movemento, doado de resumir non é. Teranme que desculpar se notan algunha simplificación excesiva, pero francamente estou desexando rematar. Supoño que vostedes tamén, que o número de lecturas vai baixando, pero que queren, non me gusta deixar as cousas a medias.

Vexamos: Cal é a ideoloxía SF? É de esquerdas ou de dereitas? É antiglobalización? É ecoloxista? Hei de confesar, á hora de abordar esas preguntas, que despois da sobredose esloufút á que estou sometido son incapaz de contestar máis que a algunha delas.

SF conserva dende os seus inicios  o gusto polas producións locais diferenciadas, e iso é unha constante. Adicionalmente, despois da reconversión ecogastronómica, o movemento vai elaborando un discurso baseado, en moitas ocasións, nas premisas do movemento agroecolóxico e cun certo ramalazo antiglobalización: loita contra transxénicos, reivindicación dos circuítos curtos de distribución, producións ecosustentábeis…. Simultaneamente, Slow Food inicia unha cruzada contra a política europea de seguridade alimentaria, inzada de desconfianza sobre as institucións alimentarias europeas e mundiais, sospeitosas aos seus ollos de estaren ao servizo da omnipresente industria alimentaria.

Se atendera soamente ao contido dos moitos Manifestos SF, eu teríame que declarar firme partidario dunha boa parte da súa liña ideolóxica. Si, meus, non sorrían, que non estou de coña. O malo é o de sempre: a praxe. E temos un exemplo moi claro do problema coa análise do papel dos presidia na Fundación da Biodiversidade da que falaba hai algunha entrega. Daquela xa sinalaba que o discurso era impecábel, pero a súa concreción práctica era sainetesca. Pois o mesmo cabe sinalar, na miña opinión, na maioría das iniciativas; moita parole parole parole, e ao final máis do mesmo: un tinglado comercialmente lucrativo, o que non é intrinsecamente malo, pero que contradí as súas propias bases.

Existen no entanto un par de cuestións de calado nas que non me queda outra que manifestar a miña discrepancia radical: a estratexia global de loita contra a crise alimentaria, e o tema de seguridade alimentaria. Tanto nun caso como noutro trátase de asuntos de tanto calado e tantas ramificacións que deberían dar lugar a debates independentes, con e sen SF. Por iso voume limitar a dar un par de pinceladas. No primeiro dos casos, e resumindo moito, SF pensa que o recurso ás redes de pequenos produtores locais de produtos de calidade e a venda en circuítos curtos é unha estratexia que podería permitir resolver, polo menos en boa medida, os problemas da fame. A min, simplemente, iso paréceme sangrantemente  frívolo, por moi benintencionado que sexa.

No segundo dos temas, ademais de elaborar un Manifesto a favor dos queixos de leite crú (outro asunto que dará lugar a un post independente, ou debería), Slow Food emprendeu campañas contra a aplicación do chamado paquete de hixiene, e concretamente contra a extensión dos controles APPCC (Análise de Perigos e Puntos de Control Crítico) a todas as pequenas industrias. De novo, este tema merece moita máis atención, polo que simplemente direi por agora que, na miña opinión, é síntoma dun certo cinismo marca da casa.

Unha relación bastante exhaustiva dos Manifestos e campañas SF pódese atopar aquí.

Son os produtos SF ecolóxicos?

Aínda que moitas veces, interesadamente ou non, confúndense os alimentos Slow Food con produtos da agricultura ecolóxica (agricultura ecológica é a denominación técnica en castelán; a denominación francófona sería agriculture biologique e a anglófona organic farming; en galego non temos, que eu saiba, un criterio fixado), non son o mesmo.

A Guía SF 2008, na súa sección “preguntas frecuentes”, baixo a epígrafe “É SF sinónimo de ecolóxico?”, responde negativamente, aínda que con matices: “SF aproba os principios que se atopan na base da agricultura biolóxica, como os métodos de traballo de baixo impacto medioambiental e a redución de pesticidas. Sen embargo, SF mantén que a agricultura biolóxica practicada de modo extensivo é comparábel ao monocultivo convencional, e, por iso, a certificación biolóxica non é considerada como garantía de produto sustentábel”.

Vemos no texto que a referencia á agricultura ecolóxica mestúrase co concepto de produción sustentábel, e ademais dunha maneira xerárquica: pódese deducir que o nivel “produto sustentábel” contén un valor superior ao de “produto ecolóxico”. Chegados aquí, convén seguramente que se fixen eses dous conceptos.

A sustentabilidade é un concepto IDEOLÓXICO, que nace como consecuencia do afán de protexer uns recursos naturais que se consideran limitados e en risco. Deste modo, calquera produción será sustentábel se é capaz de garantir a súa pervivencia en boas condicións e durante o maior prazo posíbel. En termos agrícolas, significa que un método de produción será sustentábel se, ao tempo de ser eficaz, de elevado rendemento e de boa calidade, garante que os efectos prexudiciais sobre o medio ambiente son mínimos e mellora as condicións de vida da comunidade rural onde se leva a cabo.

