Éche o que hai

Unha ollada crítica (e asocial) ao tenderete alimentario.

Vaite amodo, Slow Food (II)

Posted by etxeoquehai o Agosto 15, 2009

Boas de novo. Continuamos:

Como xa dixen, o movemento nace en 1989, con carácter internacional. Na xuntanza de París había representantes de 15 países, e alí asinan o famoso Manifesto fundacional, que reza así:

O noso século, que comezou e se desenvolveu baixo a enseña da civilización industrial, primeiro inventou as máquinas e despois converteunas no noso modelo de vida.
Estamos escravizados pola velocidade e todos sucumbimos ao mesmo virus insidioso: a Fast Life (vida rápida), que altera os nosos hábitos e invade a privacidade dos nosos fogares, obrigándonos a alimentarnos de Fast Food.
Para ser digno do seu nome, o Homo Sapiens debería librarse da presa antes de que a reduza a una especie en perigo de extinción.
Unha firme defensa do pracer material tranquilo é o único xeito de opoñerse á tolemia universal da Vida Rápida!.
Doses axeitadas de pracer sensual garantido e o seu disfrute lento e duradeiro pódenos preservar do contaxio da multitude que confunde tolemia con eficiencia.
A nosa defensa debería comezar na mesa co Slow Food (comida lenta). Deixarnos descubrir os aromas e sabores da cociña rexional e desterrar os efectos degradantes do Fast Food.
No nome da produtividade, a Fast Life cambiou a nosa maneira de ser e ameaza o noso entorno e as nosas paisaxes. Así que Slow Food é agora a única resposta autenticamente progresista.
Isto é o que significa a auténtica cultura: o desenvolvemento do gusto en lugar do seu decrecemento. E que mellor camiño para conseguilo que un intercambio internacional de experiencias, coñecementos e proxectos?
Slow Food garante un futuro mellor. Slow Food é una idea que precisa una gran cantidade de partidarios cualificados que poden axudar a converter este movemento (lento) nun movemento internacional, co pequeno caracol como símbolo”.

.

Unha declaración de principios, na miña opinión breve, concisa e ben construída: unha chamada a combater as presas da civilización industrial, e volver a apreciar os beneficios da calma, a reivindicación do pracer, e o redescubrimento dos sabores da cociña tradicional. Mesmo unha referencia ao progresismo desa visión (a autodefinición como “única resposta progresista” non vaticina no entanto nada bo). Finalmente, o recurso á colaboración internacional para conseguir eses fins. Ata aquí, nada que obxectar.

O texto incluído arriba é unha tradución directa do orixinal en inglés, que segue a ser recollido textualmente en case todas as webs. No entanto, a Guía Oficial Slow Food en español, brinda unha versión do Manifesto adecuadamente “posta ao día”: Así, a palabra “progresista” é substituída por “vangardista”, engádese “sen excesos” á defensa do pracer (que alguén me diga onde aparece “sen excesos” na frase “…suitable doses of guaranteed sensual pleasure and slow, long-lasting enjoyment preserve us….”) e desaparece o último parágrafo. Serán os signos dos tempos, digo eu…..

Dende entón ata hoxe moitas cousas ocorreron no seo de Slow Food. Unha cronoloxía completa dos feitos principais pódese atopar aquí.

[Véxome, a partir de agora, obrigado a cambiar de ton porque se isto comeza a aburrirme a min mesmo, non quero nin pensar o que lle parecerá a vostedes. Con que borro as dúas vindeiras páxinas, xa escritas, e retomo o conto:]

Verán, despois de 15 días revisando páxinas e documentos do esloufút teño un batiburrillo na cabeza digno de estar perdendo o tempo en algo de maior proveito. (coidado que teñen gusto estes homes –e mulleres- pola verborrea, recoiro). Agora ben: tras ler Guías Oficiais (novas e antigas), estudar a páxina web do SF International e a moito máis amena de SF Italia como se fose a Biblia, enlaces coa FAO como se fose o Quixote, citas e entrevistas de Petrini como se fose o Libro-Rojo-de-Mao, e ata contar un por un os convivia de cada país do mundo e de cada rexión italiana (xa podían ter algo de consideración os das páxinas da organización), teño unha sensación que non podo menos que compartir con vostedes (non está baseada en nada concreto; chamémoslle un pálpito): para min que todas ou case todas as mudanzas ideolóxicas e organizativas que aconteceron nestes anos no SF foron algo así como ocorrencias, desas que se producen cando combinas dous elementos sumamente perigosos: xuntar nun mesmo sitio a un montón de mentes pensantes e contar cun pastón para gastar. Ao mellor ao final deste serial algún de vostedes rematará por coincidir comigo. Non o sei.

