Éche o que hai

Unha ollada crítica (e asocial) ao tenderete alimentario.

A superconsellería (apunte de urxencia)

Publicado por eSedidió o Xaneiro 6, 2012

Boas. Como os lectores galegos saben, houbo remodelación –que non crise…. Quite, quite…. What crisis?- no noso Goberno, que deu como resultado a fusión/absorción da Consellería de Medio Rural na Consellería do Mar.
Uns poucos apuntes en plan urxente, a ver se nos imos enterando:

.

.

1.- A acollida nos medios.
Como sempre, a noticia de verdade estivo na fusión/absorción de Cultura por Educación, con floridas intervencións dos nosos omnipresentes membros da intelligentsia –xa saben a quen me estou a referir- e repetición machacona do tremendo peso do sector cultural galego –disque un 2% do noso PIB-, a debacle asimiladora e demais  –desculpen, que un xa vai aburrido- mandangas. Só despois da análise sesuda, se acaso, dedícanse unhas liñas a comentar a fusión agromariña, definíndoa en ocasións como “superconsellería” e recollendo as opinións dos armadores –non lles parece mal, por que será?- e dalgún sindicalista agrario cabreado, o que non debe ter moita importancia, que eses andan sempre cabreados. Ah, esquecía….. non falla quen cualifica a fusión como a integración nun só ente do “sector primario”.
Dentro dalgúns días, como prometín, vou dedicar algúns posts agarimosos á visión estreita e patizamba que ten a sociedade galega –tamén a española e mesmo a europea- de todo canto significa a agricultura en particular e o medio rural en xeral, polo que o vou deixar aquí, por agora. Sen máis que repetir: non vos enterades, nenos. Ler o resto desta entrada »

Publicado en Uncategorized | 3 Comentarios »

Ramón Guitián: In Memoriam.

Publicado por eSedidió o Xaneiro 3, 2012

Boas. Dende hai algún tempo, as augas da produción de viño –permítanme o tonto xogo de palabras- baixan máis revoltas do habitual: a –presunta- práctica de cobros por visitas a adegas do dúo Jay Miller –ata entón superdelegado do todopoderoso Parker para a cualificación, entre outros, dos viños do Estado- e un tal Pancho Campo –peculiar personaxe que pasou da organización de eventos deportivos por terras do burka a supermegaexperto: nada menos que Master of Wine, que soa a algo así como ser a rehostia cando non é máis ca un título privado de mestrado, sen recoñecemento oficial e outorgado por unha entidade británica que, como sabemos, é unha potencia nisto da produción de viños de calidade- levantou un escándalo –o chamado Murciagate- que rematou coa “dimisión” de Miller e a saída á luz dun ronsel de trapos suxos. E aquí, neste pequeno país, non nos libramos da turbamulta, en forma de caso Rúa: un modesto viño –en prezo e en aspiracións- dunha cooperativa valdeorresa que acada fama mundial pola vía dunha estratosférica cualificación feita polo mesmo Jay Miller. As liñas da polémica neste caso ían dende o fondo –a metodoloxía de cualificación da calidade vinícola levada a cabo por unha revista do sector e o absurdo rol todopoderoso desa mesma revista, da que xa din conta nun post anterior- ata a forma –era o viño cualificado por Miller/Parker o mesmo que se vendía nos andeis do carrefús? ou mesmo: era o viño cualificado elaborado pola cooperativa?- que aínda non rematou. De feito, a polémica –aínda en pequena escala- rexurdiu estes días no blog de Miguel Vila, trufada por descualificacións ad hominem sobre o propio autor do blog e frases célebres de Hebbel, viñeran ou non a conto.
Eu, como moitos de vostedes saben, dediquei unha boa parte dos meus anos mozos ao deseño e implementación de industrias do sector enolóxico, e da experiencia saín cunha visión un tanto cínica dese mundiño e un acendrado amor polos refrescos de cola. Pero como non hai nada como ler tonterías para tirar as arañeiras do cerebro levo uns día a refrescar as miñas fontes de información, un tanto avellentadas, a ver se podemos entre todos facer algo máis de luz neste fárrago de ideas –as menos- e de intereses -os máis-.
E o caso foi que din en lembrar como foran aqueles tempos dos oitenta e noventa, anos de nacemento de adegas por obra e gracia das axudas públicas, de primeira aplicación das novidades tecnolóxicas á produción e de fixación dos perfís do que hoxe son as nosas denominacións de orixe. E  xustiño antes da irrupción no mundo do viño do pijerío  vigués, da pasta da fariña e do ladrillo despois e, por último, da galaxia do artisteo cinematográfico, teatral e literario. E así ata esta época de gastromamoneo, de parkerización e de aplicación de melloras tecnolóxicas sen ton nin son.
Na miña lembranza aparecía unha e outra vez unha figura, a de Ramón Guitián, da que lles quero dar a vostedes conta, en primeiro lugar porque me honrou coa súa amizade, e en segundo porque representou moitas da ideas que hoxe van pouco a pouco véndose arrombadas pola procura dun éxito comercial que hoxe parece doado, pero que  moito me temo que a longo prazo pode supor a debacle do sector. Ler o resto desta entrada »

Publicado en Uncategorized | 4 Comentarios »

Inocentes

Publicado por eSedidió o Decembro 27, 2011

Boas. Se o ano pasado, por estas datas, publicaba un  conto de Nadal, que nin se desenvolvía no Nadal nin era un conto, este ano vou tentar espertar en vostedes ese lado infantil que estou seguro que posúen, por máis agachado que estea. E cando digo “infantil” non me estou a referir ao arrecendo a Nenuco, nin a todos eses tópicos que converten a infancia no tempo da ledicia e da brancura. Antes ao contrario, pretendo resaltar ese lado sádico, ás veces raiano na sicopatía, que agacha o comportamento dos nenos baixo a fachada da inocencia, e que queda despois sepultado na madurez baixo moreas de convencións sociais. De feito, ás veces dame en pensar que Herodes  foi un persoaxe inxustamente tratado pola Historia e que, nun mundo máis xusto, podería ser perfectamente cualificado como paradigma da filantropía. Bueno, aquí seica paseime un anaquiño, pero vostedes seguro que entenden o que quero dicir.

Desta trátase de algo que escoitei pola radio un día de primavera, concretamente a véspera do Día da Nai, e que me sumíu primeiro na perplexidade e despois na maior das hilaridades. Só tempo despois, unha vez asimilado, decateime do seu profundo sentido metafórico, que é o que lles quero propor a vostedes.

 O noso protagonista está relacionado co mundo do gastromonsergueo, mundo  que, como vostedes saben, non me suscita outra cousa que simpatías. E dentro dese benéfico universo, existe un persoaxe singular: cociñeiro, altogastrónomo, rockeiro, moteiro, pizpireto e dicharachero. Sobre todo dicharachero. Trátase de Sergi Arola, que ten a virtude de espertar en min a maior das tenruras, tal como se se tratase dun teletubbie.

Ler o resto desta entrada »

Publicado en Uncategorized | 8 Comentarios »

Lembranzas de améndoas 2011: The end

Publicado por eSedidió o Decembro 24, 2011

E aínda había outra rosca, que caeu no fragor do almorzo, e tres máis que durmen no conxelador á espera de novos experimentos. Se desta non reventei…….

.

.

.

.

.

.

.

.

.

.

.

.

…. e dos viños falaremos outro día. Dous son exemplos magníficos. honestos e pouco habituais por debaixo dos 6 euros, e os outros dous son o froito dunha interesante experiencia de crianza de mencía con carballo galego e de godello con acacia levada a cabo, ente outros, pola universidade de compostela.

 

Feliz noite.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Publicado en Uncategorized | 4 Comentarios »

Lembranzas de améndoas 2011: quentando motores

Publicado por eSedidió o Decembro 19, 2011

Boas. Algúns de vostedes lembrarán o post que, baixo o título Lembranzas de améndoas publicaba no Nadal de 2010, no que relataba que esas datas eran para min de reencontro coa tradición doceira familiar, versión king size. Xa pasou un ano dende entón –ou un século, ou toda unha vida- e toca agora retomar os ritos. Pero este ano xureime que non me collería desprevenido, e aquí ando, dedicado a aplicar os meus escasos coñecementos de loxística ao nobre propósito de elevar o nivel de hipercolesterolemia da parentela, aplicando ao tempo os consabidos recortes orzamentarios.