Que quere dicir isto? En primeiro lugar, que existen moitos métodos de produción que poden ser considerados como sustentábeis. En segundo lugar, que a sustentabilidade dunha produción non está baseada en parámetros medíbeis, de maneira que é moito máis doado detectar os sistemas claramente non sustentábeis (emprego sistemático e masivo de fertilizantes de síntese, por exemplo) que aqueles que si o son. E en terceiro lugar, e como consecuencia dos puntos anteriores, que resulta na práctica imposíbel garantir dunha maneira obxectiva –a non ser que nos atopemos diante dun sistema de produción “perfecto”- que un método concreto, nun lugar concreto, e sustentábel en todos os seus termos.

A agricultura ecolóxica, a diferenza do anterior, é un concepto TÉCNICO, referido a un sistema de produción de alimentos moi concreto e baseado nunha serie de regras, como son, dunha maneira esquemática e resumida, a limitación do emprego de insumos (fertilizantes e fitosanitarios) e a prohibición destes cando sexan de síntese (produción artificial), e o recurso á loita biolóxica ou á rotación de cultivos como métodos de loita contra pragas e enfermidades.

Existe outra característica diferencial da agricultura ecolóxica, con respecto da idea xenérica da produción sustentábel: a existencia de Regulamentos  e de procedementos de Control e Certificación, a nivel nacional ou internacional, segundo os casos.

Nun Regulamento contéñense as prácticas e as materias que se consideran autorizadas, limitadas ou prohibidas. E, co fin de garantir ao comprador que o produto que adquire cumpre con todas as garantías indicadas nos Regulamentos, establécense uns procedementos de Control, por parte de organismos ou empresas externas ao sector, que se ocupan de inspeccionar, auditar e, no seu caso, analizar todo o proceso de produción. Caso de resultar conforme, o produto poderá entón ser Certificado.

Na Unión Europea, a normativa que regula a produción ecolóxica está recollida nun Regulamento, e como sistema adicional de control (vixiar aos vixiantes) establécese que os organismos ou empresas certificadoras deben estar acreditadas diante dun organismo nacional independente por medio da Norma ISO 45011. Só os produtos certificados de acordo con este sistema poden ser denominados como procedentes da agricultura ecolóxica.

Este método de certificación non é nin moito menos perfecto. Xa mencionara nun post anterior (Orixe) a confusión que introduce no consumidor (perdón, no coprodutor) o feito de que o logotipo ecolóxico non fai referencia á orixe do produto, senón ao sistema de produción. Por outra banda, o movemento agroecoloxista en xeral manifestou en moitas ocasións as súas discrepancias coa propia filosofía dos Regulamentos e sistemas de control, pois permite a existencia dunha pseudo-agricultura ecolóxica: a chamada produción “de substitución de insumos” consistente, en poucas palabras, nunha agricultura moi cercana á convencional nos seus métodos, pero na que os produtos químicos son reemprazados sen máis por produtos “naturais” traídos de fóra da explotación e mesmo de fóra do país. Por outra parte, as esixencias regulamentarias e de control impiden a consideración como ecolóxicos de moitos dos produtos denominados como “caseiros”, pois, dada a súa pequena dimensión produtiva, resulta imposíbel aplicar algunhas das esixencias regulamentarias (por exemplo, o sacrificio en instalacións hixienicamente adaptadas, no caso das aves de curral) ou simplemente facer fronte ao custe da certificación.

Aínda así, é de feito o único sistema que pode, na situación actual, garantir á sociedade que o que está a consumir non é o que nos conta o produtor, o fabricante ou Petrini, senón que existen terceiras partes independentes que certifican que iso é certo.

Este sistema aplícase a nivel mundial para os produtos da Agricultura Ecolóxica e, en Europa, para as figuras de protección de orixe: Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) e Denominacións de Orixe Protexidas (DOP). E, por certo, que Slow Food “esquece” sistematicamente mencionar que moitos dos produtos europeos incluídos nas Arcas do Gusto e nos Presidia contan coa protección de IXP ou mesmo de DOP. De feito, a miña sensación é que existe unha especie de desprezo do movemento sobre o valor destas figuras de protección, non sei se por desconfianza ou máis ben porque non as crearon eles.

Que opina SF sobre os sistemas de control e certificación ecolóxicos? Vexamos: na mesma guía á que antes facía referencia, dise que “a pesares de que a maioría dos Baulartes Slow Food baséanse en técnicas ecolóxicas, poucos teñen certificado debido aos seus custes. Para que un produto sexa Baluarte deberá ser coherente co principio de agricultura sustentábel, dado que Slow Food traballa para garantir que sexan “bos, limpos e xustos”. Os vindeiros anos, a Fundación para a Biodiversidade apoiará e financiará, onde sexa posíbel, unha certificación para os Baluartes se se estima que iso axudaría a acceder máis doadamente a certos mercados ou a aumentar a rendibilidade”.