Antes de contarlles máis cousas permítanme unha pequenisma digresión xunto cunha petición aos responsábeis da imaxe gráfica de guías e webs de esloufút: xa sei que seguramente non o fan adrede, pero de verdade, poñan un pouquiño máis de interese na corrección política das fotos, que un está fartiño de ver sistematicamente consumidores, alumnos, cociñeiros, gastrónomos e/ou comerciantes de raza branca e maioritariamente loir@s, xunto con paisanos indíxenas vestidos como se fosen participantes dun festival de Coros y Danzas. Vale, sigo:

Do movemento eNogastronómico (lembro a algún despistado que o prefixo eno- refírese ao viño) do que falaba o seu Manifesto, interesado na recuperación dos costumes alimentarios  tradicionais e partidario dunha vida sosegada e pracenteira (quen non o asinaría, coa condición de vivir no mundo desenvolvido e ter certos posíbeis?) pasamos na actualidade a un Movemento (con maiúsculas) eCogastronómico (non vos soa a palabra a unha das ocorrencias das que falaba?), que ten no mundo nada menos que unha MISIÓN (así figura na portada da web des todos os SF), consistente en (ía resumir, que de verdade que son pesadísimos, pero o texto ten chicha como para montar un rodicio. Vanme permitir sen embargo que subliñe e apostille en coloríns, que é o meu):

1.- Defender a biodiversidade: SF considera que o pracer que nos proporcionan as bebidas e alimentos de excelencia (os alimentos do montón, a rañala. Isto dígoo eu, non se pensen que ven no manifesto) debe combinarse cos esforzos por salvar as innumerábeis variedades tradicionais de cereais, legumes e froitas; as razas animais e produtos alimentarios que corren risco de desaparición pola imposición dunha alimentación sometida pola comodidade e as industrias do sector agrícola (aquí aparece por fin o malo malismo, o Joker, o Dr. No, o Fu-Man-Chú, o Gozilla de SF, e, por ende, do mundo mundial: nada menos que a pérfida Industria Agroalimentaria. Despois veremos que a cousa non é para tanto: poderá ser pérfida, perfidita, levemente molesta, francamente beneficiosa ou merecedora de eloxios sen conto en función, entre outras cousas, da súa xenerosidade á hora de colaborar na organización e financiamento de eventos, viaxes, Universidades, cursos ou ponencias coñazo). Slow Food trata de protexer ese noso inestimábel patrimonio gastronómico (obsérvese que non se fala de patrimonio biolóxico e aten cabos con aquilo dos alimentos de excelencia; a iso chámolle eu amosar o plumeiro vangardista e defender a biodiversidade daquela maneira), a través dos proxectos de Arca do Gusto e de Baluartes (postos en marcha pola Fundación Slow Food para a Biodiversidade) e tamén de Terra Madre.

Máis adiante volverei a fixar a mira en todas esas entidades de nomes sonoros e rimbombantes (especialmente Arcas, Baluartes-Presidia e sobre todo Terras Madres).