Este Nadal, ademais dos roscóns dos que lles falaba, a cousa vai de festival de améndoas, a base de amendoados e manteigadas. Que que carallo pintan as améndoas nas manteigadas, dirán vostedes? É que son manteigadas éche o que hai, digo eu, e despois explícollo.

O primeiro paso, entón, consiste en facerme coas materias primas básicas, iso si, en magnitude industrial: fariña -de forza e fina de repostería, que a do país anda cara-, azucre, améndoa, ovos, canela e lévedo de panadería. Primeira expedición ao Makro e tema resolto. Xa sei que non é o mesmo empregar ovos de aldea que ovos “camperos” de Coren, pero tampouco é o mesmo o BCC que a Cidade da Cultura. Dediquémonos pois a continuación a resolver o tema “factores limitantes”.

A manteiga cocida de vaca.

Non me sexan vostedes túzaros e non me vaian confundir tal delicatessen coa manteiga de porco, como fixo un indocumentado dependiente do corteinglés ao que recorrín nun momento de ofuscación.

A manteiga –manteca, en español- cocida non debe ser confundida coa manteiga –mantequilla, de novo en español- e foi durante moito tempo a base da nosa repostería tradicional. O problema é que, sinal dos tempos, é unha especie en vías de extinción e está a ser substituída pola manteiga/mantequilla, con resultados nefastos, na miña opinión. Se teñen ocasión fagan a proba e despois me contan.

Na súa forma de preparación tradicional, a manteiga obtense por cocción, a lume manso, da tona do leite, de maneira que se evapora a auga e os sólidos lácteos decantan, aproveitándose exclusivamente a fracción graxa. O resultado é moi semellante ao que no Indostán é coñecido como ghi e nos países árabes como samnah. Aínda que os hindús atribúenlle propiedades máxicas, a realidade é que unha bomba de colesterol (39 g cada 100 g de produto). Pero un día é un día. No forno de Tui viña en vexigas de porco, procedente da aldea, e na fase doméstica dos anos 70 obtíñase vía termos á metade pontevedresa da familia cocendo tona durante todo o ano, aproveitando que o leite  daquela proviña das leiteiras ambulantes.

A preparación moderna lévase a cabo por centrifugación da manteiga/mantequilla, separando as tres fraccións –líquida, graxa e sólido lácteo- por densidades. O sabor é menos pronunciado que o tradicional, pero infinitamente mellor que o da manteiga/mantequilla, e pode servir.

Como resolve un urbanita voluntarioso coma min o fornecemento en cantidade e calidade? Basicamente coñezo tres métodos:

O primeiro, ao que chamaremos de “fase ascendente de ciclo económico”, consiste en acudir á Casa dos Queixos, na compostelá rúa de Bautizados –moi pretiño do Toural- , onde teñen á venda unha delicatessen a prezo de bautizado no Palacio Real -máis de 20 € o quilo-, e polo tanto, inasequíbel para un simple mortal nestes tempos de austeridade.

.

.

.

Ler o resto desta entrada »

Publicado en Uncategorized | 8 Comentarios »

Éche o que Hai returns (ma non troppo)

Publicado por eSedidió o Decembro 14, 2011

Moi boas, amig@s. Xa avisara eu no seu momento de que tiña a esperanza de non despedirme definitivamente, e que, se a situación mudaba e recollía novos folgos, volvería a compartir con vostedes a miña voz.

Eu novos folgos non teño, e a situación mudar mudou, pero para mal: cando eu escribía o meu epitafio nin vostedes –bueno, ao mellor algún si, que sempre hai repunantes- nin eu tiñamos a menor idea de que carallo viña sendo iso da prima de risco. E velaquí que agora vémonos todos metidos nunha turbamulta de noticias de infarto nos informativos das sete da mañá, de procesos catárticos daquela maneira, de políticos  curtos de vista –todos, absolutamente todos- e de solucións que non resolven nadiña. En definitiva: instalados nunha sociedade cun motor que usa de carburante o pánico colectivo ao porvir. Pois benvidos ao clube, meus, que mal de moitos, xa saben.

E logo, pensarán vostedes, se as cousas van fodidas e este home máis optimista non parece, a que ven esta sorte de resurrección ao terceiro mes?

Pois a dúas razóns. A primeira unha proposta –da que lles darei conta no futuro se chegara a callar- desas irrenunciábeis, que pode facilitar a difusión desta leira e sobre todo elevar o meu ego a límites estratosféricos. E eu de ego non lles ando sobrado.

A segunda razón élles moito máis éche o que hai, e seguramente máis decisiva: que vou rematar con gangrena de tanto morder a lingua diante do falabarateo que está a infestar  os media –dese pozo de lugares comúns e mentecatez que son as redes sociais non falo, que xa coñecen vostedes que eu non lles son de peixe-. Xa nun caso –a famosa declaración/manifesto do comité asesor do Basque Culinary Center dirixido aos cociñeiros do futuro- recorrín ao asilo político en forma de aloxamento temporal na leira dos meus amigos de Gastromimix, pero seguir así sería abusar e non lles teño vocación de okupa, sobre todo desque cortei o pelo.

De maneira que volvo, iso si ma non troppo e con novidades. Quere isto dicir que irei a modiño en frecuencia e sobre todo en lonxitude dos escritos, que nin vostedes nin eu estamos para ladrillos e ademais seica profundar non é moderno. Agora si: a sesudez e a mala baba moito me temo que van seguir sendo as mesmas. Como mínimo.

As novidades atinxen aos contidos. Nesta nova xeira vou procurar estar moito máis atento ao  sector agrario e ao medio rural galego, e non tanto á alimentación en xeral e ao gastromamoneo en particular. Os motivos? Basicamente, que ao noso mundo agrario pásalle nos media galegos o que ao país en xeral nos media españois: que só sae neles cando aparece un crime ritual ou unha romaxe con cadaleitos. Nos nosos medios –con excepcións contadas, moi contadas- só se fala do agro cando unha tractorada arruína a axenda dos poncios, cando nunha aldea baten o record guiness cunha pota de callos ou cando unha ex yuppi megapija monta unha granxa de vacas cool arroladas con música de Mozart e decorada con murais naïf. E o mesmo cómpre dicir cando falamos do mundo blogueiro: non existen espazos dedicados en exclusiva á produción agraria, e, como moito, os produtos do campo aparecen no seu rol de materia prima para a industria.

E o caso, meus, é que estamos a cometer unha tremenda estupidez. Énchesenos a boca de palabras rimbombantes sobre o papel estratéxico da agricultura –a políticos, a xornalistas, a blogueiros e a público en xeral- pero á hora da verdade os programas electorais dos partidos non amosan outra cousa que baleiro, as novas sectoriais aparecen como notas a pé nas páxinas de sociedade (¿¿??) e o blogomillo só se ocupa do agro –no mellor dos casos- cando dá en parir un produto exótico ou trufado de suposto glamour.

E non é xusto. E o que é peor: non é intelixente. Estamos a mirar cara outro lado, ocupados en polémicas sobre murciagates e gastroestrelas, esquecendo nada menos que somos o que comemos, e que as estratexias –en moitos casos moi planificadas- da globalización están a levar á agricultura cara un futuro no que comeremos radicalmente distinto, e, polo tanto, remataremos por sermos radicalmente distintos.

De modo que velaí vou. Sei perfectamente que é moi posíbel que a aridez da nova temática do blog bote fóra a moitos dos lectores, pero, xa saben: éche o que hai. De todos os xeitos aviso que o espazo agrario ten oportunidades a eito de meter dedos no ollo e de apalpar xenitais, e xa saben que un, modestamente, ten xa pedigrí neste mester.

Por último, unha declaración excusatio non petita. Como moitos de vostedes saben, eu son un técnico de formación xeneralista que, como moito, pode acreditar un certo grao de coñecemento no terreo da alimentación e da planificación. A produción agraria non é o meu espazo natural de traballo, polo que pido anticipadamente desculpas polas gambadas que poda cometer ao tratar asuntos moi específicos.