Revisemos o parágrafo:

a)    Parece ser que o atranco para a obtención da certificación ecolóxica é o custe.

b)    Sospeitosamente -e a estas alturas penso que me gañei o dereito a sospeitar- fálase dos Baluartes, pero non dos produtos da Arca do Gusto.

c)    Dado que non existe certificación, é a propia Slow Food a que se ocupa (non se sabe de que modo) de garantir a “sustentabilidade” e que sexa “bo, limpo e xusto”. En calquera caso, resulta inadmisíbel, ou cando menos irrelevante dende o punto de vista da garantía, que sexa a propia organización a que se ocupe dese proceso.

d)    Segundo aseguran, están pensando en “apoiar e financiar” unha certificación para os Baluartes. O malo é que o enfoque que se fai da certificación non é para asegurar a calidade, senón por razoamentos exclusivamente comerciais e de beneficio.

Deténdonos no derradeiro punto: a que tipo de certificación aspira SF? Confeso que eu, a primeira vez que lin a guía, pensei –inxenuo que é un- que se trataba de financiar a certificación en agricultura ecolóxica dos Baluartes (dado que o problema era o custe), pero non, amigos. Abondou con revisar, como sempre, o que están a facer en Italia, que ven sendo unha especie de trailer do que verán os nosos ollos dentro duns anos.

E logo, en Italia que se está a facer, preguntaranse?

Pois crear unha nova Marca de Garantía para as producións dos Presidia italianos, cos seus propios procedementos de control e certificación. Obviamente, non baixo o símbolo do caramuxo e o logo Slow Food; teñamos en conta o que eles mesmo din na Guía 2008: “o logo Slow Food está rexistrado e só pode empregarse en actos oficiais SF locais, nacionais e internacionais”.

A pesares das reticencias que os procedementos oficiais de certificación parecen xerar no movemento –ou precisamente por iso- a partir de 2008 créase unha contraetiqueta para os produtos dos Presidia italianos, que suporá a “identificación, tutela e a valorización das etiquetas dos produtos, que permita aos consumidores (de novo esquecen o dos “coprodutores”) identificar aos produtos dos presidia, protexéndoos das falsificacións cada vez máis numerosas no mercado. SF Italia rexistrou a marca “Presidi Slow Food”, dotándoa dun novo logotipo gráfico (diferente polo tanto do caracol símbolo de Slow Food) e dun regulamento: estarán autorizados a empregar o novo logo unicamente os produtores que subscribiran o regulamento e a carta de uso (na que declararán respectar as obrigas de produción do propio presidium).

Slow Food Italia non se limitará a asignar una contraetiqueta, senón –e sobre todo- porá a disposición dos produtores os servizos de consultoría, comunicación e asistencia a través dos seus colaboradores no territorio, os técnicos da Fundación SF para a Biodiversidade Onlus e a oficina dos Presidia cerca do sede nacional de SF Italia”.

Con isto, e de novo, máscaras fóra, péchase o circo comercial: desaparecen as reticencias, o sistema de control pasa a ser “bo, limpo e xusto”, a organización (baseándose no seu potencial económico e o apoio incondicional e papanatas da totalidade dos media) empregará aos seus propios técnicos, consultores e propagandistas e os seus propios regulamentos, fóra do paraugas oficial, e os custes (que os hai) serán soportados, en última instancia, polos consumidores (perdón, quixen dicir polos coprodutores). A min, despois disto, só me queda dicir: prefiro a McDonalds, que van de frente.

DE MÍSTICAS E LÍDERES.

[Este Apartado roza perigosamente o post basura ou o cotilleo, polo que prego aos repunantes que o salten]

Nalgún dos comentarios a esta serie víñase dicir que, á vista do escrito, existía certa semellanza entre esta organización e aqueloutra de signo relixioso tan coñecida por algúns dos nosos gobernantes. Eu non me atrevo a afirmar tal cousa. Pero verán: despois de revisar moitas páxinas web dos convivia hispanos, europeos e USA, teño unha sensación ambivalente: por unha parte, existen ducias de intervencións en comentarios, foros,  etc de membros de SF que resultan admirábeis, polo entusiasmo e as gañas de facer cousas. Por outra, hai ramalazos con certo tufo sectario que ás veces resultan francamente simpáticos. Exemplos? Nunha das páxinas web da organización hispana existe un apartado dedicado integramente a recoller as opinións do líder sobre os máis variados temas, debidamente traducidas: dende a crise alimentaria ate a polémica sobre os santos cociñeiros (Santa María vs Santo Adriá) cun ton paternalista digno das mellores páxinas de “Camino”. Os números de SF News presentan ás veces recadriños con misivas de socios do tipo: “eu era devorador de hamburguesas ata que vin a luz”, ao máis puro estilo Atalaya (para quen non o saiba é o boletín dos testigos-de-jehová). E o mesmo cabe dicir dalgunhas páxinas web de partidarios, con algún post antolóxico titulado inefábelmente “Slow Food, la ecogastronomía que debería dominar al mundo”. Podería seguir un cacho con exemplos deste tipo, pero penso que vostedes xa me pillaron a idea. So cómpre dicir que, despois dun mes de revisións, non din atopado nin un post, nin sequera un comentario, que contivese algo similar a unha crítica en toda a ciberliteratura slowfoodie.