2.- Educación do gusto: O gusto é algo subxectivo (que llelo digan a Andoni Luís Adúriz). pero adquírese e é o resultado dunha educación. A industria alimentaria, interesada nunha estandarización dos sabores sábeo mellor que ninguén (e dálle co Fu-Man-Chú. Eu, que pola miña profesión levo case 30 anos en contacto con industriais agroalimentarios grandes, medianos e pequenos, estou pensando seriamente en facer un cursiño para explicarlles iso da estandarización dos sabores, que seica a metade non se enteraron. E, en falando de estandarizacións, habería que explicar en serio o tal fenómeno no referente a viños de alto standing dirixidos todos polo mesmo fato de enológos-gurú. Claro que diso mellor non falamos, que pode ser que a metade deles estean presentes nos Salóns do Gusto e mesmo diten ponencias coñazo). Contra este fenómeno, de fatais consecuencias sobre as nosas terras e as nosas formas de vida (home, para min que esaxeran un chisco. Será cousa da visión melodramática da vida que teñen en Italia), Slow Food puxo en marcha unha serie de programas para todos: ao reactivar e educar os sentidos, Slow Food permítenos redescubrir os praceres da mesa e comprender canto é de importante a procedencia deses alimentos, a forma de produción e quen os produce (Aquí permítanme que exprese, por primeira e non única vez, o meu rebote con estas verbas pretenciosas e prepotentes: pero que carallo se pensan? Ten que vir SF a ensinar a comer á Humanidade? A min, polo menos, nin de coña. Ven o que lles dicía? Xuntáronse un feixe de cerebros a gastos pagos, un soltouno –seguramente á hora das sobremesas- os demais asentiron, e, hala, por escrito e como misión para salvar-la-Tierra. Pois non). As actividades dos Convivia permítennos a todos, socios ou non, descubrir alimentos e produtores, e os Laboratorios do Gusto ofrécennos degustacións dirixidas por expertos alimentarios (ou sexa, paparotas pero con nome fino. Unha dúbida: os expertos alimentarios non haberán traballado na industria alimentaria por un casual, non?). Iniciativas nos medios escolares, como son as hortas escolares de convivium (coñezo non menos de trinta hortas escolares de colexios públicos, algunha con máis de 15 anos de existencia e ningunha delas patrocinada por ningún convivium; para esa viaxe abondaba con menos alforxas, meus) permiten aos máis novos beneficiarse de experiencias concretas en relación ao que comen e ao que eles mesmos cultivan (antes de que o esqueza: unha das experiencias estrela sobre a formación en cultura alimentaria consiste en traballar nun proxecto de educación no gusto nese centro de igualitarismo que é a Universidade de Yale).

Slow Food é cofundador da Universidad de Ciencias Gastronómicas (máis adiante contareilles o que sei do resto dos “cofundadores”), para ofrecer nos seus cursos ensinanzas relacionadas coa cultura, a ciencia e a historia da gastronomía. É para Slow Food un medio suplementario de reunir a innovación e a investigación dos sectores universitarios e científicos, cos sabores tradicionais das granxas e dos produtores alimentarios, a fin de contribuír ao nacemento dunha nova xeración de profesionais alimentarios por todo o mundo (bla,bla,bla….. Aquí cumpría que expresara a miña opinión, en forma de diatriba, sobre a ocorrencia esta de crear Facultades ou Universidades de Gastronomía -a única por agora é a de SF, pero os bascos do Basque Culinary Center sumáronse ao carro, aproveitando un despropósito máis da Universidade á boloñesa que estamos a crear- ou en xeral de cociña, pero mellor deixámolo estar, que non é cousa de abrir outra fronte máis. Ao fin e ao cabo será a maneira máis rápida de darlle un Honoris Causa a Santo Adriá e unha cátedra a Argiñano. De todos modos, chaman a atención as múltiples referencias que atopei verbo do rol apostólico dos licenciados da tal Universidade; hai iniciativas que lembran aos mormóns aqueles que se vían polas rúas de dous en dous, con carteiras, garabatas e pelo curtiño, tratando con pouco éxito de converter infieis)

3.- Poñer en contacto a produtores e coprodutores: Supoño que moitos de vostedes preguntaranse que veñen sendo isto dos coprodutores. Explícollelo con moito gusto: A partires do vixésimo Ano Triunfal SF, os consumidores como vostede ou coma min, e os cociñeros coma…. bueno, os cociñeiros, xa non somos consumidores, pordió. Somos COPRODUTORES, só cunha condición: que sexamos responsábeis, interesados nos modos de produción e, preferíbelmente, que vaiamos co pin do caramuxo na solapa. E eu por aí si que non paso.