Quédalles de aperitivo a miña nova declaración de intencións en forma de tango respondón à la façon etxeoquehai, ou sexa, sen acento porteño. Xa sinto que teña que enlazar pedestremente ao goear, pero estou á espera dalgunha alma caritativa que me facilite algún modo de aloxamento gratuíto e sen publi. É que eu antes aloxaba as miñas execucións no wordpress, pero teñen o pernicioso costume de cobrar e non están os tempos para dispendios.

Iso é todo, polo de agora. Permanezan atentos, se fan o favor, que despois das festas falaremos, entre outras cousas, de política (agrícola común) e de por que eu son bebedor de cervexa –e pouca- no canto de viño.


Publicado en Uncategorized | 6 Comentarios »

Esquecera a esquela

Publicado por eSedidió o Setembro 8, 2011

É que anda un estes días que non sei eu…….

-

Dedicado a todos vós, e moi especialmente ao trío do almorzo de garfo, a saber: o cociñeiro máis tatuado de toda a galaxia molecular, o rei do zume de arandos e á estrela emerxente das nosas ondas, que provisionalmente exerce na radio do hospitaliño, pero que todo se andará.

 

E péchase o concurso do post anterior, co máis absoluto dos fracasos como resultado, como non podía ser doutro xeito. E iso que a resposta era doada de pelotas:  Servidor dicía “Árdell’o eixo”, o que demostra que andan vostedes fatal de ouvido e de participación en troulas enxeberes.

 

E agora si. A rañala.

Publicado en VIDEOS | 20 Comentarios »

Epitafio musical.

Publicado por eSedidió o Agosto 21, 2011

Boas, amig@s. Como sabedes, hai uns meses Éche o Que Hai anunciou a despedida. Dende entón escribín algúns post, porque non é doado desprenderse de segundo que adicións e porque as vosas respostas en forma de lecturas e comentarios me animaban a seguir. Pero todos sabemos que xa non foi o mesmo.

Hoxe si que é o final desta xeira que me serveu para manter o contacto con vellos coñecidos, establecer pontes que, quen o sabe, ao mellor son o xérmolo de grandes amizades e, tamén, por desgraza, dar lugar a algúns desencontros froito da miña coñecida bipolaridade. A todos, un millón de grazas e aos últim@s, a miña petición de perdón máis sincero.

Se algún día as circunstancias son outras e volve a ilusión por contar algunha das miñas cousiñas, etxeoqueai reaparecerá. Mentres tanto, ate primeiros do ano que ven -cando vence a miña suscrición- o blogue permanecerá visíbel.

Un consello para os interesados no asunto aquel dos OXM: están  producirse moitas novidades, algunhas boas (a aceptación do Codex Alimentarius sobre a etiquetaxe) e a maioría malas (o proceso imparábel da Segunda Revolución Verde en África, concretado nun proceso de compras e alugueres masivos de terras por parte de potencias emerxentes, e nomeadamente a “progresista” China). Estade atentos.

E a última frikada. Cambio climático antropoxénico, CO2 e efecto invernadoiro: non vos creades todo o que ledes por aí. Non vaia se-lo conto.

A miña despedida vai ser con musiquiñas. Déixovos aquí as cancións que tiña preparadas para ilustrar algún outro post, e que xa non vou usar. Dalgunha síntome particularmente orgulloso, e algunha outra está gravada de maneira apresurada e en condicións precarias -o micro kaputt-. Como sei que algúns lectores gostan particularmente, aquí quedan en plan epitafio e tal. Unha forte aperta e ata sempre.

ACTUALIZACIÓN:  Como non quero deixar este mundo do blogueo (e o outro) sen probar a facer un concurso deses tan populares noutros espazos máis provectos, velaquí queda a miña perla derradeira:

Pregunta: Que dí servidor en Bright Side of The Road, no minuto 1:37?

Pista. En inghlés vai ser que non é.

O premio consistirá nunha copia do Éche o que Hai 3: Os Negros da Iberia, con 16 afamadas versións, incluíndo caixa e carátula.

THE GAMBLER

BRIGHT SIDE OF THE ROAD

TUMBLIN’ DICE

ALL RIGHT NOW

http://www.eoq.eido.biz/musica/foryou.mp3

Publicado en Uncategorized | 15 Comentarios »

O que non se consola….

Publicado por eSedidió o Xullo 7, 2011

Escoitado hoxe, as 21:10, en Tele5. Cito textualmente: “Cuando eyacula un gallego, saca casi el doble de espermatozoides que cuando eyacula un catalán“. Acto seguido recoméndase as nais catalanas que lle dean aos seus fillos a froita pelada (supoño que falarán dos plátanos).

Sen querer fuchicar moito na ferida, ocórreseme que a Xunta debería poñerse mans á obra para incorporar ao SERGAS o Servizo Galego de Sementais. Item máis, aí temos unha oportunidade de negocio, á vista de que o de potenciar a agricultura non é moderno, e ata un motivo para que os amigos cataláns deixen de protestar polo do noso AVE: o turismo espermatozoico.

Publicado en Uncategorized | 7 Comentarios »

O dazibao filantrópico. Aritméticas indignadas (e dous)

Publicado por eSedidió o Xullo 4, 2011

Boas, como non gosto de deixar as cousas a medias, despois dunha paréntese aquí estou de novo disposto a rematar a miña exposición aritmético/recreativa sobre as pizpiretas propostas que están a se converter nunha sorte de verdade revelada ao mundiño indignado, para maior gloria de Don Cayo e Dona Rosa (agora que o vexo, así colocados os nomes parecen os dun dueto cómico de zarzuela chulapona). Estou a falar, lembrarán vostedes, das manobras para modificar o noso sistema electoral, no que atinxe á distribución de escanos.

Nos comentarios da entrega anterior xurdiron dúas cousiñas que vou tentar resolver antes de me meter en fariña. Por unha banda, algún reclamábame o cadro do que tirara os resultados. E velaquí o teñen, se dispoñen dunha lupa. Como xa explicara, trátase da aplicación da regla D’Hont ao conxunto dos votos das eleccións de 2008, sumando os votos estimados de Bildu, e supoñendo un distrito único, tal como desexaría o dueto cómico do que antes falaba.

A segunda cuestión responde a que eu fixera una pequena trampa/simplificación: supor que a totalidade das forzas nacionalistas concorrerían xuntas ás eleccións, o que resulta bastante improbábel, tendo en conta que nalgunhas comunidades existen dúas ou máis forzas con divergencias ideolóxicas de fondo. De acordo con  isto modifiquei a hipótese, dividindo o conxunto de votos nacionalistas en dúas coalicións, tal como adoita ocorrer nas elección europeas, e cunha das coalicións claramente hexemónica en votos. Aplicando o mesmo método, o resultado agora sería: PSOE 163, PP 143, Nacionalistas I 23, Nacionalistas II 13, IU 11 e UPyD 4. Como podemos ver no Cadro, os datos seguen a ser igual de teimudos.

Aproveito para reiterar que estes datos non pretenden ser proféticos, posto que están referidos ás eleccións de 2008. Algún de vostedes pode preguntarse por que non emprego os das últimas eleccións de 2011, e a resposta é sinxela: ademais do obvio -datos heteroxéneos e diferente comportamento electoral- tamén hai que ter en consideración o importante peso que, no caso de eleccións locais, teñen as agrupacións electorais e as candidaturas independentes, o que claramente sesga os resultados. De todos modos, repito que o que se pretende demostrar é que, amén de inxusto e mesmo absurdo, o sistema de circunscrición única electoral non resolve o que para algúns é un problema e para moitos unha esperanza: o forte peso político que no Estado presentan as forzas nacionalistas, os sexa, de la antiespaña, que dirían na intereconomía.

E unha vez resolta esa dúbida que estou seguro lles mantiña insomnes a todos vostedes, pasarei a analizar o outro asunto que nos convocaba: a lenda -ou non- do peso relativo votantes/escaño, ese que dí que un madrileño -ou un barcelonés, que veñen sendo o mesmo, agás no acento- necesita xuntar ducias -ás veces dise textualmente que centeas- de votos máis ca un pobre paleto -aka de provincias- para ter un representante nas Cortes.