En canto ao líder, que dicir que non teña xa dito? Supoño que debería, para poder emitir un xuízo minimamente obxectivo, recorrer ás fontes, ou sexa, aos –moitos- libros escritos polo Presidente Fundador. Ou polo menos a algún, eu que sei, unha antoloxía ou algo. Pero iso, lectores meus, é un esforzo que non me poden esixir. Primeiro, porque penso que cumprín abondo co meu propósito despois de ler varias entrevistas ao interfecto, aos seus amigos e aos seus -escasos, polo que se ve- opoñentes, e todo canto manifesto SF caeu nas miñas mans (e xúrolles que son moitos). E segundo, porque as miñas expectativas culturais para o mes están cubertas abondo coa lectura da magnífica triloxía de Ramiro Pinilla, e francamente non creo que aos moitos méritos de Petrini sexa preciso engadir o valor literario dos seus textos.

De todo o lido podo deducir que é un tipo amábel e simpático, un magnífico comunicador e un gran estratego da comercialización. Pero ademais podo engadir que tanto título, tanto nomeamento e tanta xuntanza con xentes importantes como nada menos que Prince Charles (co que comparte pijerío e visión sobre o futuro da alimentación mundial, que lle vamos facer) téñenselle subido un chisco á cabeza. Ou polo menos é o que podo deducir dos indicios que fun atopando detrás de milleiros de páxinas laudatorias. Para mostra dous botóns.

O primeiro, extraído da mesma entrevista en Le Monde de Jean-Paul Gené da que falara cando o tema das amizades:

P.-  Como se transformou Slow Food, que nas súas orixes foi unha asociación enogastronómica, en ecogastronómica?

R.- Non lonxe de Bra [sede de Slow Food, no Piamonte], hai unha pequena vila cuxa especialidade era o pemento «quadrato» de Asti, que podía ser cadrado ou carnoso. Un día pedín nun establecemento local unha peperonata, un prato a base de pementos. Nada que ver co prato que eu adoraba. Explicáronme que os pementos procedían dos Países Baixos. Ademais, a produción estaba regulada todo o ano, sempre eran da mesma calidade e, para colmo, custaban máis barato. Simplemente perderan o seu gusto polo camiño. Pero aínda peor: os labregos que hai anos cultivaran eses pementos «quadrato» cultivaban agora bulbos de tulipáns que saían para os Países Baixos…

O prezo do transporte, a desaparición do pemento de Asti e a perda do gusto no prato, aquí dixen: Abonda!. Non é posíbel practicar a auténtica gastronomía sen respectar a cuestión medioambiental. O gastrónomo que non ve máis alá dos pratos, que ignora que o que está a comer pode provocar a destrución do ecosistema, é un estúpido. Nese momento, Slow Food mudou o ritmo. De «slow» pasou a «fast», porque se xa existían multitude de asociacións enogastronómicas, nós convertémonos na única asociación ecogastronómica. Este foi o renacemento total, xenético, de Slow Food”.

Ata aquí a resposta. Flipante. Dunhas poucas frases pódense tirar moitas conclusións:

a)    Efectivamente, ao señor Petrini gústalle falar de raios.

b)    Que houbera pasado se a Petrini non lle gustaran os pementos? pois que se chega a pedir un bisté quedamos sen revoluçao. E non quero nin pensar o que houbera xurdido dunha dixestión de callos con garbanzos ao estilo de Salceda de Caselas.

c)    Slow Food é unha organización tan democrática que abonda con que ao señor Petrini non lle gusten os pementos para que mude radicalmente a ideoloxía.

d)    Que pensará un slowfoodie ao ler a entrevista? Ao mellor eu son un pouco raro, pero se vexo como se toman as decisións meréndome o carné (o caramuxo non, que debe ser difícil de dixerir).