Vale con que as ocorrencias ás veces teñen a súa graza, sobre todo se acompañan a un bo Barolo de crianza, pero pasarse o día mencionando a frase inxeniosa dun tal Wendell Berry (“comer é un acto agrícola”) como se fose a quintaesencia da Ciencia Alimentaria, cando en realidade procede dun poeta non demasiado bo, para xustificar a ocorrencia con maiúsculas de bautizar aos consumidores como coprodutores, é unha pasada de frenada de sete estralos. Calquera que teña un mínimo de sensibilidade e teña visto, e xa non digo sufrido, os esforzos, as angustias e as miserias que pasa día si e día tamén un produtor agrario, para despois ter que soportar iso do coprodutor, referido a xentes coma min ou como Santo Adriá, podería xustificar mesmo a aparición de serial killers (o destripador de ecogastrónomos, seica). Xa sei que a tal denominación é moi lucida (Fulanito de Tal, ecogastrónomo e coprodutor) e contribúe a lavar segundo que malas conciencias, pero un pouquiño de respecto non viña mal, xúrollelo.

Slow Food organiza feiras, mercados e mostras de amplitude local e internacional, a fin de expoñer produtos de excelencia gastronómica (de novo, a expresión de marras; un produtor dun país do terceiro mundo que cultive un ecotipo de trigo en perigo de extinción, con técnicas tradicionais, ecosustentábeis e toda a pesca, pero que o seu produto panifique daquela maneira vai de cráneo; nin Salón del Gusto, nin Terra Madre, nin Convivia: ajo-y-agua. Fóra máscaras, digo eu) e ofrecer aos consumidores responsábeis a oportunidade de contactar cos produtores (un dos lugares comúns de SF, tomado, como tantas outras cousas, da tradición do movemento agroecoloxista, é a referencia a favorecer os circuítos comerciais curtos como maneira de optimizar os recursos. Xa me contarán vostedes  a que lle chama SF circuíto curto: a poñer no salón do Gusto de Torino a disposición do “consumidor responsable” carne de vacún ou viño procedente do outro extremo do mundo. De novo, máscaras fóra).
Tamén apoia circuítos de distribución alternativos como os mercados de produtores, proxectos agrícolas co apoio da comunidade ou asociacións de compradores, que contribúen a diminuír a distancia entre produtores e coprodutores (se teño tempo contareilles a vostedes algunhas cuestións xugosas sobre a relación de SF con algún mercado de produtores como o de Area Bay de San Francisco, non precisamente cordiais, ou sobre os proxectos máis salientábeis que recolle o Slow Food News mensualmente).

A ESTRUTURA ORGANIZATIVA.

As comunidades Slow Food.

Como xa teño dito, a organización estrutúrase a nivel de base (ou sexa, as células) nos chamados Convivia (plural de Convivium: a xente culta gusta do latín), que ao principio eran unha especie de clubs gastronómicos locais, e tras a transformación do asunto son máis ou menos o mesmo pero con miras máis altas. Existen Convivia organizados con base local, rexional ou transversal (por exemplo, os correspondentes a unha Universidade). Cando nunha zona determinada aparecen un número suficiente de siareiros, solicitan da organización a creación dun  novo Convivium. Teño lido por aí que se mantén a limitación xenérica de non máis de 60 membros, pero non sei se é apócrifa.

Os Convivia locais ocúpanse da captación de novos membros, organización de eventos culinarios (paparotas) etc. Xa saben como é isto: que se trasladar os obxectivos do movemento á sociedade, e bla, bla, bla….