Ler o resto desta entrada »

Publicado en Uncategorized | 7 Comentarios »

Vergonza allea.

Publicado por eSedidió o Xuño 25, 2011

Boas. A estas horas estase a elixir o novo Director Xeral da FAO. Dentre os seis candidatos figura o ex ministro de exteriores español Miguel Angel Moratinos, diplomático de profesión e agora parado de luxo.

Penso que nalgunha ocasión xa din conta da miña opinión verbo desa organización internacional, caracterizada pola súa superabundancia de burócratas, a súa romana sede (como o papado) e por combater a fame no mundo pola vía de excretar milleiros de toneladas de documentos, estudos, informes, memoranda e demais, que para a fame moito non servirán,  pero seguramente darán de comer a un bo feixe de publicitarios e empregados no sector das artes gráficas.  Á vista do dito xa suporán vostedes o meu nulo interese polo resultado da elección, e a miña aínda menor esperanza de que esa elección, sexa cal for, contribúa no máis mínimo a loitar contra o principal problema que afecta ao conxunto da Humanidade.

No entanto, fun e piquei, levado da miña incurábel curiosidade, e boteille unha ollada á paxina web oficial da candidatura de ese insigne diplomático, ansioso por saber cal serían os seus méritos ocultos no eido da agricultura, ou polo menos, se quen lle escribira o programa tiña unha idea sequera superficial das estratexias a seguir.

Pois ben: o problema non é que o eslogan que adorna o seu frontispicio (Seguridad Alimenaria Ya y Para Todos) resulte baleiro e tópico. Polo menos non escribiron “para todos y todas”. Nin sequera que ese eslogan resulte contraditorio coa lectura do programa (proponse o obxectivo de acadar a seguridade alimentaria…..para o 2050). Tampouco que o programa en cuestión non teña unha soa idea orixinal, ou cando menos concreta.

O que me resulta de vergonza allea non é iso, meus, senón que, na páxina principal, aparezan, con grande alarde tipográfico, as declaracións dos principais supporters da candidatura. E, quen son? Admirábeis cientifícos, algún Nobel quizáis? Non. Algún político de altura, deses carismáticos? Tampouco, a non ser que alguén cualifique así a o ex presidente mexicano Calderón.

Os apoios á candidatura de Moratinos á Dirección Xeral da FAO están encabezados por….. Sergio Ramos, Tiago Mendes, El Kun Agüero, Diego Forlán e…. pásmense…. Cristiano Ronaldo!!!!!. Todos eles adalides da loita contra a fame do mundo e a seguridade alimentaria xa e para todos (e todas). Xa non digo máis nada.

Bueno, si. Que afortunadamente supoño que Moratinos, se hai algo de sentidiño, rematará por optar ao cargo de embaixador da U.E. en Ulan Bator. E que dan gañas de …. mellor calo, que despois pasa o que pasa.

Actualización: A FAO elixiu hoxe a José Graziano da Silva, enxeñeiro agrónomo brasileiro, ex Ministro Extraordinário de Segurança Alimentar e Combate à Fome do primeiro Goberno Lula. A súa candidatura contou co apoio do propio Lula, pero non consta o de Kaká. Moratinos caeu na derradeira rolda, seguramente por non ter contado con ningún xogador do Barça. Imperdoábel.

Publicado en Uncategorized | 7 Comentarios »

O dazibao filantrópico. Gastronavalladas.

Publicado por eSedidió o Xuño 8, 2011

Boas. Teño que recoñecer que dende hai algúns días estou nun perpetuo vivo-sin-vivir-en-mí.  O meu desacougo non ven da crise, nin do resultado das eleccións, nin dos indignaos, nin da inconclusa procura do becho teutonicida, senón de algo moito menos prosaico e infinitamente máis dramático: ESTÁN EN GUERRA, MEUS!!!. Andan a voar coitelos, tesoiras, machetas, tixolas, potas e ata algún que outro kit de esferificación. E, ao paso que imos, o Gore Cooking vai substituír ao Spanish Taste:  xa non cómpre introducir as  morcillas ou as filloas na cociña de autor para que na carta figure a hemoglobina.

Polo que me conta algún amigo do gremio, a cousa ven de lonxe, pero ata de agora mantíñase agachada, con sucedáneos en forma de civilizadas picaditas nos foros de entendedores. Pesaba moito máis, polo que se ve, a defensa da teta común que as importantes diferenzas ideolóxicas que suscita, que sei eu, se o pil pil é pil pil se ún o fai fozando cun coador ou hai que darlle ao brazo. Tampouco creo que sexa baladí o feito de que, ate hai un par de anos, estabamos -estaban- a vivir a época dourada da compulsión cuchipándica -a versión pantagruel do “a-ver-quen-mexa-máis-lonxe”-: as contas de gastos das relucentes empresas inmobiliarias, das TIC e da publicidade –sen esquecer o rule de cartos en B procedentes da corrupción político/urbanística ou directamente da fariña-, xunto cunha dinámica de consumo que impulsaba á procura da exclusividade por parte d@os devorador@s de suplementos semanais e revistas de estilo en xeral, forneceron as contas correntes dun grupo de afortunados coleccionistas de estrelas, soles e demais corpos celestes da galaxia gastronómica. E máis aínda, as de comunicadores, ideólogos, gastrocríticos, creadores de tendencia e resto de fauna coprófaga que foi medrando ao abeiro deste fenómeno.

Ler o resto desta entrada »

Publicado en METÉNDOME EN CHARCOS | 6 Comentarios »

O dazibao filantrópico. De cogombros (desta sós).

Publicado por eSedidió o Xuño 3, 2011

[Dedicado agarimosamente a D. Mikel Zeberio, co meu agradecemento de pitiño por ter sido iluminado. ]

Boas. Dicía antonte que era o tempo xa, unha vez pasado o máis groso da treboada, de analizarmos algúns puntos máis ou menos escuros ou pintorescos de todo este sainete tráxico, tan semellante en antecedentes e consecuentes a aquel caso da colza -lembrarán os máis vellos-,  aka neumonía atípica, daquela cualificada por un responsábel político da cousa como provocada por un bichito, e que ao final resultou ser obra de varios bichejos.

De todo o mogollón de información coa que se nos está a sacudir dende hai un par de semanas, presuntamente pódense dar como certas as seguintes premisas:

  1. Estamos diante dun novo caso de infección epidémica provocada por unha cepa -ben sexa a denominada O157:H7 ou, como din hoxe os xornais, unha nova cepa- do bacilo escherichia coli, que se manifesta, nos casos máis leves, en fortes diarreas, e nos máis graves, en diarreas agudas con sangue. Nalgúns casos -máis ou menos un 5 a 7% dos casos- , que afectan sobre todo a nenos menores de 5 anos, anciáns e persoas inmunodeprimidas, esta infección pode ocasionar unha complicación denominada síndrome urémico hemolítico, que pode levar á insuficiencia renal, con secuelas a longo prazo -insuficiencia renal crónica, parálise, cegueira, hipertensión severa….- para arredor dun terzo dos afectados polo SUH ou mesmo á morte, nun 3 ao 5% dos casos. Isto é, non se trata de ningunha coña, pero como veremos non é ningunha enfermidade nova e nalgunhas zonas do mundo resulta relativamente frecuente.
  2. A infección está circunscrita aparentemente a área da cidade e rexión alemana de Hamburgo. Aparentemente, os casos aparecidos no exterior desta área corresponden a persoas que nalgún momento pasaron por alí.

(desculpen tanto presuntamente e aparentemente, pero é que eu dende o da colza e a conspiranoia do 15M non me atrevo a dar nada por seguro).

Todo o demais, opinábel.

O becho.

O escherichia coli resúltame un vello coñecido. Como antigo estudante da ETSIA de Madrid, non había práctica de microbioloxía no que non estivese presente o simpático animaliño.  Trátase do bacilo máis estudado dende o seu descubrimento, en 1885, por parte de Theodore Escherich (e de aí o nome), e dun dos máis empregados nos experimentos en bioloxía molecular e enxeñería xenética (se eu estivese aboado ás teorías illuminati tería onde meter o dente).