Menos mal que, á vista do que di a cronoloxía oficial SF, a anécdota non pasa de ser unha pequena hipérbole, figura á que Petrini, como veremos despois, parece ser aficionado de máis. É que, segundo as fontes oficiais, o termo “ecogastronomía” foi presentado por primeira vez en 1999, no congreso de Slow Food…. Australia. De modo que, señores, téñolles dúas noticias: a boa é que SF non depende, en cuestión ideolóxicas, das dixestións do líder. E a mala é que o señor Petrini é un pouco batallitas.

O outro cotilleo refírese aos preliminares da kermese aquela de Slow Food Nation, nos USA. Resulta que Petrini, uns meses antes, escribira un libro chamado tamén “SF Nation” (que orixinal) falando das súas opinións sobre ese país. Nun dos capítulos contaba as súas impresións en relación cunha visita que cursou a un mercado de produtores de San Francisco, cidade na que se ía celebrar o tal evento. Nada mellor que recorrer ao relato dos feitos proporcionado o día 16 de maio de 2007 no San Francisco Cronichle:

“Parecía case natural: O fundador do italiano Slow Food,  Carlo Petrini, asinaría exemplares do seu último libro no San Francisco’s Ferry Plaza Farmers Market, posibelmente o máis “slow” dos mercados do país. Pero armouse o follón abruptamente cando algún dos xestores do mercado e produtores leron o que escribira sobre Ferry Plaza no seu libro “Slow Food Nation.”

Entre outras cousas, Petrini referiuse aos prezos como de “boutique ….. astronómicos”, ao mercado como “extremadamente exclusivo”, aos agricultores como “todos ricos graduados universitarios” e aos clientes como “adiñeirados ou moi adiñeirados…. a maioría tiñan aspecto de actrices” e aos que amosaban os seus produtos “como xoias, símbolos de status”. Un produtor novo foi entrevistado para confirmar que cobraba prezos elevados, co que podía limitar a súa asistencia a dúas veces ao mes, co que podía manter a súa familia e pasar horas facendo surf.

¡ai!.

En lugar dunha sinatura de libros, Petrini e unha tradutora [NOTA: A persoa a quen o xornal identifica como tradutora era en realidade Erika Lesser, directora de SF USA] atopáronse cunha xuntanza o pasado sábado cun grupo das caras máis coñecidas do mercado – entre elas Nigel Walker de Eatwell Farm e Steve Sando de Rancho Gordo – xunto con Dave Stockdale, director executivo do CUESA, que dirixe o mercado de agricultores.

Na xuntanza púxose en risco non só a sinatura de libros, senón os esforzos por levar a CUESA e a Slow Food para que traballaran xuntos en Slow Food Nation, o evento alimentario artesán de catro días planeado para 2008 en San Francisco e o proxecto favorito do propio Petrini e de Alice Waters, de Chez Panisse, que forma parte dos comités asesores, tanto de CUESA como de Slow Food USA.

Walker, de Eatwell, dixo que as palabras de Petrini eran una ofensa. “Sentíame como se me houbesen pateado na cara. Todos nos, non só os produtores de Ferry Plaza senón tamén outros produtores”. E iso que el é membro de Slow Food, e levou a cabo un evento Slow Food na súa granxa de Dixon.

“Dixen que era absolutamente ridículo,” lembra Walker  “vendo acelga vermella a $1.75, e no supermercado convencional Safeway do meu pobo está a $1.69 – e eu vendo acelga ecolóxica recollida o día anterior”.

Os produtores de Ferry Plaza apasiónanse por producir alimentos de calidade – e tratando de facer o seu modo de vida con isto, dixo, e os compradores coñecen exactamente polo que están a pagar. “Slow Food está baixo un forte ataque por ser elitista” dixo Walker. “Penso que está tratando de defender Slow Food, e os produtores de Ferry Building son un branco doado e barato”.

A xuntanza, a dicir de todos, non rematou precisamente con final feliz.

Walker dixo que primeiro Petrini dixo que os produtores estaban a reaccionar de xeito esaxerado, e despois botoulle a culpa á tradución. “Saín da xuntanza máis furioso que nunca na miña vida ”  dixo Walker. E permaneceu una hora máis que Sando de Rancho Gordo, que mantivo unha enérxica discusión con Petrini en italiano e marchou despois, ao sentir que a resposta de Petrini era insatisfactoria.

Erika Lesser, directora de Slow Food USA, que acompañaba a Petrini na xira do libro Slow Food Nation, estivo alí, e dixo a Scoop, “Isto é definitivamente inoportuno. A última cousa que Carlo nunca, nunca, nunca querería sería insultar a un produtor”, dixo, engadindo que as discusións con CUESA continúan.”.