Dado que non din atopado unha relación completa do número de Convivia por países, e que os números globais variaban segundo as fontes, o que fixen foi armarme de paciencia e ir contando un por un os que aparecen na listaxe de SF Italia. É posíbel que con este método pedestre se me pasara algún, pero de acordo cos meus datos no mundo existen un total de nada menos que 1.177 Convivia (e non os 800 dos que falan nas páxinas), distribuídos de acordo co gráfico (que, dito sexa entre parénteses, tamén é meu):

DISTRIBUCIÓN CONVIVIA copy

Como vemos, case o 80% do Convivia están concentrados en Europa e Norteamérica (aos que hai que engadir o máis do 3% de Xapón). Slow Food é un movemento case exclusivo dos países desenvolvidos? Non; simple casualidade estatística. Para paliar este pequeno problema aparecerá Terra Madre, que, a base de celebrar eventos que levan polo morro a varios milleiros de produtores de todo o mundo (preferibelmente se teñen traxe rexional) a que coñezan as excelencias da vida occidental, sen outro compromiso que aturar un número limitado de ponencias coñazo de expertos comunicadores e gastrogurús emocionais, van producir un “cambio xenético” que vai facer que “Slow Food non deba seguir sendo unha asociación localizada soamente nos países ricos, senón unha asociación planetaria cunha participación nos países pobres” (Petrini dixit, que eu tamén sei algo de latín).

Outra curiosidade estatística: dos 710 Convivia europeos, 340 (ou sexa, a metade) corresponden aos italianos (que alí non se chaman Convivia, senón Condotte. Neste caso non se recorre ao latín). Algún explicará este dato no feito de que Slow Food ten as súas orixes en Italia, pero se lembramos que o seu antecedente (Arcigola) nace só tres anos antes, e que na fundación de SF hai representantes de 19 países, a posíbel explicación cae polo seu propio peso. Home, habería outra explicación máis prosaica: se estivésemos a falar dun movemento de tipo comercial, a localización da central de negocios explicaría o desenvolvemento de actividades nas zonas próximas. Pero, claro, SF non é unha organización comercial…..

No Estado existen un total de 30 convivia (o quinto lugar, tras Italia, Alemaña,  Gran Bretaña e Francia), localizados principalmente en Cataluña e Euskadi. En Galicia, segundo recentes noticias, acábase de crear o primeiro convivium, capitaneado, de acordo coas mesmas fontes, polo xornalista e empresario de turismo rural Jesús Trillo. Entre os promotores e socios fundadores están a Cofradía de Lira, Asociación do Porco Celta de Corcubión, Cooperativa do longueirón de Fisterra, Pan de Carballo, Asociación de Amigos da Filloa de A Baña, Asociación para a recuperación do millo corvo de Bueu, os aloxamentos de turismo rural Casa de Trillo (Muxía) e A Xanela da Lúa (Lira), e o albergue – restaurante Casa Pila (Lira). Tamén parece que se pretende a presentación de candidaturas como produto SF da Centola de Lira, o millo corvo de Bueu e o Porco Celta (non sei se todo ou só o de Corcubión, de onde todos sabemos que é unha raza porcina autóctona, de tradición milenaria e en claro perigo de extinción). Todas estas persoas, a algunhas das cales coñezo, merécenme todo o respecto do mundo e deséxolles de corazón o maior dos éxitos na promoción e venda dos seus produtos e servizos. Agora ben: aquí coñecémonos todos, que é un país pequeno, polo que me atrevo a pedirlles tamén o máximo rigor á hora de expoñer a nosa realidade. Para fantasías temos na Coruña unha empresa de cinema de animación que seica é a bomba.

Organización xerárquica

A estrutura de Slow Food, de acordo co esquema que se recolle na Guía Oficial Slow Food 2008, é a seguinte:

estrutura slow food

Bonito, verdade? Nove organizacións nacionais en pé de igualdade (as correspondentes aos países con maior número de membros), os convivia dos países sen organización nacional dependendo da estrutura internacional, e tres organismos (a Fundación Terra Madre, a Fundación para a Biodiversidade e a Universidade de Ciencias Gastronómicas) dependendo do mesmo xeito da organización internacional. Todo –como era? ah, si: Bo, limpo e xusto -. Só unha pequena pega: que non responde exactamente á realidade. Deixémolo así.

De acordo coa propia información obtida na páxina web de SF Italia, de Slow Food International dependen 8 das 9 estruturas nacionais. A novena é a italiana, creada antes de 1989, baixo o nome de Arcigola –lembran?-, que conserva a antiga estrutura a base de Condotte (as células da organización) e Consello de Gobernadores da que falaba na primeira entrega.