De entre as centeas de cepas identificadas do E. coli, as máis habituais están presentes no sistema dixestivo dos mamíferos -e, por ende, no noso-, contribúen á asimilación de nutrintes no intestino e á síntese dalgunhas vitaminas. Ao formaren parte da materia fecal, abondan nas augas negras e en xeral son practicamente inocuas. Pero existe, entre outras, unha cepa, denominada O157:H7 [Nota para fikis: A denominación responde ao tipo de marcadores específicos fronte a dous antíxenos, que serven para a súa identificación en laboratorio], ben coñecida dende hai arredor de 40 anos, e que causa estragos nos Estados Unidos e nalgunha ocasión en Europa e outras partes do mundo. De modo que, en principio, de nova epidemia, nada de nada.

As últimas informacións xornalísticas apontan a declaracións de científicos alemáns e seica chineses que afirman ter identificado a cepa responsábel da epidemia -cuestión máis que discutíbel tendo en conta que aínda non está identificado o vector de transmisión, pero deixémolo estar- como unha nova variante, pero os síntomas e a morbilidade son tan semellantes aos provocados pola cepa O157:H7 que, co seu permiso, voume referir a esta -presunta responsábel ate onte-, non vaia ser o conto que mañá aparezca un novo científico a dicir que a culpa foi do chachachá.

Ler o resto desta entrada »

Publicado en DE COMER | Etiquetado: , , | 4 Comentarios »

O Dazibao filantrópico. De cogombros e de avutres.

Publicado por eSedidió o Xuño 1, 2011

Boas. O outro día preguntábanme pola miña opinión verbo do caso dos cogombros alemáns, que, como saben, está a supor unha crise de consecuencias incalculábeis sobre a produción hortícola do sur, e por extensión, de todo o Estado.  Eu din unha breve e pedestre explicación do que entón sabía sobre o tema e da miña libre interpretación sobre causas e consecuencias nun comentario do post anterior. E aí quedaba todo: xa saben que estou retirado disto do blog e só interveño cando atopo algo de interese e/ou me tiran do xenio.

Pero, ai, meus, onte fun e quixen aproveitar as avantaxes das novas tecnoloxías para escoitar en directo a intervención de tres dos meus máis admirados blogueiros nun sarao deses que fan os cociñeiros, desta vez en Zamora, nunha ponencia relativa aos blogues gastronómicos. Ían falar, entre outros, nada menos que o dúo Gastronomía y Cía, o meu gurú Colineta e o grande Xesco, de Gastromimix. Por certo, que se vostedes observan a miña relación de ligazóns verán que, dos cinco blogs gastronómicos que recollo, estaban presentes nada menos que tres, o que demostra sen xénero de dúbidas o meu carácter profético e de creador de tendencias.  Ao mesmo tempo, queríame demostrar a min mesmo que era capaz de escoitar unha ponencia e simultaneamente fedellar nun excel sobre os datos de execución dunha obra, o que, por certo, resultou ser rigorosamente falso.

Pois ben: despois de escoitar as breves intervencións dos ponentes, e previamente ao inicio do debate, a organización amosou urbi et orbe as gravacións das mensaxes dunha serie de gastropopes aos asistentes, o mesmiño que nos Goya, que xa saben o que farda iso. E, ao igual que nos Goya, os contidos eran o mesmiño de insubstanciais (home, se acaso chamoume a atención que un par ou tres de popes manifestaran a súa solidariedade cos asistentes; supoño que sería un reflexo condicionado pola #acampadasol) ata que chegou a intervención dun tal Mikel Zeberio (non teño o gusto, pero é que eu sonlles un inculto), que polo que despois mirei por aí é un ex cociñeiro agora metido a crítico, que erroneamente era identificado no video como xornalista gastronómico – non sei se el se ten por tal, pero é que eu son un antiguo e non lle recoñezo a cualificación a quen non dispón de título ou carnet acreditativo-. Pois ben: este bó señor, nunha intervención dun minuto e medio, deixou -supoño que conscientemente- dúas perlas merecedoras de análise sesuda e que recollo textualmente:

  1. Cualificou aos blogueiros de  “esos polluelos que están un poco debajo de las alas de la gente mayor del mundo gastronómico“. Obviamente, a xente maior do mundo gastronómico deben de ser el e máis os seus amigos escribidores nas revistas esas de papel do caro  que teñen moitos santos, debuxiños e foticos: cinco liñas pretendidamente serias e enjundiosas cada 100 anuncios e 50 publirreportaxes disfrazados de “información” ou “crítica”.
  2. Non contento co anterior, o bó señor permitiuse o luxazo de recomendar aos blogueiros ponentes “que hablen sobre todo de algo importantísimo, que es la formación de los bloggers. No puede ser que yo no hable de valores, de la Bolsa, de las acciones, y cualquiera, hoy, hable de gastronomía, sin saber distinguir un puerro de un ajete“.

O máis sorprendente do caso foi que a ningún dos tres blogueiros aos que antes fixen referencia se lle moveu un pelo do bigote, seguramente por seren infinitamente máis educados ca min -e que o bó señor- ou por coñeceren mellor ca min ao individuo en cuestión e estaren polo tanto curados de espanto. A outra ponente, unha rapariga social-net-victim autocualificada como rubia natural -pero que esqueceu naturalizar as cellas, de cor prebe de luras- manifestou o seu acordo coas verbas do indignado, seguramente por ser amiga. E aí non entro, que xa saben como valoro eu a amizade.

Ler o resto desta entrada »

Publicado en METÉNDOME EN CHARCOS | Etiquetado: | 5 Comentarios »

O Dazibao filantrópico. Aritméticas indignadas.

Publicado por eSedidió o Maio 23, 2011

Moi boas, meus, aquí de novo dedicados á pura filantropía, despois dunha paréntese incivil, propia sen dúbida dun momentáneo  ataque de senilidade.  Vexamos:

De entre os argumentos máis ou menos afortunados con que nos están a abrumar os chicos da five-little-wolves-revolution destaca polo irritante ún, referido á inxustiza do noso sistema electoral, e concretamente a nai de todas as inxustizas: que Izquierda Unida, cun millón de votos -en realidade foron 963.040, ou mellor dito, 781.287 se descontamos os de Iniciativa, que ía por libre- só obtiveron dous escanos -en realidade 1, polas mesmas razóns-,  mentres que o PNV -que cabróns- con 300.000 votos, obtivo seis, CiU con 770.000 obtivo 11 e o Bloque, con pouco máis de 200.000, obtivo dous. Os mesmos ou semellantes argumentos cos que rosadíez aka que-paletos-sois-los-gallegos castiga aos que teñen a desdicha de atopala na tele e ter o mando a distancia como o seu propio nome indica: a distancia. No caso da monxa alférez foron 300.000 votos e, como todos sabemos a estas alturas ate a saciedade, un -mellor dito, unha- só diputado/a.

No caso da bilbaina -realmente é de Güeñes, pero xa se sabe: os güeñeños nacemos onde nos peta- o argumento resulta atronador, e no do tío Cayo -agora colega Cayo, dende que descobreu a natural elegancia do colo Mao con americana politburó- un pouco polo baixiño, pero non menos evidente: trátase da proba escolástica da existencia dun poder oculto que fai que os nacionalistas, eses pérfidos, teñan collidos ao PPSOE polos mondongos. Falo dos nacionalistas non españois, evidementemente, que como todos sabemos son os únicos que existen. Ao xurdir este poderosisimo argumento nas tertulias radiofónicas, os partícipes -polo que se ve todos de letras, cando non directamene iletrados- adoitan engadir das súa propia colleita un argumento adicional: que neste país votan as hectareas, e que non hai dereito a que o voto dun madrileño valla cinco -ou dez, e ata vinte veces, dependendo do entusiasmo/nivel etílico do experto- menos que o dun paleto -adoitan dicir “de provincias”, que ven sendo o mesmo-. Imos pois ao lío: ensinar deleitando.

Para combater esa terríbel inxustiza, sen recorrer ao incivilizado e pouco europeo método do gaseo colectivo ou da expulsión a zanzíbar, os expertos procuraron -e atoparon- unha solución: fóra provincias. Non quedáramos que una-grande-y-libre? Pois lévese á práctica. Unha soa e grande provincia, obviamente con capital en Madrid, todos empadronados no mesmo sitio e así liberamos a la nación española de chantajistas.