A versión de Steve Sando, agricultor tamén membro de Slow Food e Terra Madre, a quen se menciona no artigo, é recollida nun longo relato no seu blog (que non lle ofrezo a vostedes, a pesares de telo traducido, por razóns de espazo). Alí, ademais de contar pouco máis ou menos o mesmo que o xornal, recolle un par de cuestións de gran importancia: Primeiro, que o caso do agricultor surfista que recolle a crónica, e outro referido a un produtor de aceite con traxe e garabata (ámbolos dous mencionados no libro de Petrini) eran rigorosamente falsos (ou sexa, que Petrini, fiel á hipérbole, directamente inventouse as figuras para dar colorido ao libro). E o segundo: realiza unha descrición moi ilustrativa da reacción de Petrini ás acusacións de falsedade, primeiro botándolle a culpa á tradución e finalmente (Steve Sando falaba italiano) proporcionando aos perplexos asistentes unha demostración de furia e berros tipicamente meridional. Obviamente, o señor Sando abandonou a organización.

O máis cachondo do tema é o propio contido do libro: Petrini acusando a un mercado de produtores de elitista é unha imaxe similar a que representaría á Terremoto de Alcorcón chamando ordinaria á cantante de Camela, ou a Chabelli acusando de pijerío a Fefé.

FINAL (POR FIN E POR AGORA)

Resumindo –e aquí vai a miña tese- : Slow Food, como organización gastronómica de matiz filosófico (a vida sen presas, a non renuncia ao pracer….) tiña unha visión orixinal e moi meritoria no referente á defensa dos sabores e modos de produción tradicional. Pero sobre todo tiña unha cousa moi importante: a plena coherencia entre os seus planteamentos, os medios e os obxectivos. Eu mesmo, se non fose por esta molesta tendencia miña ao individualismo, subscribiría o tal manifesto e estaría disposto a converterme mesmo nun hooligan esloufudista.

Ser coherente, nese caso, consiste en recoñecerse como unha asociación de base individualista, eurocéntrica (ou cando menos, só exportable a países desenvolvidos) e certamente elitista, tanto no cultural como no económico. A pesares diso, podería contribuír a mellorar as condicións de vida de comunidades de produtores e á defensa dos modos de produción tradicional, sempre e cando deran como resultado produtos de calidade gastronómica diferenciada e, polo tanto, de elevado prezo. E iso é eticamente rexeitábel?. Penso que non. Peor é gastar os cartos en ver a rutilantes estrelas do fútbol ou nos garitos dos gastrónomos emocionais, que che venden espuma de cigarro habano, pagas a prezo de Montecristo e aínda por riba o puro fúmano eles.

Que ocorre entón? Na miña modestia opinión Slow Food estase a afogar ideoloxicamente nos seus propios éxitos, o que non quere dicir que non vaia seguir medrando espectacular e indefinidamente, e que a Petrini non lle vaian dar o Nobel. Unha magnífica acollida nos media (fagan se queren unha proba: busquen novas de prensa, incluso recentes, referidas a SF e verán que se destacan os valores orixinais do pensamento, e non as derivas coprodutoras), un indubidábel acerto á hora de incorporar persoas valiosas e unha magnífica xestión financeira e empresarial levan a un proceso de subida do éxito á cabeza e á aparición dunha liña de pensamento raiana no fundamentalismo salvador do mundo que ás veces toma tintes delirantes. Chamamentos a que Slow Food participe como unha ONG máis na defensa dos intereses de produtores e consumidores (como os de Brahm Ahmadi, de People’s Grocery) aportando os seus enormes medios á loita común son sistematicamente ignorados, nunha visión mística de converterse NA organización que levará a salvación aos famentos e aos consumidores (perdón, coprodutores) do mundo.

Unha cuestión que ilustra claramente ese camiño de contradicións é a referida ao elitismo da súa actuación. Para min, como dixen, trátase dun tema obvio, pero que sería irrelevante se fose abordado sen complexos (como diría Aznar). A postura da organización consiste sen embargo en negar a maior: Slow Food non só non é elitista, senón todo o contrario. E para apuntalar esa tese recórrese a dúas estratexias, na miña opinión igualmente fallidas: Unha, a do líder, que cando é preguntado por ese tema apela con demasiada frecuencia á santa indignación e contraataca acusando ao mundo mundial de falla de comprensión (seica todo o Universo está a circular polo carril equivocado, agás o líder). E dúas, a postura moito máis modesta pero igualmente inútil: a dos dirixentes que recoñecen que “ao mellor” teñen que facer algún esforciño máis en explicarse e –nun alarde de sinceridade – que “quizás” teñan que mellorar a súa actuación no achegamento ás capas con menos poder adquisitivo (iso lémbrame ao que Resentidos cantaban sobre o etíope e o branco que tiña un bisté en “fai un sol de carallo”). As explicacións son alambicadas, cando a realidade é teimuda e sinxela.

Mesmo sería coherente para coa praxe de SF que se definira como unha entidade ou rede de comercialización alimentaria, capaz de poñer en contacto agricultores de produtos, tradicionais ou non, de elevado interese gastronómico de calquera parte do mundo (co conseguinte beneficio para eles e as súas comunidades) con gourmets e restauradores do mundo desenvolvido. Ao fin e ao cabo, iso é precisamente o que fan, e máis coa Marca de Garantía que están a crear en Italia, e que, máis cedo que tarde, chegará a estender os seus tentáculos a nivel planetario. Pero calquera outra ocorrencia sobre resolver os problemas das crises alimentarias no terceiro mundo (noutras palabras, a fame) pola vía da produción tradicional en pequenas comunidades é, ademais de ficticio, frívolo e mesmo perigosamente irresponsábel (isto último non o digo eu, senón o mesmísimo director xeral da FAO, entidade da que SF se ufana en ser membro colaborador).

E ata aquí cheguei, meus. Houbo que resumir, ao final, que o tema daba para máis, pero supoño que hai un par de entregas que rematei coa súa paciencia. Espero que haxa alguén a quen lle interesase o tema, que o esforzo foi ímprobo. O único que lamento é non ter cumprido o meu obxectivo, que era provocar e abrir unha fronte de polémica da que se puidese facer algo de luz. E lamento especialmente a falla de resposta de algún membro desa benemérita institución, espero que por non haberse enterado. De ser por outras razóns non faría máis que abondar na miña impresión, que era indiferente ao comezar, pero que, obviamente, agora xa non o é.

Déixolles hoxe de agasallo un cover moi especial para min, e que coincide que é unha das escasísimas ocasións nas que canto en español. Trátase do clásico Volver, que non precisa maior comentario.

9 Respostas to “Vaite amodo, Slow Food (V e final)”

  1. Alfonso Pardo dixo

    Como me ghusta o seu sentido crítico-rabudo.Como colla vostede a vida económica dun convento de ursulinas vexo ás pobres monxas de compañeiras do Madoff.

    Pero xa sabe,eu resístome.Mentres non me demostre que Slow Food está infiltrado polos pitufos da UPG e que é realmente o coronel Rodríguez quen manda e non Petrini,seguirei pensando ben de Slow Food….

  2. eSedidió dixo

    Non se preocupe, sr. pardo, eu tamén teño vicios inconfesábeis…..

  3. Alfonso Pardo dixo

    E que sería de nós sen os nosos vicios….

    En fin,a min,mentres non se meta co Cohn-Bendit,acéptolle todo o que diga.Como se hai que papar hamburguesas no canto dese espléndido lacón….

  4. eSedidió dixo

    Dani-el-rojo, ex-revolucionario, agora verde……seguro que é slowfoodie.

  5. Xaquín dixo

    Estamos slowfodidos, pero ó final cheguei. Nótase certa costumbre a cole de curas (con lecturas profundas) e a militancia activa (con profundas lecturas). pero ben vidos sexan os que manteñen antergos vicios…Curiosamente resulta moi claro o matiz de ideolóxico que lle presta a ese discurso político modelno da sostenibilidade (que llo digan á torre de Pisa!).
    Ah, por certo, dá ghusto volver a escoitar o son das pedras.

  6. F. Míguez dixo

    Que dice o mariachi «no hay que llegar primero, pero hay que saber llegar», así chego eu agora a estes seus dous últimos artigos sobre Slow Food, e coméntolle aquí os dous por puntos:

    1º Pillada a alusión a anteriores observacións miñas, non sei se con agradecemento ou con temor, pois xa lle dixen que lles teño medo.

    2º A cuestión dos certificados e a etiquetaxe paréceme gravísima, no sentido que podería levar a equívocos entre os consumidores e, aínda peor, facerlle perder relevancia comercial a etiquetas reguladas dende a administración, como son as DOP. En canto SF teña a súa propia certificación, Ministerios e Consellerías deberían poñerse mans á obra nunha campaña que lle explique á xente a diferencia, en defensa dos intereses dos consumidores e dos productores que levan toda a vida movéndose polo seu negocio sen agardar por mesías ningún.

    3º Habería que facer un saco no que puidesen meterse os pedantes todos da alimentación coa outra grande estirpe de pedantes: os arquitectos. ¿Son o único que atopa os parecidos? O saco, unha vez cheo, podemos mandalo a Cerceda ou ás Marianas. Nota: se non todos os cociñeiros son pedantes, tampouco han de selo todos os arquitectos, que non me gusta fabricar inimigos.

    4º Nos meus escasísimos coñementos de marketin, non sei se existe un termo para explicar esa estratexia consistente en crear unha rede de productos complementarios. Barbie+os vestidos de barbie+os zapatos de barbie+o mozo de barbie… Supoño que debe estar estudado e recollido nos libros. ¿Custaranos facer o mesmo Made in Galicia? Repolo+cacheira+patacas+… e dando unhas pautas para combinar os elementos da colección de diferentes maneiras. Como pode ver, eu aínda non me rindo, se outros (como SF) poden, nos tamén.