Slow Food Italia é propietaria ao 100% de Slow Food Editore, S.L., editorial que publica as revistas Slow e Slowfood, así como libros de gastronomía, e sobre todo, de Slow Food Promozione, S.L., que se encarga da organizacións dos principais eventos gastronómicos de Slow Fodd: Salón del Gusto, Cheese e SlowFish, así como calquera outro que sexa coherente cos obxectivos SF.

Noutras palabras, a primitiva Arcigola é a propietaria en exclusiva da ferramenta editorial e da de organización da maioría de eventos do conxunto de Slow Food.

Pero é que, ademais, SF Italia participa como socio, de maneira independente de SF International, nos seguintes organismos:

-      A Fundación Slow Food para a Biodiversidade, xunto con SF International e –agárrense- o goberno rexional da Toscana. Desta fundación depende a Arca do Gusto (o catálogo de produtos estrela) e os Baluartes.

-      A axencia de Pollenzo, da que falaremos máis adiante. Unha sociedade anónima participada por SF, socios privados e socios institucionais, creada para a rehabilitación da sede da universidade de Ciencias Gastronómicas.

-      A Asociación de Amigos da Universidade de Estudos de Ciencias Gastronómicas, xunto con SF International, o goberno rexional de Piamonte e o de Emilia Romagna. Esta institución e a promotora e a financiadora da Universidade.

-      A Fundación Terra Madre, xunto con SF International, a Gastrouniversidade, o concello de Torino, o goberno rexional do Piamonte, O Ministerio italiano de Agricultura e o de Asuntos Exteriores. De novo, máis apoio político.insritucional.

Como vemos, a suposta estrutura igualitaria e internacional de SF é unha, digamos, inexactitude (non me atrevo a calificala con palabras máis rotundas por se acaso) . En realidade, a estrutura italiana do movemento, que actúa con plena independencia, e os poderes políticos italianos (dos que xa coñecemos a súa visión solidaria e progresista; non se preocupen, que volverei ao tema das amizades perigosas máis adiante) conforman unha especie de superestrutura que exerce, non sei se  con puño de ferro, un certo ripo de control sobre todo o tinglado.

E máis nada por agora. Volverei dentro duns días con algún tema sabroso, como non podía ser doutro xeito falando de quen falamos.

5 Respostas to “Vaite amodo, Slow Food (II)”

  1. ¡Isto promete!

  2. eSedidió said

    A que si?

  3. F. Míguez said

    Como o artigo é case coma a memoria do meu PFC, voulle comentar por partes (a numeración non corresponde coa súa):

    1º Esa frase de “única resposta autenticamente progresista” deume picores ó pasarlle a vista por enriba. Como di o meu veciño Jablonski, “o problema da esquerda é que todos pensamos que temos a verdade”, ó cal eu engado “aínda é máis problema cando sale un con berborrea que lle coloca a súa verdade a un séquito”.

    2º O defecto desas trinta hortas escolares que vostede coñece é que non transcenden. Falta o detalle ese de enterarnos que todos precisamos comer de vez en cando, e a comida sae de algún sitio (¿cómo era? ¿sine agri nihil? ;D) Ahí temos que botarlle algo de culpa ós que moven iniciativas tan boas pero non teñen as “dotes comunicadoras” de Petrini. Algo poderemos facer vostede e mais eu (e algún outro) ó respecto, digo eu.

    3º Na mesma liña, eu propoño unha cátedra de “coproductores” que consista en sacar o abono das cortes, cargar tractores de toxo, andar a regar entre o millo cando estea co pendón, lavar as tripas do porco para os chourizos, ou descubrir canta herba lle hai que acarrexar a unha vaca cada día hasta que se farta de comer… sería unha mellor maneira de simbiose cos productores, e seguramente quedarían bastante agradecidos.

    4º A altura do gráfico de convivias xúrdenme varias preguntas: ¿cobra vostede por isto? ¿ten escravos? ¿ten a facultade de multiplicarse para facer grandes choios? ¿é vostede un superdotado? ¿cánto tempo libre ten vostede?