Diante disto, barállanse como argumentos -tamén de letras- que a cousa sería pelín inxusta, que anda o rojerío empeñado en cargarse as provincias e non hai xeito, e que o colega Cayo -e llamazares nin lles conto- debe representar de p.m. aos veciños de Campo de Calatrava, pero que non é moito de recibo que o meu deputado non fale a miña lingua. Nada. Minucias. Pelillos a la mar. Chuminadas.

Ler o resto desta entrada »

Publicado en Uncategorized | 14 Comentarios »

Indignábeis?

Publicado por eSedidió o Maio 22, 2011

Boas. Xúrollles que non tiña pensado escribir nada máis que non fora baixo a epígrade do Dazibao. Pero é que están a pasar cousas, moitas cousas. E un aínda ten o nefando vício de ler o que escriben os demais. Ben é verdade que servidor non ten acceso ao feisbús ni ao tuister, e nunca na vida lle chegou un SMS deses de Pásalo, e que polo tanto servidor non está no cerne. Pero o que está a ler non lle está a gostar nadiña. Será que servidor ten o máis nefando vício aínda de ler só blogs deses intelectuais, e que lle repatean segundo que posturas, e que prefire estar caladíño. Porque desta calquera comentario que pudera facer no espazo dalgún amigo/a faría que perderamos defintivamente as amizades. E servidor valora moito máis as amizades que a revolución.

De modo que vou facer o único que cómpre e sei facer. Adicar unha cancionciña aos rapaces e raparigas que están a descobrer o que é falar cun megáfono nun espazo público, aínda que non se digan máis que inxenuidades. Tranquilos, meus, seguide a falar, a debater, que os contidos xa virán despois co tempo. Dígovolo eu, que teño cunchas abondo.

E adicárllela tamén a todos aqueles que quixeron arrimar o lume á sardiña a ver se pillaban, e que, de non seren os asamblearios da facción flower power, seguramente terían servido de materia base para un churrasco. Para vós, agarimosamente, palanganeiros de Izquierda Unida, Bloque e supoño que por aí adiante dalgún outro conxunto de imbéciles: non vos enterades de nada.

Por último: adicarllela a tod@s aquel@s que acreditan que as revolucións só son tais se as fai un militarote cos miolos cheos de chatarra, demagoxia e autocomplacencia, coa única condición de que despois faga “política de esquerda”. Como se facer política de esquerda fose garantía de nada, en ningures.

E o demais son anécdotas.

E velaí vai a cancionciña: nada menos que o street fightin’ man, de cando os rolling erán alguén, só que cunha pequena modificación no estribillo:

E logo, que pode facer un pobre home
agás escribir un estúpido blog?
porque nunha durminte vila galega
non hai lugar para un loitador da rúa.
.

Publicado en Uncategorized | 4 Comentarios »

Tempos revoltos, de novo

Publicado por eSedidió o Maio 8, 2011

Boas. Estaba eu fedellando nas estatísticas do tenderete cando descobrín que o post que menos visitas recibira foi un dos primeiros que escribíbín -daquela non coñecía isto nindiola-, vai para ano e medio, titulado “Tempos Revoltos”, que para min seguramente é o máis sincero que publiquei. E, léndoo de novo, paréceme totalmente inxusto, non porque eu pense que as tonterías que escribo e/ou canto paguen a pena, senón porque, se vostedes gostan ás veces dunha cousa ou da outra, estou seguro que van gostar deste.

Por outra parte, o que eu daquela cualifiquei como tempos revoltos son hoxe bastante máis revoltos aínda. E se daquela compría encirrar os dentes e pelexar, hoxe é o tempo de facer moto máis. De modo que velaí vai de novo ese post, coa intención de aportar unha pouca de esperanza, xunto coa tradución da letra da cancionciña en castelán. Verán que é do mellor traído:

Rastrojo

Gime el rastrojo, triste y solitario
acunando la noche oscura y fría
perdiéndose en la mirada de la ventisca
que canta al son del viejo campanario.
 
Gime el rastrojo, preso de melancolía
olvidado, enloquecido, dominado
escondido entre las sombras de los montes
sin fuerzas, sin color y sin voluntad.
 
Gime el rastrojo, transpirando lluvia
en los campos que la siega mutiló
durmiendo viejos sueños que soñó
 en el alma una pena enorme, intensa, aguda.
 
Pero es preciso morir y renacer
sembrar en el polvo y volver a cosechar
hay que ser trigo, y después ser rastrojo
hay que sufrir para aprender a vivir
y la vida no es existir sin nada más
la vida no es: día sí, día no.
Se hace en cada entrega, alucinada
para recibir aquello que aumenta el corazón.
 

TEMPOS REVOLTOS

“Sonvos tempos revoltos, meus, tempos de invernía, de silencios, de saraiba, de brétema e de saudade. Sonvos tempos de crise, que queredes. Tempos de tristuras. Ás veces a dor e a soidade turran por nós, pero somos quen de sabermos que cantas veces fomos ao chan, tantas veces nos erguemos. Sonvos tempos revoltos, si. Pero éche o que hai, e nunca choveu que non escampara. De certo que a semente entre o restrollo vai agromar outravolta. Os tempos ruíns non duran sempre.”

Así escribía eu, hai uns meses, para algo que agora non ven a conto, e acompañaba o texto coa canción que eiquí vos ofrezo.  Trátase da versión en galego-portugués (máis que nada porque son incapaz de resistir ao tirón do acento portugués e remato parecendo de Coímbra) dun tema de Mafalda Veiga, chamado Restolho. A primeira vez que a escoitei, hai agora 6 ou 7 meses, e pasando uns momentos nada bós, fiquei absolutamente namorado dela (da canción, non da autora) e non parei até que a din cantado, para o que tiven que deixar no armario a miña voz de augardente, e ata a sexta ou séptima intentona non conseguín cantar do tirón sen que ma cortaran as bágoas.  Ao mellor a moit@s de vos resúltavos cursi, pero a min paréceme unha das cancións máis bonitas que nunca escoitei e, sen dúbida, a máis fermosa que eu nunca cantei. Se consigo transmitir algo da saudade, a tristura e a esperanza que eu descobrín nela, seguramente a disfrutaredes coma mín.

De novo trátase dun tube, como excusa para poder insertar os subtítulos en euskera. Seguramente a estas alturas algún de vos preguntarase pola miña teima nesto das traducións galego-euskera e viceversa. A cousa é moi sinxela, e algúns de vos xa a teñen apontado: non hai, por desgraza, pontes culturais entre os dous pobos, fóra das conexións coxunturais políticas e pouco máis. Eiquí, da súa música coñécese moi pouquiño, especialmente da máis recente, e vivemos de costas a unha potentísima tradición de música vocal dunha calidade fóra do normal, con referentes como Mikel  Laboa, Benito Lertxundi ou Imanol, por exemplo.  Alí, de nós coñecen pouco máis que A Rianxeira e a música celta,  polo que eu teño falado. O atranco da comprensión do idioma é case insalvábel. É por iso, e porque as miñas circunstancias persoais o permiten, que estamos empeñados en crear un pequeno conxunto de cancións que servan para contribuir modestamente a unir as dúas beiras do río. Ao mellor decatámonos de sermos moito máis semellantes do que a primeira vista pode parecer.

 

Publicado en Uncategorized | 5 Comentarios »

O Dazibao filantrópico de eSedidió. De vintages, colleitas e cancionciñas.

Publicado por eSedidió o Maio 7, 2011

Moi boas. Esta semana, por vías distintas e non relacionadas, dúas persoas definiron -supoño que en ton laudatorio- ás miñas cancionciñas como vintage. Como esta acepción de vintage -algo antigo, mesmo anticuado, pero de certa calidade- debe ser que comeza a se estender polas redes sociais esas tan útiles para derribar ditaduras norteafricanas e aupar adolescentes ao top ten, aproveito o meu natural filantrópico para desfacer equívocos sobre os dous temas -a miña deriva retro e o significado do palabro- ao tempo que desprego toda a miña ferramenta profesoril para informar deleitando. Non se me preocupen que vou ser breve. Ou non.

O termo vintage, en inglés, significa vendima, por extensión, colleita, e por máis extensión aínda, ano de colleita. Ou sexa, empregando o termo anglosaxón, un vintage wine sería un viño no que na súa etiqueta figura o ano da súa colleita. Que que carallo fago eu tendo en conta os criterios enolóxicos ingleses, sendo como é que o máis semellante ao viño que producen é o Bisolvon? Pois porque facer non farán, pero beber beben -ou bebían- a eito. De feito, moitas das evolucións no modo de elaboración dos viños europeos -dende os hispánicos ate os franceses, pasando polos portugueses- e a potencia produtiva dalgunhas das súas colonias -pensemos nos casos de Sudafrica ou Australia- obedecen a que o británico é un pobo sedento. Moi sedento. Especialmente as velliñas tipo Miss Marple. E cando eran potencia colonial nin lles conto. Agora son máis de birras.

Pero non nos desviemos da cuestión, que logo pasa o que pasa e temos un novo serial. A min isto dos anos de colleita paréceme un pouco carallada, que queren que lles diga. A non ser en casos como o de Burdeos -que teño as miñas dúbidas-, o da añada xeralizada en viños de calquera pelaxe e calidade -dende os Riojas ate os outrora denostados e agora pizpiretamente louvados viños manchegos, pasando pola sainetesca indicación de ano de colleita para viños de consumo anual, caso dos nosos brancos- é máis unha manobra comercial para aportar un verniz de qualité a viños do montón, enganar a gourmets encorbataos e abultar as contas dos restaurantes do gastroestrelato que unha resposta técnica acaída á variabilidade natural das diferentes colleitas. Fíxense se non nas listaxes de colleitas dunha DOP calqueira e procuren un ano de calidade “mala” ou “moi mala”. Se o atopan invítolles a cear.

Pero dirán vostedes: se o viño é un produto natural, que procede da uva, o lóxico será que dependendo da materia prima así será o resultado final. Pois non. Ou polo menos non aquí e agora. O viño de calidade -aka de prezo elevado-  é algo demasiado caro para deixar obrar a Mother Nature ao seu antoxo. Para eso temos “a moderna práctica enolóxica”. Xa dixera nun post anterior que un viño caro non se escaralla na fermentación. Nunca, e baixo ningunha circunstancia. Faltaría máis. Así, rematamos por ver nos andeis viños DOP idénticos entre si ano tras ano, e ás veces, marca tras marca. Que curioso.

Está ben. As añadas non valen. Teremos que recorrer a outro método para xustificar os prezos cos que San Ferrán, o Beato Aduriz, o párroco Arzak e o resto do Sacro Colexio Gastrocatedralicio deleitan á parroquia. Os expertos. Canto máis expertos mellor. Que quen di que un experto é un experto? É obvio, meus. O mellor cualificador dun experto é…. o experto mesmo. Aquí non valen gilipolleces desas de capacitación profesional, preparación técnica acreditada e tonterías polo estilo. Aquí estamos a falar dunha ARTE. Con maiúsculas. Con moitas maiúsculas. E niso da Arte o goberno ten que ser cousa dos Artistas. Só que neste caso o concepto de Artista é máis achegado á definición que facían en Don Benito (Estremadura) que á clásica (lémbrolles que nesa bonita vila mesetaria chamaban “obreiros” aos que traballaban no campo ou de albaneis e “artistas” aos que traballaban nun banco ou na Xunta).

Ler o resto desta entrada »

Publicado en METÉNDOME EN CHARCOS | Etiquetado: , , , , | 9 Comentarios »

O Dazibao filantrópico de eSedidió. Masas conxeladas.

Publicado por eSedidió o Abril 19, 2011

Boas. De seguro que a entrega de hoxe do Dazibao sorprenderalle a moitos: eSedidió en plan recetitas? Naaaaahhhh…… Pois si. A ver se se van pensar que servidor se alimenta de cheetos….. Aclaro que ún é cocinilllas dende que ten memoria, e mesmo teño que confesar -para a miña vergoña- que teño por algures un trebello deses de facer escumas. E ata un…. soplete!. Si, meus, eu tamén caín, pero espertei a tempo. O mesmiño que aconteceu coa miña conta do feibus.

Bueno, imos ao lío. Masas conxeladas. Pero primeiro permítanme que falemos do conxelador, ese gran descoñecido. Para min, maiormente é un cubículo situado debaixo da neveira que presenta -ou, mellor dito, presentaba- unhas utilidades digamos que dubidosas, a saber:

  1. Receptorio das sobras dalgún guisote, do tipo callos ou luras en tinta. A experiencia demostra que a ensaladilla queda coma o cú, coas patacas convertidas en detritus (non sei que carallo farán os de frudesa, pero francamente prefiro non indagar).
  2. Meter un par de bistés ou un peixe dez minutos antes de que comece a cheirar -mal, obviamente-, situación frecuente no meu caso, que son un deses tipos que cando vai ao super antes da hora de cear compra levado de santo frenesí. O becho en cuestión así gardado perde a capacidade de cheirar, polo que pode ser aparcado indefinidamente ata que chegue o momento de tiralo ao lixo para lle facer sitio a outro par de bistés ou a outro peixe.
  3. Meter o pan que sobra, coa esperanza de ter a previsión de sacalo digamos un par de horas antes do seu uso. Como a esperanza é vana, ao final toca comer o chusco requentado, mesmiño como se fose de tres días antes. Outro día cóntolles o meu método de quentar o pan na vitro sen empregar unha grella, pero hoxe non toca, que estou a falar de conxeladores.
  4. Cando eu era máis moderno, gardar a caña, os licores e ata -puaghhhhhh- o pedroximenez, acompañado de vasos deses de chupito. Agora vou vello, xa non bebo porcalladas e non daba gañado para chupitos rotos.
  5. Gardar recortes. De carne, ósos ou cabezas de peixe “para facer un caldiño”. O primeiro que se aprende é a non gardar, baixo ningún concepto, os tales despoxos en papel albal, que despois non hai maneira de saber que carallo ven sendo o gurruño de cor marrón grisácea que se agacha dentro despois de cinco ou seis meses [Nota profesoral: a conxelación non impide algúns procesos como os oxidativos ou mesmo a actuación dalgunha bacteria, conque non me sexan anarcoides e baleiren o cubículo de cando en vez]. En cambio, se empregan plástico dese de rollos en troques do aluminio a cousa irá mellor: o gurruño seguirá a ser gurruño, pero polo menos non correrán o risco de atoparen un cacho de papel de prata dentro do caldo.
  6. Como ferramente de lotería alimentaria. Explícome: non sei vostedes, pero eu periodicamente véxome acometido dun impulso irresistíbel de mudar os meus hábitos alimenticios. E iso pasa, como non, por facer un exercizo de planificación de menús acompañado dun pantagruélico e esgotador labor de encher túperes con canta comida sá e conxelábel se nos ocorra nese momento. A pega sonche as etiquetas: ou non chegan para tanto túper, ou son compradas nun chino e co frío decalan. Ao final o resultado é termos uns cantos túperes correctamente etiquetados, que obviamente son os primeiros en cair, e uns cantos túperes anónimos, que unen ao seu triste destino a aparición dun curioso fenómeno: a súa metamorfose. Por algunha inexplicada razón [Nota profesoral 2: invito á comunidade científica a aportar hipóteses] o contido dos innnominados comeza a adoptar un aspecto uniforme en cor e textura, axudado pola capa de xeo que aparece na parte superior -é que os meus túperes tamén son do chino-. A conseguencia é que, cando ún quere coller digamos un túper con boloñesa para acompañar uns espaguetis, atópase cunha xenerosa ración de fabas con polbo. E xúrolles que os espaguetis con fabas non son nada moleculares.
  7. Nin sequera ten a utilidade que lle sería de esperar en tratándose dun cubículo de tamaña dimensión: gardar a xamoneira. Os caixóns semellan estar deseñados por un sicópata.

Todas estas razóns son de peso, pero iso era antes. Agora son un firme partidario do emprego do conxelador. É máis:  estou valorando seriamente comprar un arcón deses para meter porcos enteiros con que os nosos paisanos substituíron a elaboración caseira de embutidos e xamóns, para ledicia de Campofrío e, ás veces, da saúde de veciños, parentes e convidados en xeral.

A cousa veu dunha empanada de xoubas. Eu herdei do meu pai o horror vacui culinario e a filosofía esa de que é preferíbel tirar que pasar fame, polo que, cando fago unha masa de empanada, o resultado adoita ser, como mínimo, de masa e media. Un día paseime de entusiasmo e o resultado foi o que vostedes poden supor: unha empanada de xoubas e outra de nada. Antes de verme obrigado a facer unha empanada rechea só de cebola, decidín darlle unha nova oportunidade ao cubículo e gardar nunha bolsa desas de conxelados o resto sobrante.

Dalí a uns meses armeime de valor científico/tecnolóxico e dinlle unha oportunidade á masa conxelada. Iso si, tratábase dunha oportunidade ma non troppo, en forma dunha empanada espúrea e que a penas é merescedora de tal nome: a de bonito de lata, invento moderno, case demoniaco e paradigma da nosa decadencia gastronómica. Teñan vostedes en conta que eu proveño dunha estirpe de elaboradores de empanadas caracterizadas poa contundencia do meghunghe: polos en cuartos -obviamente sen desosar-, sardiñas de tamaño king size, congro, anguía e ata lamprea. O contido dunha desas empanadas dá para una boa paparota, o fondo -de cú de tarteira, ás veces- serve de prato e a tapa para mollar o prebe. Comprenderán vostedes o meu desprezo dese concepto moderno de empanada como unha especie de sandwich triangular e encebolado. Aínda así, como son un tipo flexíbel e tolerante, ás veces rebáixome a tales elaboracións, por razóns económicas e porque son acaídas para levar á praia.

O caso é que a tal empanada, feita cun humilde resto de serie desconxelado e unhas latas de atún claro al natual do makro resultou bastante mellor que a súa proxenitora, feita con máis atención e mellores ingredientes. Casualidade? Deseguido veriamolo: estas cousas excitan o meu lado escuro e científico. E, eu, cando me poño, me poño. Asi que mans a obra a montar un proxecto de I+D+i (neste caso, de i minúsculo).

MATERIAL E MÉTODOS.

Dous experimentos distinto: unha de masa de epmanada e outra de masa de roscón (Ver lembranzas de améndoas).

1.- Masa de empanadas. Desta vez fixen adrede masa para dúas empanadas. a fresca de croques. Dirán vostedes que a elección do recheo contradí o devandito sobre a contundencia, pero o croque é unha excepción ao dito. Sobre todo tendo en conta que na parte de Fisterra fan a empanada con cunchas e todo. A conxelada de zamburiñas (sen cunchas).

Así pois, masa tradicional de empanada, con fariña de forza e país (a0 50%), auga, lévedo, sal groso, un ovo e gramada coa graxa do meghunghe. A metada para unha empanada feita en xaneiro e a metade reservada e conxelada.

2.- Masa de roscón. Ao xeito descrito no post, unha porción de masa do Nadal foi reservada para conxelación despois da segunda fermentación (a falta de formado do roscón e terceira fermentación).

RESULTADOS

Comparadas coas súas respectivas irmás sen conxelar:

1.- Masa de Empanada: A-lu-ci-nan-te. Pero sexamos científicos.

A orixinal fresca era correcta. A conxelada gaña en ductilidade. Co rolo permite un amasado moi moi fino

E o mellor veu trala cocción. A empanada quedou moito máis crujiente (non son horas de andar a buscar termos correctos, e croustillante resúltame algo pedante), como se a graxa do amoado rompese a estrutura da masa, eu que sei. O caso é que se a fresca era propia do meu talento de artista, a segunda resultou digna como mínimo de Aduriz.

2.- Masa de roscón. Aínda máis alucinante. Vexamos:

Despois de deixala desconxelar (unhas catro horas) dinlle forma á rosca e púxena a fermentar de novo. De entrada, comprobei que a fermentación foi bastante máis lenta que as súas irmás frescas. Ás catro horas subiran algo menos que as outras en tres. E na cocción seguíu subindo e rompeu algo a costra, xusto como  gosto. A textura resultou fina fina fina, e o alveolo da masa pódese observar nas fotos.

Ou sexa que xa saben, meus, fagan a proba. Eu, pola miña conta, se me toca a lotería vou comprar un arcón deses e vouno dividir en terzos: un para o polbo (diga o que diga o xenial Colineta, o conxelador vai mellor que a formigoneira ou a lavadora en modo centrifugado, e para mazalo a man xa vou vello), un terzo para empanadas e o outro para roscón. Coas bolsas marcadas cos rotuladores eses dos cedés, por suposto.

E máis nada. Estes días non teño tempo para cancionciñas, polo que lles deixo un tema gravado hai xa un par de anos. A miña versión do here comes the sun, que xa van sendo horas.

Publicado en DE COMER | Etiquetado: , , | 12 Comentarios »

O Dazibao filantrópico de eSedidió. Carlo Petrini: Historia dun saltimbanqui?.

Publicado por eSedidió o Abril 7, 2011

Boas. Eu xúrolles que o de deixar o blog ía (e vai) en serio. O que pasa que nisto de escribir vanse facendo amig@s, xeralmente almas caritativas que saben de que pé vou renco e de cando en vez me envían caritativos correos para comprobar se o meu ritmo cardiaco permanece inmutábel diante das provocacións (caso contrario supoño que terán previsto un plan B do tipo chamada ao 112 ou así). Xa pasou unha vez co Xesco Gastromimix, responsábel indirecto dun agarimoso post sobre  as viaxes dos blogueiros a gastos pagos que tivo como consecuencia que se armara una boa e que este modesto blog fose chuzado por primeira -e derradeira- vez.

Agora volveu pasar, desta vez con Angela, amiga comentarista habitual, que me envía unha ligazón á páxina oficial de Slow Food onde Carlo Petrini excreta un artigo de data 23 de marzo na sección Food for Tought (xogo de palabras que sería algo así como “algo para reflexionar”, pero non sei que carallo comerá ese señor para ter tan malas dixestións) titulado “A Small Revolution”  (unha pequena revolución) da que non me resisto a traducirlles o primeiro parágrafo:

Ao visitar recentemente Marrocos tiven a sensación de estar nunha illa. Mentres moitos dos outros países do Norte de África están sacudidos pola revolución, Marrocos semella ser inmune ás contaxiosas protestas. Probabelmente exista algo de lume baixo das cinzas, pero agora mesmo percíbese como un lugar relativamente máis democrático e tranquilo.”

O resto do artigo é a consabida barrila esloufudie sobre o marabilloso futuro que agarda aos marroquinos se seguen a manter o 50% da súa poboación activa empregada na agricultura, cultivando azafrán, dátiles, comino, legumes e nonseiqué máis, asegurando a biodiversidade, a sustentabilidade e blablabla, blablabla. E sobre todo non lle facendo caso as ominosas voces que falan de industria, que para industria xa están os italianos.

Penso que non paga a pena entrar a profundizar no pintoresco concepto de democracia que parece defender o commendatore Petrini, nin chamarlle a atención a vostedes, avisados lectores, sobre o que representa un 50% da PA empregada na agricultura nun país. Agora ben, na miña opinión, Carlin -como lle chaman os seus próximos, entre os que obviamente me conto-, que leva xa uns cantos anos pasado de freada, jaleado polo mundo gourmet e benpensante, está a ir demasiado lonxe na mestura de linguaxes antiglobalizadoras cara a galería e amizades con alcaldes ex -ou non tan ex- fascistas e tipos tan progresistas como Prince Charles. E o que lle adoita pasar aos grandes homes cando non teñen a ninguén para lle apportar crítica ou, cando menos, poñer algo de sensatez. Lembren se non o conto do rei espido.

Alguén debería pararlle os pés a ese tipo. Se fora dende dentro da organización, daría mostras de saúde democrática. E se non é así, ao mellor é que estamos diante do nacemento, pura e simplemente, dunha secta de adoradores de non se sabe moi ben que.

E hoxe si hay cancionciña, que remedio. Desta trátase duna versión do Riding with the king (en falando de reis….)

 

 

Publicado en METÉNDOME EN CHARCOS | Etiquetado: , , | 13 Comentarios »

 
Seguir este blogue

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.