    5º Tal e como é a dinámica das modas, aposte que dentro duns anos a sociedade rexeitará esa gastronomía de gurús con laboratorio.

    6º Unha vez máis, compre unha reflexión sobre a capacidade amplificatoria dos medios, e a pouca preocupación con que a manexan moitos profesionais.

    6º De todo o que vostede contou, ademáis de reafirmar a base idiosincrática de non se fiar un de ninguén, quédame unha amarga pregunta: ¿Estará tan alto o listón da estupidez como para que a xente precise de Slow Food para algo? Non me custa supoñer que a vostede, igual que a min, non nos fai falta ningunha organización internacional que nos aconselle comer cousas boas, e en sitios onde as preparen ben ¿por qué hai tanta xente á que si?

  7. eSedidió dixo

    Moitas gracias, Xaquín e Míguez, non sei que faría sen vostedes. Resumindo:
    #5
    Acerta profeticamente no cole de curas, concretamente xesuitas, pero non no da militancia, dado que non existe Partido Monárquico Independentista Galego (bueno, realmente si que existe, pero o aspirante ao trono é holandes ou nórdico ou algo así, e non me gusta a súa pinta). E o da sostenibilidade, ademais de claramente ideolóxico, resultame simplemente insufríbel, sobre todo dende que sae na propaganda do carrefús, con iso das bolsas. Un día destes teño que dedicarlle un post cariñoso, xa postos a seguir facendo amigos.
    #6 Tamén por partes:
    1.- A vostede dálle medo. Eu ando acojonado, e dígoo en serio.
    2.- O tema da certificación. SF rematará por ser unha Marca de Calidade, ao xeito de PescadeRías ou VaCún (por certo, que non sei quen escolleu os nomes, pero había que facerlle escribir 1.000 veces “teño un enxeño de merda”, a ser posíbel co seu propio sangue), pero acollendo todo o grupo de produtos. En canto ás IXP-DOP, a Administración o que debería facer, na miña opinión, é deixar de gastar tantos cartos en anuncios inútiles e coidar un pouco máis a vixiancia da calidade real dos produtos. Desto non falo máis por agora porque me anda a rebulir outro post cariñoso.
    3.- No tema dos arquitectos, nótaselle o ramalazo enxeñeril. Eu dos irmáns profesionais do ramo da edificación non teño pensado falar, que eses si que me dan medo. De todos modos, se quixera mandar a alguén de viaxe nunha bolsa (dios me libre) eu non malgastaría pasaxes ás Marianas: prefiro o envío á zafra cubana, que seica fan falla brazos fortes.
    4.- un exemplo de conxunto de venda: As fabes, o chourizo, a morcilla e a panceta baixo o abeiro da DOP (non sei se é IXP, e agora non teño gañas de miralo) Fabes de Asturies. O curioso é que, agás as fabas, o resto dos produtos non teñen figura de amparo xeográfico, pero si cuela, cuela.
    5.- Do tema da cociña emocional, cociña postmoderna ou chámelle como queira, creo que é un tema debatido abondo nos gstroblogues, e francamente, non me considero autorizado para falar (como son pobre e non me invitan, non podo opinar máis que como autor de experimentos caseiros). Que son pouco partidario non é ningún segredo. E que o proceso de deterioro do movemento xa empezou, non me cabe dúbida ningunha, despois de ver a entronización lechuguínica dos devoradores de flores (lotófagos chamábanlles noutros tempos). De todos modos, o terceiro post que me rebule no maxín é dedicado, tamén cariñosamente, ao uso descontrolado de aditivos alimentarios na restaturación. Adianto que na miña opinión bordea o terreo do delictivo, que o control da saúde pública non pode ser só de aplicación á loita contra o camelleo.
    6.- Dese tema fala moito e ben o noso gurú.
    6 (bis).- Pois porque é cómodo, homedediós, porque é cómodo.

  8. Mestre eSedidió, non deixe pasar un minuto máis para poñer man á obra de ese post sobre aditivos. Eu xa teño escrito sobre o asunto, pero sen o coñecemento profundo que vostede ten destes temas. E como vostede, penso que se roza a legalidade, por moito que sexan produtos de uso autorizado. Cando me esgrimen ese argumento sempre faigo a mesma comparación: as rodas do 127 están autorizadas e homologadas, pero se alguén as monta nun Porche vaille caer unha multa de moito carallo. E o mesmo ao revés, que por outra parte sería máis lóxico: que o propietario dun 127 lle queira montar as rodas dun Porsche aínda é crible, pero ao revés…

  9. eSedidió dixo

    Se non lembro mal, o seu post chamábase “AESAN e os aditivos alimentarios” (falo de memoria). Para que vexa que, as veces, o escrito nun blog deixa poso. E na miña opinión, era magnífico.

Deixa un comentario

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <pre> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>