    5º Se non nos escaparan os ranchos pola lona do remolque na odisea de hai tres ou catro anos, agora eu tamén podería presentar o Porco Celta de Redondela a SF. Bágoa. ¿Valerá a empanada de choco?

    6º Sospeito que aínda queda conto, pero ate aquí xa lle vou collendo un pouco de recelo ós presentadores de “La 2 noticias” por non se teren tomado a metade do choio que está a levar vostede (sendo oficio deles) antes de facerlle campaña a unha organización que, polo que vexo, e dende a miña ignorancia, vaime lembrando bastante a certa organización relixiosa de orixe española, que para non ter ánimo de lucro ten ben de patrimonio e ós seus “socios” ben colocadiños en moi diferentes instancias e que non cito por medo.

  4. eSedidió said

    Sr. Míguez, de corazón, moitas gracias. Este comentario seu fai que pague a pena todo o curro que me estou a meter para facer algo de luz nalgo que non sabía (e de feito non sei) se era de interese real.
    A min os comentarios seus parécenme bastante máis lúcidos que o propio post, e penso que calquera cousa que eu poda engadir resulta redundante, pero de todos os xeitos imos aló:
    1.- Lendo a famosa frase, e outras moitas (esa é só unha mostra) teño a sensación de que alguén máis que Saulo de Tarso caeu do cabalo camiño de Damasco.
    2.- Non só as hortas escolares. Existen ducias de iniciativas, das que podería estar a falar un mes, que teñen detrás xentes valentes e xenerosas, e que quedan sepultadas polos intereses comerciais, pola falla de interese xornalístico ou por culpa dunha lona dun camión. O triste é cando alguén, con moito morro, se apropia das ideas sen respetar o copyright moral. Ah! e o aforismo é “sine agricultura nihil”.
    3.- Vexo que comprende vostede a falla de respecto implícita no concepto de coprodutor. Seguramente se un urbanita socio de SF e cheo de boa vontade (que son a maioría) le o meu post pensará que é inxusto. O problema é que non comprenden nada.
    4.- En canto ao curro dos gráficos, aínda non ten vostede visto nada :-). E a explicación é sinxela: durmo pouco. E descubrín que, cando un non cobra por pensar, é máis produtivo.
    5.- A empanada de chocos é un produto representante do espírito SF a anos luz por riba da metade do catálogo italiano. Se eu non pensara que xa bastante espeso está o tema faría unha análise dos contidos da Arca do Gusto que ía flipar.
    6.- Queda conto como para unha boda, e xa está escrito. O que pasa é que prefiro ir soltando o resto aos poucos, por non sobrecargarlles as neuronas a vostedes, e tamén porque así me dá tempo de reflexionar e eliminar algún párrafo particularmente ácedo.En canto aos media, que lle vou dicir que non saiba. Ningúen parece decatarse de que o mundo da agricultura e da alimentación é un microcosmos no que están representadas todas as grandezas e as miserias da propia vida e do ser humano, e resólveno con noticias nas páxinas de economía e con reportaxes tipo Reader’s Digest. Peor para eles.
    Só me queda engadir que, a estas alturas, non sei se estou a ser inxusto co movemento (aínda que, ao fin e ao cabo, dada a repercusión do post, tanto ten).Seguro que hai malvados no mundo moito máis malvados ca estes (de feito, estes non mo parecen), e que andan por aí tan ricamente. Algunha Fundación procedente do mundo da informática anda a facer de aprendiz de bruxo en malas compañias xuntando sementes, e xa ve: ninguén lle tose. Pero todo se andará….

  5. F. Míguez said

    Sí, mellor déanolo en tapas que en racións, que non todos levamos a falta de sono igual.
    Tal vez, corríxame se me equivoco, o fallo está en pensar que agricultura e alimantación son un microcosmos; hasta hai un século (tres ou catro xeracións) ocupaban case a totalidade da dedicación humana… e falamos de cen-cento cincuenta anos fronte a dez mil. Non sei se me explico.
    Sobre SF, agardarei ó final para tirar unha conclusión máis ou menos definitiva. Sígalle dando.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

 
Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

%d bloggers like this: